Alberto Núñez Feijóo defende que Galicia é a comunidade máis solvente de España. Atendendo aos dátos de déficit orzamentario, que reflicten unha taxa do 1,61%, esa aseveración non é incorrecta. Só a Comunidad de Madrid pechou 2011 cun déficit inferior ao 1,3%, segundo os datos do Ministerio de Facenda. A conselleira de Facenda, Elena Muñoz, acude ao Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) con esta premisa: a de que Galicia é solvente, que fixo "os deberes" e que debería recibir unha compensación ou trato preferente por tal motivo. O secretario de Estado de Administracións Públicas, Antonio Beteta, vén de repetir que o Goberno será inflexible co obxectivo de déficit das CCAA. Nunhas xornadas organizadas por El País e Bankia, Beteta cifrou no 1,5% o obxectivo de déficit orzamentario. Non haberá concesións.
Os datos de contabilidade da Xunta amosan aspectos preocupantes que non prexudican directamente a taxa de déficit orzamentario
Os datos de contabilidade da Xunta, analizados por este diario, amosan aspectos preocupantes que non prexudican directamente a taxa de déficit orzamentario. Pero aínda que non se faga dano a este indicador, hai débeda e hai un incremento nos prazos de pagamento aos provedores. Como apuntou Praza este luns, a débeda absoluta aumentou en máis de 3.000 millóns de euros desde a chegada de Feijóo á Xunta. Entre o segundo e o terceiro trimestre de 2011, cos últimos datos ofrecidos polo Banco de España, houbo comunidades que reduciron a súa débeda (e incrementaron déficit).
CCAA | Gastos en xuros de débeda | |
---|---|---|
Nivel (miles de euros) | Variación interanual (%) | |
Andalucía | 423.269 | 31 |
Aragón | 74.910 | 66 |
Asturias | 29.213 | 92 |
C. Valenciana | 449.161 | 35 |
Canarias | 82.440 | 176 |
Cantabria | 25.255 | 103 |
Castilla y León | 97.579 | 275 |
Castilla La Mancha | 124.769 | 119 |
Cataluña | 930.645 | 50 |
Extremadura | 32.504 | 324 |
Galicia | 131.315 | 122 |
Baleares | 79.403 | 73 |
Madrid | 287.389 | 32 |
Murcia | 72.101 | 58 |
Navarra | 35.458 | 62 |
País Vasco | 80.968 | 282 |
La Rioja | 11.447 | 121 |
Total | 2.967.826 | 57 |
Cómpre ter en conta que parte do deterioro das contas das comunidades autónomas bebe directamente do sistema de financiamento de entregas a conta ás CCAA, en tanto son partidas que non atenden á caída de ingresos nos gobernos autonómicos. Isto é, dáse o caso de que transferencias feitas polo Estado ás comunidades foron superiores ao que deberan ter sido, en tanto ese traspaso de cartos se realizou en base á estimación de ingresos de devandita comunidade, non dos seus ingresos reais.
A débeda
Entre marzo de 2009 e setembro de 2011 a débeda das comunidades aumentou en máis de 50.000 millóns de euros, segundo os datos do supervisor financeiro. Entre o segundo e o terceiro trimestre de 2011 o pasivo das comunidades medrou máis que o do Goberno central. En Galicia aumentou en 48 millóns en tres meses, a razón de máis de medio millón de euros cada día. Comunidad Valenciana, Madrid, Extremadura, Cantabria, Canarias e Baleares foron as únicas CCAA que reduciron o seu endebedamento.
En Galicia a débeda aumentou en 48 millóns en tres meses, a razón de máis de medio millón de euros cada día
O día 30 de setembro o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a orde da Consellería de Facenda, daquela comandada por Marta Fernández Currás, pola cal se regulaban as operacións de peche do exercicio contable. Este mecanismo, que non ten problemas de legalidade, fai que haxa compromisos de pagamento que se trasladan ao exercicio posterior, neste caso 2012. Ao non haber tal desfase orzamentario pola formalización do pagamento da débeda, o déficit non sube. Dáse a casualidade de que o PP andaluz, en varias roldas de prensa, atacou con dureza a decisión de Griñán de adiantar ao 30 de novembro o peche do exercicio contable. A Xunta o fixo un mes antes.
A orde do DOG estipulou que "os documentos contables con cargo aos créditos dos capítulos II e IV terán como datas límite de entrada nas oficinas contables das intervencións delegadas e territoriais, correspondentes a cada centro xestor, as seguintes: O día 30 de setembro: documentos en fase RC para A, documentos A e documentos AD de exercicios correntes e futuros e documentos contables ADOK de exercicio corrente; O día 14 de outubro, documentos contables D de exercicios correntes e futuros e documentos DOK; O día 30 de decembro, resto de documentos contables".
Dáse a casualidade de que o PP andaluz atacou con dureza a decisión de Griñán de adiantar ao 30 de novembro o peche do exercicio contable. A Xunta o fixo un mes antes
O vicesecretario de Política Económica do PP andaluz, Rafael Carmona, pronunciouse así o 10 de decembro ante os medios, nunhas declaracións recollidas por andalucíainformación.es. "É gravísimo, xa que atrasa ao exercicio seguinte un volume de pago importante", algo ao que atribuiu á "dificultade" que, desde o seu punto de vista, ten o Goberno andaluz para cumprir o obxectivo acordado no Consello Económico de Política Fiscal e Financeira (CPFF) de acabar o ano cun 1,3% de déficit.