Preséntase Causa Obreira, unha corrente sindical dentro da CIG, que nace pedindo cohesión interna, maior participación das bases do sindicato e independencia fronte a calquera organización política. A corrente, que se conforma pola unión da Corrente sindical pola base e do Colectivo 10 de marzo, ofreceu este martes unha rolda de prensa en Compostela para realizar a súa presentación oficial, e nas vindeiras semanas oranizará actos semellantes a nivel comarcal.
Fran Cartelle pide que "A CIG se deixe de liortas internas" para poder enfrontar mellor os retos actuais para os traballadores
Causa Obreira nace "para fortalecer o sindicalismo combativo e sen concesións que representa para todos nos a Confederación Intersindical Galega" e neste senso, nas súas declaracións, unha das palabras máis repetidade é cohesión. Neste senso, Fran Cartelle pide que "A CIG se deixe de liortas internas e asuma un gran pacto" para poder enfrontar mellor os retos actuais para os traballadores. "Vivimos un tempo completamente novo, o mundo do traballo sofre unha quebra brutal e o sindicato ten que reinventarse para seguir sendo unha ferramenta útil", di Cartelle, que salienta, sobre todo "a liquidación da negociación colectiva", que obriga a ensaiar "novos métodos e unha nova acción sindical neste novo escenario, que nós entendemos que cambiou completamente".
Causa Obreira afirma nacer para traballar para que o sindicato "recupere a participación democrática das súas bases" e para que seste xeito "conecte mellor coa sociedade"
Os outros eixos desta nova corrente son a participación das bases, a democracia interna e a independencia do sindicato. Causa Obreira afirma nacer para traballar para que o sindicato "recupere a participación democrática das súas bases" e para que seste xeito "conecte mellor coa sociedade". Así mesmo, reclama que a CIG debe traballar con "total indedendencia da estratexia de calquera organización política". Finalmente, afirman que Causa Obreira vai defender dentro do sindicato "unha acción sindical con democracia e pluralidade interna".