Os galegos e galegas que este mes de decembro comezaron a cobrar a súa pensión de xubilación recibiron un pagamento medio de 1.156 euros brutos. A cifra é lixeiramente superior á de decembro de 2015 (1.139 euros), pero inferior á de decembro de 2014 (1.172 euros) e á de decembro de 2013 (1.165 euros). O importe das novas pensións de xubilación acumulan case catro anos de estancamento, un reflexo das conxelacións e reducións salariais dos peores anos da crise e tamén de situacións en que persoas que estaban preto da súa xubilación perderon o seu emprego.
Racha así unha tendencia de crecemento constante para as pensións contributivas que, por exemplo, fixera elevar a pensión media dos novos xubilados e xubiladas galegas dende os 950 euros de xaneiro de 2008 ata os 1.183 euros de xaneiro de 2013. Hoxe, en cambio, as persoas que se xubilan comezan a recibir pensións inferiores ás que se xubilaron hai catro anos.
As persoas que se xubilan comezan a recibir pensións inferiores ás que se xubilaron hai catro anos
Podemos observar a mesmo comportamento no resto de pensións contributivas (incapacidade, viuvez, orfandade...) e na media xeral das novas altas, situada hoxe nos 929 euros mensuais, fronte aos 944 de decembro de 2013 e aos 922 de decembro de 2012.
As pensións de xubilación foron o soporte que nos peores anos da crise permitiu saír adiante a milleiros de familias galegas
As pensións de xubilación foron o soporte que nos peores anos da crise permitiu saír adiante a milleiros de familias galegas -os fillos, fillas, netos e netas dos e das pensionistas-. Entre 2008 e 2014 o gasto medio naqueles fogares nos que o sustendador ou sustentadora principal tiña menos de 45 anos pasou de 30.746 euros a 24.949; e o mesmo pasou nos fogares nos que os ingresos eran achegados primordialmente por persoas entre 45 e 64 anos (de 35.510 a 30.418 euros). Pola contra, o consumo mantívose estable naquelas familias que dependían da pensión de xubilación de persoas de máis de 65 anos; neste caso, partindo dun nivel de gasto moi inferior en 2008 (22.826), este apenas descendeu ata os 22.176 euros.
Este ano que comeza as pensións sufrirán a maior perda de poder adquisitivo en cinco anos
O importe das pensións, aínda que moi por debaixo da media española e deixando por baixo do limiar da pobreza a importantes colectivos, seguiu crecendo de forma sostida, pasando por exemplo dos 646 euros de xaneiro de 2010 aos 771 euros de xaneiro de 2017, un ascenso moi superior ao experimentado polos salarios. Este incremento sostido das pensións medias débese principalmente a que os novos e novas xubiladas contan con pagamentos máis elevados, o que contribúe a elevar o promedio. Iso si, este ano que comeza as pensións sufrirán a maior perda de poder adquisitivo en cinco anos e, ademais, o estancamento que levan anos experimentando as novas pensións comezará tamén a deixarse notar nas medias totais.