A débeda de Galicia medra case un 20% no primeiro trimestre

Alberto Núñez Feijóo © Ana Varela

Aumenta, e moito, a débeda de Galicia, que se incrementou un 19,5% no primeiro trimestre deste ano con respecto ao mesmo período de 2011, unha suba superior á media estatal. Sitúase así nos 7.381 millóns de euros, o que equivale ao 12,8% do PIB da comunidade, segundo os datos feitos públicos hoxe polo Banco de España. Deste xeito, o país sitúase como a quinta autonomía con maior volume de débeda no Estado.

Catalunya, Valencia e Madrid supoñen máis do 50% da débeda autonómica

Non chega aos elevados niveis de Catalunya, que acumula 42.000 millóns de débeda, unha cantidade que representa case o 29% do total da débeda acumulada no conxunto das comunidades autónomas. Logo sitúase a Comunitat Valenciana (20.382 millóns) e Madrid (16.572) e as tres xuntas superan o 50% do total da débeda rexional.

No conxunto estatal, a débeda das autonomías aumentou un 15,7% interanual, ata sumar os 145.118 millóns de euros, o que supón o 15,3% do PIB, a cifra máis alta de toda a serie histórica. 

A débeda das administracións públicas alcanza máximos históricos, ao supoñer o 72,1% do PIB

Ademais, a débeda do conxunto das administracións públicas medrou o 5,39% no primeiro trimestre até alcanzar os 774.549 millóns de euros, o que equivale ao 72,1% do PIB, sendo tamén o nivel máis alto da historia. O principal incremento produciuse na administración central, que se incrementou un 5,92%, até 592.572 millóns, que representan o 55,2% do PIB. 

Alberto Núñez Feijóo © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.