A débeda da Xunta bate un novo récord e xa supera os 7.600 millóns

Feijóo conversa coa conselleira de Facenda no Consello © Ana Varela

"Se puidese, inauguraría un monolito ao control do déficit". Un veterano cronista político galego resumía deste xeito hai poucas datas o principal eixo da campaña de Alberto Núñez Feijóo á reelección. Sen grandes logros que ofrecer en materia de obras inauguradas ou de plans postos en marcha é a cuestión financeira, a "solvencia", unha das bandeiras que os conservadores axitan de cara ao 21-O. "Facer máis con menos" e "non gastar o que non se ten" fronte ao "caos" dun goberno de coalición vén sendo a dicotomía que se presenta dende a candidatura do PP. É neste contexto no que o Banco de España vén de facer públicos os datos da débeda das Administracións públicas correspondentes ao segundo trimestre do ano, isto é, en sentido estrito, ata que punto os diversos organismos públicos gastan o que non teñen é dicir, o que piden para poder gastar. E non chegan boas novas para Galicia, que bate un novo récord.

A débeda aumentou un 97% dende o cambio de Goberno

Con 7.627 millóns de euros o Goberno galego acada a cifra máis alta de endebedamento de toda a súa historia, unha circunstancia que en si mesma non é nova, xa que este indicador se vén superando a si mesmo trimestre a trimestre dende hai catro anos. Nomeadamente, cando o gabinete de Alberto Núñez Feijóo chegou a San Caetano atopouse cunha débeda de 3.863 millóns de euros. A finais dese ano o montante total xa subira a 4.842 millóns, doce meses despois estaba en 6.161 e, ao remate de 2011, en 7.009 millóns. Proseguindo esta escalada chegouse aos actuais 7.627 millóns, o que supón un incremento do 97% a respecto do inicio da lexislatura e un 10,17% en relación a hai un ano.

Ante estas contínuas subas dende o Goberno galego, a comezar polo propio Feijóo, apélase a non botar man só das cifras absolutas da débeda, senón do seu peso a respecto do Produto Interior Bruto (PIB) galego. Se ben é certo que este indicador se mantén polo momento por baixo da media das autonomías, situada nun 14,2%, non o é menos que tamén vén aumentando sistematicamente nos últimos anos e que o 13,3% acadado no segundo trimestre de 2012 supón tamén un novo récord, que fica lonxe do 8,8% co que a Xunta rematou 2009. No apartado das xustificacións Feijóo escudábase o pasado luns, durante un almorzo infromativo, en que  "nós subscribimos exactamente a porcentaxe de débeda" permitida tanto "polo Goberno socialista como polo Goberno popular, nin un euro máis". Cómpre, polo tanto, di, "coñecer a verdade" aínda que sexa "con independencia de que aumentamos" o devandito indicador". "Os que nos critican" por isto "son os mesmos que din que fixemos axustes no Estado do Benestar", di en referencia á oposición parlamentaria, polo que lle "gustaría que se puxesen de acordo", conclúe.

Neste mesmo sentido e unha vez coñecidos os datos deste venres a Consellería de Facenda, a través dun comunicado, fixou a súa atención en que a Xunta "mantivo durante toda a lexislatura un endebedamento contrlado e emitiu só a porcentaxe aprobada cada exercicio" polo Consello de Política Fiscal e Financeira. Do mesmo xeito, o departamento que dirixe Elena Muñoz destaca que a ratio débeda-PIB está por baixo da media do Estado.

Feijóo conversa coa conselleira de Facenda no Consello © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.