A Central Unitaria de Traballadores (CUT) presentou unha denuncia penal contra a empresa CLECE SA, concesionaria do servizo de limpeza dos catro hospitais públicos de Compostela, pola "posíbel subtracción" de preto de medio millón de euros da contrata pública que estaban asignados ao pagamento dunhas pagas extraordinarias que a empresa "decidiu negarlles unilateralmente e sen xustificación ás 300 traballadoras e traballadores do servizo", segundo o sindicato.
A central engade que previamente a esta denuncia, a CUT tentou poñer en coñecemento do SERGAS as súas sospeitas, preguntándolle reiteradamente á Xerencia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela se fora a administración quen lle detraera á empresa esta cantidade, "respondéndonos esta administración que non".
O sindicato esixe que os Comités de Empresa e a cidadanía teñan acceso ao detalle dos pactos económicos das contratas, "fiscalizando así popularmente a asignación dos nosos cartos á empresa privada" e denuncia que "se lle está a negar reiteradamente á representación colectiva o acceso a unha información vital para o establecemento das condicións laborais nos servizos privatizados".