A CRTVG acepta corrixir as bases de cotización do seu persoal, trala denuncia de fraude

Sede da CRTVG, en Santiago © CRTVG

A CRTVG aceptou este venres en Inspección de Traballo corrixir as bases de cotización do seu persoal, despois de que o pasado mes de setembro a CUT denunciara importantes irregularidades e unha fraude que podía superar os 4 millóns de euros. O propio director xeral do ente, Alfonso Sánchez Izquierdo, recoñeceu en sede parlamentaria unha débeda de 1.600.000 euros, declaración que posibilitou o inicio dunha serie de conversas entre denunciante e denunciada.

O propio director xeral do ente, Alfonso Sánchez Izquierdo, recoñeceu en sede parlamentaria unha débeda de 1.600.000 euros

O problema nas liquidacións da empresa coa Seguridade Social procedía da inobservancia do Real Decreto 8/2010, xunto con outros incumprimentos, que provocaron unha merma nas cotizacións que nalgúns casos acadaron os 600 euros mensuais. Na xuntanza mantida esta mañá polas dúas partes aprobáronse cinco criterios de restauración da legalidade que precipitarán a liquidación das cantidades debidas ao persoal nos próximos 6 meses, sen necesidade de reclamacións xudiciais.

Varios incumprimentos provocaron unha merma nas cotizacións que nalgúns casos acadaron os 600 euros mensuais

A través deste acordo a empresa recoñece o dereito do persoal a manter as bases de cotización existentes en maio de 2010 en todos os supostos que contempla a lei, e comprométese a realizar as liquidacións complementarias non practicadas no seu día das persoas que viron a súa antigüidade recoñecida por sentenza xudicial. Así mesmo, devolveranse as contías da cota obreira indebidamente detraídas durante o 2015 nun intento fallido de regularización unilateral empresarial. A empresa comprométese tamén a un recoñecemento certificado desa falta de cotización para que as traballadoras e traballadores que viron mermadas as súas prestacións que hoxe por hoxe xa non cubre a Seguridade Social poidan reclamar a diferenza sen procesos xudiciais inútiles. Finalmente, daráselle igual trato ao persoal fixo que ao persoal das listas de contratación con concatenación de contratos, coa convicción ética e xurídica de que a temporalidade non pode ser baixo ningunha condición motivo de discriminación na cotización á seguridade social.

A partir deste recoñecemento, as traballadoras e traballadores que acceden ou accederon a prestacións neste período pasarán a cobrar estas conforme á legalidade, recuperando unha perda económica "que repercutiu directamente na súa economía, e polo tanto, na súa calidade de vida", sinala a CUT.

As traballadoras e traballadores que acceden ou accederon a prestacións neste período pasarán a cobrar estas conforme á legalidade

O sindicato salienta, finalmente, que con este acordo se "pecha un ciclo de conflito onde as dúas partes sumaron paciencia e razón para superar as diferenzas e acordar en favor da dignidade das traballadoras e traballadores". "Saudamos todo o esforzo investido en chegar a acordos que favorecen unhas relacións laborais baseadas na confianza e a boa fe", engade.

 

Sede da CRTVG, en Santiago © CRTVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.