A compravenda de vivendas en Galicia cae un 20%, case oito puntos máis que a media estatal

Promoción inmobiliaria CC-BY-NC-SA Praza Pública

Derrúbase o mercado inmobiliario en Galicia. A compravenda de vivendas caeu no país case un 20% en xuño en relación co mesmo mes de 2011 (-19,7%), até un total de 982 operacións, das que o 57,74% foron realizadas sobre vivendas de primeira man e o 42,26% sobre inmobles usados, segundo os datos que vén de publicar o Instituto Nacional de Estatística (INE). O descenso é case oito puntos superior á media estatal (-11,4%).

Por cada cen mil habitantes contabilizáronse 42 compravendas de vivendas en xuño, 11 menos que no mesmo mes de 2011

Do total de vivendas transmitidas na autonomía ascendeu no sexto mes do ano a 2.268, das que 982 foron operacións de compravenda, houbo 24 doazóns, 12 permutas, 412 herdanzas e 832 clasificadas no apartado de outros. As compravendas de inmobles correspondéronse, na súa gran maioría, con vivenda libre (92,16%), mentres que a vivenda protexida acaparou o resto de operacións (7,84%). Por cada cen mil habitantes contabilizáronse 42 compravendas de vivendas en Galicia o sexto mes do ano, 11 menos que en xuño de 2011.

En canto ao número de fincas transmitidas en xuño de 2012, alcanzou no país un total de 7.151, un 19,18% menos que no mesmo período do ano pasado. A cifra por cada cen mil habitantes situouse en 309, por baixo das 382 rexistradas en xuño de 2011.

Das ficas transmitidas, 2.560 realizáronse mediante operacións de compravendas e o dato por cada cen mil habitantes alcanzou neste apartado as 11 operacións, fronte ás 148 de 12 meses atrás.  

No conxunto estatal, a compravenda de vivendas reduciuse un 11,4% en xuño respecto de igual mes de 2011, até un total de 25.405 operacións, das que o 52,3% realizáronse sobre vivendas de segunda man e o 47,7% sobre inmobles novos.

O retroceso interanual de xuño é practicamente igual ao rexistrado en maio, cando a compravenda de vivendas baixou un 11,6%. Coa redución de xuño, as compravendas de vivendas encadean xa 16 meses consecutivos de descensos en taxa interanual. Segundo os datos de Estatística, a compravenda de vivendas novas reduciuse un 12,3% en xuño respecto ao mesmo mes do ano anterior, até sumar 12.109 operacións, mentres que a de usadas contraeuse un 10,6%, con 13.296 operacións.

Promoción inmobiliaria CC-BY-NC-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.