"A débeda úsase como mecanismo de colonización"

Acción de Attac contra o pago da débeda © Attac

É lexítima a débeda que contraeu España? Debe pagala? Que pasaría se España non o fixese? Hai alternativas? Son democráticas as regras polas que se rexen os chamados mercados? No medio dunha crise que arrasa a zona do euro e que ten a España entre o eixo e a roda do rescate e os recortes, xorden as voces que reivindican a ilexitimidade da débeda e que pon sobre a mesa alternativas.

“Dende hai décadas a débeda usouse como mecanismo de colonización. Se colocas unha débeda a alguén que sabes que non a pode pagar, e que ten ademais que pagar uns intereses abusivos mentres o acreedor está a gañar miles de millóns na súa conta de resultados, esa débeda é ilexítima”, sostén Sergi Cutillas, membro da Plataforma Auditoría Cidadá da Débeda, formada para, coma o seu propio nome indica, auditar a débeda que España contraeu e segue contraendo, e para abrir un proceso que analice o mecanismo de endebedamento mundial.

BCE dálles liñas de crédito ás entidades privadas a un interese baixo, en lugar de financiar directamente os estados. Á súa vez, estes bancos compran a débeda dos estados, aos que lles piden un interese moito maior que o que eles obtiveron do BCE

A Plataforma considera que este propio mecanismo de endebedamento é ilexítimo. O Banco Central Europeo (BCE) dálles liñas de crédito ás entidades privadas a un interese baixo, en lugar de financiar directamente os estados. Á súa vez, estes bancos compran a débeda dos estados, aos que lles piden un interese moito maior que o que eles obtiveron do BCE. É así como os países se financian -colocando a súa débeda a bancos ou fondos de investimento que lles compran os bonos de débeda- e os bancos fan negocio. No entanto, moitas das entidades e fondos que compran os bonos soberanos son estranxeiros (ou países da UE que non pertencen ao euro) e non se beneficiaron, polo tanto, das liñas de crédito do BCE.

Cantas máis dificultades económicas teña un Estado, máis caro resultaralle colocar a súa débeda posto que os mercados pedirán que se lles garanta o pago duns intereses maiores. É por iso que países como Grecia, Portugal, España e mesmo Italia teñen que pagar agora uns intereses moi elevados aos investidores que compran a súa débeda.

España vai sufrir o maior incremento do gasto en intereses da débeda de toda a zona do euro

No caso de España, os intereses da débeda convertéronse na partida orzamentaria que máis crece: este ano gastará uns 38.590 millóns de euros só en pagar os intereses dos bonos que colocou. “É un 105% máis que en 2007. España vai sufrir o maior incremento do gasto en intereses da débeda de toda a zona do euro”, sinala Sol Sánchez, que forma parte do movemento ATTAC, que apoia a Plataforma. Para Sánchez, unha débeda é lexítima “se responde para o que lexitimamente se adquiriu e desde logo agora non se está utilizando para reforzar o gasto público nin os servizos públicos”.

Outros economistas dubidan destes argumentos sirvan para declarar a débeda ilexítima. “O Goberno é quen ten o mandato, nese sentido a débeda é aceptada e lexítima. Se hai algo que se sae da lei, entón habería que ir aos xulgados”, di José Carlos Díez, analista xefe de Intermoney.

"A débeda que temos estamos a pagala demasiado, en exceso", asegura Paco Álvarez, analista financeiro que desempeñou cargos na Bolsa de París e na de Valencia. Álvarez reclama transparencia sobre "quen compraron e compran a débeda" para entender, por exemplo, cales son os intereses que fan que países como Francia ou Alemaña (cuxos bancos posúen unha cantidade importante de débeda española) presionen sobre o momento e forma en que se rescata a España. "É diñeiro da xente. O diñeiro que lles dá o BCE aos bancos non é diñeiro privado, senón público e a nós non nos pediron permiso para facer iso. A débeda actual non é para facer infraestruturas, sanidade ou educación, senón para pagar os intereses da débeda anterior. O sistema económico actual é un depredador de diñeiro público que pertence á cidadanía", di.

"A débeda actual non é para facer infraestruturas, sanidade ou educación, senón para pagar os intereses da débeda anterior. O sistema económico actual é un depredador de diñeiro público que pertence á cidadanía"

A Plataforma sinala outros motivos que, ao seu xuízo, perverten a forma na que España contraeu a débeda, por exemplo, os produtos financeiros altamente especulativos permitidos pola Comisión Europea, cuxos expertos -denuncian- "proceden nun 80% da industria financeira". É o caso dos CDS, uns seguros contra falta de pagamento: se alguén compra débeda española pode comprar tamén estes seguros, que lle devolverán unha cantidade de diñeiro se España finalmente non lle paga. Só que no caso dos CDS, calquera investidor, teña ou non débeda española, pode facerse con eles, é dicir, que lle interesará presionar para que España non pague e gañar así diñeiro.

"Se os Estados non teñen outra opción están expostos á chantaxe e a accións coordinadas para atacar países e gañar diñeiro"

"A Comisión, a quen non votamos, permite que os bancos usen instrumentos financeiros que xeran burbullas. Doutra banda, o BCE ten o monopolio da xeración do diñeiro, se os Estados non teñen outra opción están expostos á chantaxe e a accións coordinadas para atacar países e gañar diñeiro", explica Cutillas.


Pagar ou non pagar

"Pódense chegar a acordos razoables nos que se lles diga aos acredores que se lles vai devolver menos do que eles consideran que se lles debe. É o que fixo Islandia; deixar de pagar durante un tempo ata que valoraron a situación"

Sol Sánchez, de ATTAC, cre que o primeiro é establecer a lexitimidade ou non da débeda para despois levar a cabo quitas (acordo no que debedor e acredor pactan eliminar unha parte da débeda) "por imposibilidade de pago". "Pódense chegar a acordos razoables nos que se lles diga aos acredores que se lles vai devolver menos do que eles consideran que se lles debe. É o que fixo Islandia; deixar de pagar durante un tempo ata que valoraron a situación. Despois, negociaron cos bancos sobre cantidades e prazos, e estes aceptaron, porque os acredores prefiren cobrar menos pero cobrar, e saben que se quebras non van ver o diñeiro", afirma Paco Álvarez.

A Plataforma Auditoría Cidadá da Débeda avoga directamente por non pagar a débeda, aínda que advirten de que os primeiros momentos serían duros. “Deixariamos de ter acceso aos mercados por un tempo e teriamos que reenfocar nosa economía ao consumo interno”, recoñece Cutillas. A saída do euro, elixida ou imposta, sería practicamente segura. Tamén a saída de capitais, que quizá tería que frearse cunha "conxelación de capitais", é dicir, impedir que as grandes sumas de diñeiro fósense de España. Un dos riscos sería a creación dun 'corralito', como o tivo lugar en Arxentina.

Desde os colectivos críticos apostan por convocar un referendo no que a cidadanía poida decidir se pagar ou non a débeda

Para o analista xefe de Intermoney, José Carlos Díez, as consecuencias de non pagar a débeda serían “moi feas” e advirte de que en ocasións o exemplo de Islandia se idealizou: “O seu consumo interno contraeuse un 25%”. En todo caso, se outros países comezan a realizar falta de pagamentos e reestruturan a súa débeda “quizais si que habería que reformularse que facer”. Tamén Álvarez advirte de que non pagar ningunha parte da débeda podería ter consecuencias "tremendas". Por exemplo, un dos principais investidores en débeda española é o Fondo de Reservas das pensións, polo que unha falta de pagamento afectaría enormemente ás contas da Seguridade Social. En calquera caso, desde os colectivos críticos apostan por convocar un referendo no que a cidadanía poida decidir se pagar ou non a débeda.

Acción de Attac contra o pago da débeda © Attac

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.