A dobre cara dos alcaldes do PP ante as preferentes

O equipo de goberno de Ponteareas, escoltado por varios axentes Dominio Público @miguelbouzo

Da solidariedade en Cangas á escola policial en Ponteareas. Entre estes dous extremos sitúase a posición dos alcaldes do PP daquelas localidades con maior número de afectados polas participacións preferentes. Aló onde as protestas continuas nos concellos veñen provocando nas últimas semanas a suspensión dos plenos ou o desaloxo dos peches dos aforradores.

O alcalde de Cangas cancelou tres contas en Novagalicia e o de Moaña pasa a noite cos afectados

Un dos primeiros en rachar coa argumentación e a liña marcada polo Partido Popular desde a Xunta foi o alcalde de Cangas, Enrique Sotelo, que anunciou a retirada das contas que o Concello tiña na oficina de Novagalicia Banco da localidade. Cancelou tres contas para "non ser cómplice" do que considera "unha estafa" e advertiu de que se non pechaba máis era só por problemas técnicos. Ao tempo, o rexedor desta vila do Morrazo adoita reunirse cos aforradores afectados e incluso se encerrou con eles en solidariedade coa súa protesta.

A tan só uns poucos quilómetros de alí, na veciña localidade de Moaña, o tamén popular José Fervenza non dubidou en posar ante os medios cunha das camisetas que locen os afectados polas preferentes ou en pasar a noite xunto a eles no propio Concello. Este mesmo sábado, segundo anunciou en Radio Vigo, acordou tamén cancelar dúas contas que o Concello mantiña en Novagalicia Banco.

O alcalde, lonxe de apostar polo desaloxo, evita a presenza de policías e reivindica unha e outra vez que é o seu "deber" axudar os veciños que considera "vítimas dunha grande estafa". Adoita aclarar tamén que no PP coñecen de sobra a súa postura e promete que non cambiará ata que se atope unha solución política para os moañeses afectados, pero tamén para os máis de 60.000 galegos atrapados e ameazados cunha quita mínima do 43% sobre os seus aforros.

Tamén en Oia, o rexedor Alejandro Rodríguez ameazou con darse de baixa do PP xunto ao seu equipo de goberno se non se atopaba unha solución satisfactoria para os aforradores. Ademais, non estivo presente no congreso provincial popular celebrado a porta pechada en Silleda ante as protestas dos afectados.

Os rexedores de Sanxenxo, Ponteareas ou Mos foron escoltados pola policía tras os últimos plenos

Mentres a cúpula provincial do PP, con Rafael Louzán á cabeza, intenta unha posición conxunta e intermedia (nin apoio aos peches nin despregamento policial), as posturas sitúanse cada vez máis nos extremos. Así, ao tempo que en Cangas ou Moaña os rexedores apoian sen condicións os veciños, en Ponteareas o alcalde Salvador González Solla abandonou o pasado martes o consistorio escoltado por máis de trinta axentes, poucas horas despois de que o equipo de goberno optase por saír pola ventana do Concello.

En Sanxenxo, a alcaldesa non dubidou en ordenar o desaloxo do consistorio logo de tres meses de peche pacífico por parte de varios dos afectados polas preferentes, unha decisión que rexeitan os aforradores, que denuncian o cambio de actitude da popular Catalina González. A súa homóloga en Mos, Nidia Arévalo, recorreu tamén á protección das forzas de seguridade para que a acompañasen aos plenos.

Nos partidos da oposición, no entanto, a defensa dos aforradores e o rexeitamento á quita é común. Os rexedores do BNG veñen de manifestar en conxunto o seu apoio a calquera acción decidida polas diferentes plataformas de afectados. Incluso hai casos de petición de perdón e arrepentimento, como o do concelleiro nacionalista -de Anova- de Gondomar, Emilio García Crego, ex director nunha sucursal da antiga Caixanova e primeiro político en pedir perdón aos estafados se da súa xestión "se derivaron consecuencias difíciles de reparar para moitas persoas".

O equipo de goberno de Ponteareas, escoltado por varios axentes Dominio Público @miguelbouzo
Manifestación de afectados polas preferentes CC-BY-NC-SA CIG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.