A economía galega: breve balance das tres últimas décadas e perspectivas de futuro

Guindastres do estaleiro Barreras, en Vigo CC-BY-NC-SA taburete

Manuel González, profesor da Facultade de Económicas da USC, publicou ao longo das últimas semanas unha serie de análises sobre a estrutura e a situación da economía galega, respondendo á pregunta de "Vivimos mellor ou vivimos peor?". Nestes textos destacou que "a economía galega experimentou profundas mudanzas estruturais nas últimas décadas" e que "a crise económica, primeiro internacional e logo europea, freou un proceso de mellora socioeconómica e de modernización inédito na historia contemporánea do país, pero que non estaba exento de importantes fraquezas". O obxectivo fundamental deste artigo é analizar e interpretar a situación actual da economía galega así como presentar unha reflexión sobre os retos aos que se enfronta no futuro inmediato. Publicamos agora, de xeito conxunto, as nove análises que semana a semana puidestes ler en Praza.

 

Introdución

Non fai falla ser un avezado economista nin tampouco un sagaz observador para darse conta de que Galicia e a economía galega experimentaron profundas mudanzas nos últimos 30 anos. As transformacións experimentadas transcorreron en paralelo á consolidación das institucións propias e do proceso de integración Europea, os dous grades cambios institucionais acontecidos logo da chegada da democracia a España. Ao longo destas liñas trataremos de ver cales foron os cambios que se produciron na nosa economía e en que situación nos deixan para afrontar o futuro inmediato.

 

Vivimos mellor ou vivimos peor?

O primeiro que compre responder é algo que curiosamente soen esquecer a maior parte dos economistas: Vivimos mellor ou vivimos peor que hai 30 anos?. Responder a esta pregunta non é nada doado pois ao fin e ao cabo encerra aspectos moi diversos e que ademais teñen un carácter fortemente subxectivo. Pero o máis lóxico é tratar de obxectivala botando man dalgún dos múltiples indicadores que se utilizan para medir o nivel de desenvolvemento e benestar dos países e das sociedades. Nós botaremos man do ben coñecido índice de desenvolvemento humano (IDH), usado polo Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento e que integra parámetros relacionados coa saúde (esperanza de vida ao nacer), a educación (taxas de alfabetización e de escolarización) e a riqueza (renda per cápita). Se usamos ese indicador, a resposta á pregunta que nos facíamos é sen dúbida positiva pois, tal e como amosan estudos recentes publicados polo IVIE (2013), o IDH galego medrou cerca dun 18% entre 1980 e 2010 e fíxoo, ademais, lixeiramente por riba da media española que a súa vez experimentou un crecemento por riba do da Unión Europea1. Vivimos máis tempo, o cal é mostra de mellores condicións de saúde; temos máis educación o cal nos dá máis oportunidades de progreso e xeramos máis riqueza material. Seguimos amosando menores niveis de desenvolvemento que España e Europa, mais fomos quen de recortar diferenzas nas últimas décadas, aínda que só fora timidamente e sen lugar a dúbidas formamos parte do afortunado club dos países desenvolvidos do mundo.

Se, no canto de medir o desenvolvemento humano, nos centramos nun aspecto directamente relacionado co modelo de sociedade como é o da desigualdade e a pobreza, as conclusións son moi parecidas ás anteriores se ben debemos destacar o importante deterioro que se ten producido por mor da crise económica iniciada en 2008. En calquera caso, tal e como xa teñen analizado polo miúdo Gradín e Del Río (2003), entre finais dos anos 70 e finais dos 90 produciuse en Galicia unha clara redución da pobreza e unha mellora da distribución da renda. En termos comparativos Galicia foi quen de recortar as diferenzas respecto a media Española particularmente na segunda metade da década pasada até tal punto que a taxa de risco de pobreza no ano 2011 era do 18,8%, dous puntos inferior que na media Española (INE, 2012). Curiosamente nesa altura aínda non se apreciara no noso país unha agravamento importante, no referido á pobreza relativa, por causa da crise económica e do seu devastador efecto no emprego2.

Debemos destacar que as anteriores melloras se produciron en paralelo á asunción e desenvolvemento por parte da Xunta de Galicia das competencias clave tanto en educación e en saúde, como en diversas áreas de política económica entre as que podemos incluír ás políticas industrias e de innovación. Calquera podería evidentemente afirmar que se ditos servizos se seguiran xestionando e prestando dende Madrid ou, no outro extremo, se Galicia fose un país independente, poderiamos ter acadado as mesmas ou máis melloras en materia de desenvolvemento. Pero o anterior, ademais de non poder demostrarse por ser un contrafactual, non é óbice para afirmar que a medida que o autogoberno de Galicia se foi consolidando e boa parte dos servizos do estado social se xestionaron dende Galicia, o benestar dos galegos experimentou claras melloras.

 

De que viviamos daquela e de que vivimos hoxe?

Existe aínda unha imaxe preconcibida da economía galega como unha economía fundamentalmente agraria e pesqueira, escasamente industrializada e cun sector terciario pouco desenvolvido. Pois ben, sen menosprezar a importancia estratéxica do agro e da pesca na nosa estrutura económica, o certo é que a súa achega directa ao emprego e ao PIB é hoxe minúscula. Do mesmo xeito, veremos como a industria en Galicia ten na actualidade un peso superior á media española e non moi dispar ao da Unión Europea. Finalmente, ao igual que tódolos países da súa contorna, a economía galega é hoxe fundamentalmente unha economía de servizos, sector que medrou ao mesmo ritmo que se destruía emprego no sector primario.

No ano 1980 algo máis de 475.000 persoas estaban empregadas en actividades agrarias e pesqueiras o que significaba máis dun 40% do emprego total do país. Trinta anos despois eran apenas 82.000 persoas as que traballan nestes sectores o cal representaba un 7,5% do total. A outra cara da moeda represéntana as actividades de servizos que se en 1980 ocupaban a un de cada tres traballadores, en 2010 presentaban unhas cifras que duplicaban ás de 1980, tanto no referido ao número de ocupados como ao seu peso na economía (un 66,3%). Non se produciron grandes variacións nin no volume de ocupados nin no seu peso relativo nos outros dous grandes sectores, industria e construción. A industria pasou de representar un 17,6% do emprego total en 1980 a un 15,7% en 2010 mentres que a construción, logo de sufrir unha expansión hipertrofiada na década dos 2000, tiña en 2010 un peso semellante a 1980, ao redor dun 10% do emprego total.

Constitúe esta evolución unha anomalía ou unha particularidade no contexto español e europeo? Rotundamente non. Non experimentamos nas últimas tres décadas nada que non experimentaran antes, despois ou ao mesmo tempo, outros países da Unión Europea. Quizais o trazo máis destacado é a rapidez do proceso de cambio producido, tal e como xa apuntaran no seu momento autores como Fernández Leiceaga e López Iglesias (2000), e que evidentemente tivo consecuencias sobre o modo de vida rural e a faciana do país. En particular, a sociedade galega pasou de ser maioritariamente rural a ser unha sociedade urbana, agudizándose a concentración da poboación (sobre todo da máis nova) na franxa atlántica, xa maioritariamente urbana.

Fonte: Elaboración propia a partir de datos do IGE, INE e Eurostat

 

Unha economía exportadora de bens (pero non de servizos) e que non só depende de Citroën…

Galicia é un país exportador de mercadorías. A nosa balanza comercial de bens é claramente positiva, tanto en relación co resto do Estado como en relación ao resto de Europa e só é negativa co resto do mundo (sen contar España nin Europa) pola forte dependencia externa respecto ao petróleo. Visto en perspectiva temporal, tamén podemos afirmar que a entrada no daquela Mercado Común non pareceu sentarlle mal ao sector exportador galego. Se analizamos a evolución da taxa de cobertura (Exportacións/ Importacións x 100) do comercio de bens con outros territorios distintos ao español, podemos observar que se en 1988 existía un déficit comercial claro, na actualidade rexistramos un superávit consolidado. Se nos fixamos exclusivamente no comercio coa UE-27 vemos que, en toda a serie da que dispomos datos, existe un superávit comercial cunha tendencia ademais crecente.

Outro dos mitos da economía galega refírese a que Citroën é responsable da maior parte das exportacións galegas. Pois ben, os datos sobre o comercio internacional (sen contar España) matizan claramente esa idea preconcibida. O peso do “sector do automóbil” representaba en 2012 menos dun 20% das exportacións, case doce puntos menos que no ano 1995. Hai que ter en conta ademais que dentro desta rúbrica inclúense as partes e accesorios de vehículos que fabrican as numerosas empresas do clúster vigués da automoción as cales, en moitos casos, nin sequera teñen á empresa francesa como principal cliente. Por outra banda, nos últimos anos asistimos a un auténtico boom da exportación de produtos de confección vinculado ao fenómeno Inditex e a outras firmas que se en 1995 representaban un 5% das exportación en 2012 xa superaban ao sector do automóbil. Trátase dun sector que ademais foi paseniño mudando a súa fasquía pois experimentou un proceso de deslocalización que non por iso significou unha perda de importancia na nosa economía, que seguiu a concentrar as actividades de deseño, loxística e outras, de maior valor engadido. O sector da alimentación, en particular o vinculado cos produtos do mar, constitúe outro dos puntais da exportación galega xunto coa construción naval, se ben esta última amosa unha tendencia máis irregular, condicionada por encargos específicos. Nos últimos anos tamén se foi consolidando certa especialización en bens de equipo e manufacturas diversas, onde destacan os transformados da madeira e do aluminio. A galega é unha economía relativamente máis aberta e máis competitiva que a española, de tal maneira que non só rexistra unha balanza comercial máis positiva que esta última senón que o seu peso no comercio exterior español supera con creces a nosa achega en termos poboacionais ou de PIB.

Fonte: Elaboración propia a partir de datos do IGE

Os datos anteriores refírense en todo momento ao comercio exterior de bens e mercadorías mais, que ocorre cos servizos? Tradicionalmente os estudos sobre comercio exterior non consideraban as actividades terciarias debido a propia natureza das mesmas onde o proceso de produción e venda é simultáneo e por tanto a lóxica da almacenaxe e distribución para a súa exportación, propias das mercadorías, non é aplicable. Sen embargo o anterior non sempre é así xa que hai determinados servizos que habitualmente son incluídos nas balanzas comerciais ao ser o cliente residente nun lugar diferente ao da empresa, nomeadamente os servizos turísticos ou os servizos de transporte. Mais a listaxe de actividades terciarias susceptibles de ser exportadas non queda aí e esténdese a un sector cada vez máis relevante nas economías desenvolvidas, non só dende o punto de vista do emprego e o valor engadido xerado, senón tamén da súa contribución á innovación nos territorios onde están presentes. Referímonos en particular aos servizos avanzados a empresas, tales como os servizos de consultoría, enxeñería e asistencia técnica, investigación, servizos informáticos, servizos financeiros, etc. Nese sentido González López (2009) ten indicado que a dinámica de produción e consumo deste tipo de servizos marca unha diferenza entre as (novas) rexións periféricas e as rexións centrais, na medida en que as segundas soen especializarse na provisión deste servizo ás segundas, que rexistran deste xeito un saldo comercial negativo nestas actividades. Nos distintos países europeos, ademais, soen ser as grandes capitais as que concentran este tipo de actividades e xogan ese papel de provedor a outras rexións. O caso galego sería un exemplo desta dinámica tal e como se evidencia no traballo sinalado máis arriba.

Neste sentido podemos indicar, a partir de estudos previos e da evidencia estatística existente, que Galicia rexistra un saldo negativo no comercio exterior de servizos e que ese saldo é particularmente negativo co resto do Estado (e moi probablemente, aínda que carecemos de evidencia exacta, con Madrid). Así, as Táboas Input-Output de 2008 publicadas polo IGE (2012), indican que se ben Galicia rexistra un saldo positivo na balanza de bens co resto do Estado, o saldo é moi negativo cando nos referimos aos servizos (case 2.400 millóns de euros ese ano). Esta mesma fonte de datos indica que as ramas onde se situaría ese déficit serían sobre todo os servizos informáticos, os servizos de consultoría e enxeñería diversa, os servizos financeiros, os servizos de publicidade, os servizos de hospedaxe e os servizos aéreos. Efectivamente, se comparamos o peso que teñen estas actividades na economía galega en relación á economía española, e en particular en comparanza coa capital madrileña (e en menor medida con outras autonomías), observamos un inferior nivel de desenvolvemento das mesmas no noso país.

 

Entón, seguimos sendo periferia, si ou non?

Dende a publicación do Atraso Económico de Galicia, de Xosé Manuel Beiras, así como de varios traballos do profesor Ramón López-Suevos, a economía galega está ligada ao concepto de periferia económica (diferente do de periferia xeográfica). Os conceptos de centro e periferia en economía están moi vinculados ás teorías do subdesenvolvemento e do desenvolvemento desigual xurdidas a mediados do século pasado, onde se pretendía explicar a situación económica e a capacidade de desenvolverse dos territorios en función da súa inserción na lóxica espacial do sistema económico. Nese sentido, os autores nomeados anteriormente usaron tal conceptualización para remarcar o carácter periférico da nosa economía, naquel entón no marco da economía española, onde as rexións de vella tradición industrial, Euskadi e Catalunya, xunto coa capital Madrileña ocuparían a posición de centro. A economía galega teríase desenvolvido de xeito extravertido (versus autocentrado), atendendo ás necesidades do centro con que mantería unha relación de dependencia e, por tanto, de desigualdade (subministro de man de obra barata, materias primas e mesmo aforro). A maiores, botando man do occitano Robert Lafont, Beiras utilizaba o concepto de colonialismo interior que agravaba aínda máis as condicións da periferia ao carecer as rexións de aparello estatal e ao agravarense os factores de dominio político e cultural sobre os territorios periféricos.

Na actualidade os termos centro e periferia seguen sendo comunmente utilizados nas áreas científicas da economía rexional e da xeografía económica, mais nin o respaldo teórico responde ao mesmo que usaron no seu momento Beiras ou Suevos, nin a fasquía que toma a dialéctica centro-periferia é a mesma.

Incluso algúns autores e escolas teñen caracterizado como simplista unha análise que pretende resumir a dous polos a complexa relación das economías no espazo. Mais, aínda sendo esta unha cuestión de interese académico moi estimulante para quen lles escribe, non entraremos agora na mesma por ser un debate inconcluso e que soborda o obxecto deste documento. Si destacaremos que unha grande parte dos estudos actuais sobre desenvolvemento rexional se diferencian dos baseados nas teorías do subdesenvolvemento en que estes últimos partillaban un certo determinismo en relación á imposibilidade ou incapacidade dos territorios para mudar a súa situación e desenvolverse (e por tanto á perpetuación da dialéctica centro-periferia). Xa dende finais do século pasado moitos dos traballos máis destacados nesta área baséanse na idea de que cada territorio conta con recursos distintivos, económicos, culturais e institucionais, sobre os que apoiar a súa capacidade de desenvolvemento económico e que é necesario artellar estratexias para activar o potencial de cada un deles. Isto non quere dicir, ao noso ver, que o modo de inserirse na lóxica económica internacional non sexa tamén importante, e moito, pero non ten por que ser unha gaiola de ferro, como amosan os casos de moitas rexións europeas que foron quen de saír dunha situación teoricamente periférica (O Mezzogiorno Italiano, Irlanda, Finlandia, etc).

Tendo o anterior en contra, cal sería entón a nova fasquía dos territorios periféricos?. Pois ben, na liña dos estudos do profesor Xavier Vence e un servidor e doutros autores, o mapa económico Europeo estaría “dominado” por unha serie de rexións altamente desenvolvidas do centro e norte de Europa xunto coas capitais dos diferentes Estados europeos, tanto do Norte como do Sul. A verdadeira fronteira económica viría da man xa non da existencia de actividades industriais senón da capacidade innovadora dos territorios, manifestada entre outros trazos nun tecido económico onde predominan as actividades de alta intensidade en coñecemento e tecnoloxía. Pola contra, a periferia Europea –na que atoparíamos a Galicia- estaría integrada por rexións con menor capacidade innovadora e onde dominan, no ámbito industrial, actividades de intensidade tecnolóxica media e baixa así como servizos pouco avanzados e intensivos en man de obra de baixa cualificación (Vence e González, 2009)3.

Neste liña discursiva, podemos observar no seguinte mapa que se inclúe no informe elaborado pola Unión Europea (2013), Regional Innovation Scoreboard 2012, que Galicia aparecería entre as rexións de moderada-baixa innovación (isto é, nunha escala de 1º ao 10º sendo o 1º rexión líder en innovación, Galicia estaría no grupo 7º). Este medida da actuación innovadora constrúese como  un indicador composto a súa vez por outros que captura aspectos que van dende a cualificación dos recursos humanos, as actividades de innovación das empresas e das universidades e os resultados das mesmas en termos de introdución de innovación, patentes concedidas, etc. Este mesmo informe dá conta dunha lixeira mellora da posición galega entre 2007 e 2011, xa que no primeiro ano ocupaba un chanzo máis baixo na clasificación antedita, o cal ben podería ser resultado do incremento no esforzo en innovación realizado por empresas e administración pública nos anos previos ao estoupido da crise.

Mapa 1. Actuación innovadora das Rexións Europeas, 20114 Fonte: Regional Innovation Scoreboard 2012

 

O noso talón de Aquiles: cada día somos menos e con menor peso especifico

A escasa capacidade innovadora é seguramente unha das causas do que posiblemente sexa o principal problema ao que se enfronta Galicia e a súa economía na actualidade e no futuro inmediato. Referímonos a perda de peso demográfico e económico que experimentou o noso país nos últimos anos, proceso que non ten trazas de reverterse no curto prazo. Se en 1981 a poboación galega representaba un 7,5% da poboación española, en 2011 esta porcentaxe caera ao 5,9%. Nunha etapa de crecemento demográfico no conxunto español, en particular nos anos de bonanza económica, Galicia experimentou un estancamento demográfico mesmo despois de remataren os procesos de emigración masiva das décadas dos 60 e 70. Neste período rexistramos unhas taxas de natalidade das máis baixas de Europa e non fomos quen de atraer tampouco poboación emigrante ao ritmo que o facían outros territorios da contorna, o que explica que sexamos tamén unha das rexións máis avellentadas do continente. Este fenómeno, con consecuencias variadas que todos podemos imaxinar, convértese ademais en factor relevante para o devir futuro da nosa economía, toda vez que as relacións causa-efecto entre factores demográficos e económicos teñen unha natureza bidireccional. Outro dos fenómenos demográficos que amosa as eivas da nosa economía é o saldo migratorio negativo entre a poboación máis nova, que conforma tamén a xeración con maior cualificación da historia do país. E referímonos ao saldo migratorio e non ás saídas porque nun contexto onde o mercado de traballo galego está fortemente integrado no español e cada vez máis no europeo, é normal que se incrementen as taxas de mobilidade laboral dentro destes espazos. Sen embargo a saída neta de continxentes máis novos, en particular cara o resto do Estado, significou a perda de aproximadamente 40.000 persoas de entre 16 e 34 anos dende 1992 a 2012. É Madrid, cun 35% do total en 2005, a comunidade que concentra a maior parte da emigración galega no Estado segundo os datos de Blanco e Fernández (2007), aumentando a distancia dese xeito respecto a Catalunya e Eusdadi, destinos tamén tradicionais da emigración galega. A saída de activos cara a capital do Estado é ademais particularmente selectiva e como se apunta nun estudo máis recente realizado por González Laxe et al (2013)5, perto do 40% dos titulados universitarios galegos contratados no resto de España entre 2003 e 2010 dirixíronse a Madrid, unhas 15.500 persoas en termos absolutos6

Este proceso de emigración selectiva ten unha clara lectura económica que entronca con aspectos discutidos anteriormente. Así, non é nada ousado afirmar que boa parte das persoas máis novas que cada ano deixan Galicia ocupa nos lugares de destino, máis cedo ou máis tarde, postos de traballo de alta cualificación en actividades relacionadas cos servizos avanzados e intensivos en coñecemento.

O anterior permítenos valorar con máis clarividencia a importancia de mudanzas económicas concretas como as que por exemplo se veñen producindo no sector financeiro galego e español. No forte proceso de concentración que experimentou este sector, non só derivado das forzas do mercado senón tamén por decisións políticas, o noso país perdeu case todas as súas entidades financeiras que foron absorbidas, particularmente en tempos recentes, por entidades españolas. Dende o Banco Gallego ao emblemático Banco Pastor (finalmente non aconteceu o mesmo, por sorte e por agora, con NCG Banco). A gravidade destas absorcións vai máis alá do carácter simbólico da localización dos centros de decisión posto que implican a perda de centos de postos de traballo nas sedes centrais destas entidade e nas empresas auxiliares das mesmas. Empregos de alta cualificación e alta intensidade en coñecemento e que por tanto aportan un elevado valor engadido e que pasan a facelo noutros territorios, particularmente en Madrid e en menor medida en outras rexións desenvolvidas do Estado e nas capitais Europeas. A atracción (e retención) deste tipo de emprego volveuse sen dúbida un factor competitivo claro para calquera territorio, aspecto que deberíamos ter moi en conta no futuro.

En definitiva e como vimos en apartados anteriores, nas últimas tres décadas fomos quen de mellorar o noso nivel de vida, mesmo en maior medida que os nosos veciños, tamén acadamos niveis aceptables en canto á competitividade exterior da nosa industria, onde existen exemplos de éxito ben coñecidos. Sen embargo ao mesmo tempo fomos perdendo peso demográfico e tamén económico o cal fai que colectivamente sexamos menos relevantes en moitos outros ámbitos.

 

A crise que mandou parar e que perdura

En 2008 estoupaba a crise económica máis importante dos últimos oitenta anos a nivel mundial. As causas da mesma están máis que analizadas así como as particularidades do caso español e en menor medida do galego. Nos anos previos á crise, en particular dende os inicios do novo século, fórase formando unha burbulla inmobiliaria de natureza especulativa en todo o Estado, aínda que sobre todo nas rexións mediterráneas, nas illas Canarias e nas cidades castelás próximas a capital madrileña. Esta burbulla elevou de forma irracional e ilusoria os prezos da vivenda residencial e tivo efectos directos na economía produtiva, manifestados no forte crecemento primeiro, e posterior declive despois, do emprego e o valor engadido do sector da construción e dos servizos inmobiliarios (e outros sectores próximos a estes, tanto secundarios como terciarios). Estabamos, como se amosou nídiamente despois, diante dun crecemento con pés de barro. Só en Galicia o número de ocupados no sector da construción pasou de 98.900 en 1996 a 147.300 en 2007 representando o 20% do incremento total do emprego nese período. Isto é, o emprego na construción medrou o dobre que no resto da economía.

Pero a burbulla inmobiliaria só pode considerarse a causa inmediata da actual situación da economía galega e española. Un crecemento desaforado do prezo e o investimento neste tipo de activos só é posible se existe o suficiente crédito dispoñible (e se fai uso do mesmo). Dous son os factores, desde o noso punto de vista, que darían lugar a un elevado crecemento do crédito e finalmente á burbulla inmobiliaria. Un primeiro factor refírese á crecente desregulación do sector financeiro a nivel internacional, o que se ben facilitou o acceso aos recursos financeiros por parte de entidades bancarias e empresas,  hipertrofiou o sector e actuou perniciosamente sobre o sistema de incentivos e riscos bancarios (Costas e Arias, 2011). O segundo factor está relacionado coa posta en circulación da moeda única europea, o euro, que acelerou o fluxo de mercadorías e capital dentro de Europa e homoxeneizou as condicións de acceso a créditos nos distintos países da Unión, que sen embargo tiñan economías fortemente heteroxéneas entre si.

A crise a nivel internacional semella que foi superada xa a principios da presente década, en boa medida grazas ao empuxe das economías emerxentes e ás actuacións decididas e coordinadas dos grandes bancos centrais, en particular da Reserva Federal americana. Sen embargo, máis alá das pomposas palabras dos líderes mundiais, o certo é que non parece que se tivera feito demasiado por corrixir os problemas de raíz, relativos a desregulación e consecuente hipertrofia do sector das finanzas. Unicamente os acordos recollidos en Basilea III dan conta dun tímido endurecemento das regras de xogo para o sector financeiro, pero insuficiente ao noso parecer para evitar crises futuras.

Por outra banda, aquí en Europa a crise non só non foi superada senón que a situación empeorou nos anos seguintes produto das carencias na arquitectura institucional da UEM e, acorde á opinión de numerosos economistas, por causa dunhas políticas excesivamente centradas na austeridade. A situación agravouse especialmente nos países máis afectados pola borracheira de crédito, en particular os do Sul de Europa, xunto con Irlanda. O resultado é ben coñecido, traducíndose nunha caída da produción, nunhas taxas de desemprego inéditas así como nunha grave inestabilidade económica, política e social. En Galicia o número de desempregados no terceiro trimestre de 2013 ascendía a 288.000, un 22,4% da poboación activa, sendo no Estado a taxa de paro 5 puntos máis alta. Aínda así, na altura na que escribimos este capítulo (outono de 2013), se ben non se observa unha mellora clara da economía real, hai indicios que apuntan a que o peor xa pasou e que existen condicións para recuperar a estabilidade perdida. Non é moito, pero é bastante, sobre todo se consideramos que a economía é unha cuestión de confianza e expectativas. Semella que deixamos de estar á beira do precipicio representado pola quebra financeira da economía española, o que constituía un elemento de enorme inestabilidade para toda a UE. Mais nos últimos meses de 2013 a prima de risco reduciuse, a saída de capitais parou e o Estado puido financiarse nos mercados a prezos relativamente razoables.

A explicación hai que procurala, ao noso entender, nas respostas timoratas que mal que ben se foron dando a nivel Europeo e, particularmente, en (polo menos) tres decisións chave. A primeira, o xa famoso anuncio do presidente do BCE Mario Draghi en xullo de 2012 que viña a indicar que estaría disposto a actuar nos mercados de débeda soberana dos Estados con máis problemas, a semellanza dos outros grandes bancos centrais. Unha das críticas que con razón se lle viña facendo ao BCE é que estaba imposibilitado por mandato constituínte para a merca de débeda soberana. A decisión dos xestores do BCE, en contra dos desexos alemáns, serviu na práctica para corrixir esa eiva aínda que só fora pola porta de atrás e parcialmente. A segunda, o rescate ao sector financeiro a cargo do Mecanismo Europeo de Estabilidade. Recordemos que este fondo fora creado como resultado dos innumerables cumios europeos e, con grandes limitacións, viña a actuar como algo parecido aos demandados Eurobonos (débeda mancomunada europea) pois rebaixa o custe de financiamento dos países con problemas. Unha liña de crédito de até 100.000 millóns de euros que serviu para poñer couto á principal fonte de problemas da economía española, a insolvencia dunha parte nada irrelevante do seu sector financeiro produto da borracheira de ladrillo dos anos precedentes. A terceira, o paulatino afrouxamento dos límites do déficit público que veu dando un respiro ás economías afogadas polos recortes previos nos orzamentos públicos.

Aínda así, todos estes factores son aínda insuficientes para recuperar a economía real por unha simple razón: a demanda interna non levanta cabeza. As familias e o sector privado seguen fortemente endebedados polo que o consumo e o investimento non se recuperan. Mentres, o gasto e investimento públicos non actúan contracíclicamente debido ás receitas de austeridade e a falla de instrumentos a nivel europeo que o permitan, a pesares de que como dixemos a UE se viu na obriga de afrouxar o ritmo da redución do déficit. Só o sector exterior, aínda que insuficiente, se ten comportado de forma positiva na periferia europea, produto da caída dos custes de produción que permitiu soster as exportacións mesmo nun contexto de desaceleración económica. Semella por tanto que se ben saímos da beira do precipicio non veremos unha recuperación sostida e forte nin da produción nin do emprego a medio prazo.

Do mesmo xeito, semella que non veremos unha solución definitiva aos problemas de Europa se non se producen avances máis claros no goberno económico da UEM na liña do enunciado polo propio FMI (2013) o cal implica avanzar na unión bancaria e fiscal na zona euro.

 

E como afronta Galicia esta crise?

Pois en principio non peor que os territorios da nosa contorna xeográfica máis inmediata, isto é, dos países da periferia europea en problemas. En calquera caso, non ten o noso país salvagardas nin particularidades que puideran evitar unha saída en falso da crise, como tampouco as tivo para evitar os efectos nocivos da mesma sobre a produción e o emprego. Como xa se argumentou máis arriba, esta é agora unha crise fundamentalmente Europea e ese é o marco onde se deben procurar grande parte das solucións. Aínda así, o certo e que o noso país viña mantendo un diferencial positivo en relación ao conxunto Español, tanto no referido á evolución do PIB como do emprego. As razóns deste mellor comportamento están relacionadas ao noso ver con dúas características distintivas da nosa economía, e que terían amortecido o impacto da crise. En primeiro lugar, o menor nivel de endebedamento de familias e empresas, derivado tamén dunha menor expansión da construción civil, e moi probablemente doutros factores de carácter cultural e demográfico. Segundo os datos do Banco de España, o peso da débeda de familias e empresas galegas no PIB era en 2012 o máis baixa do Estado cun 106%, moi por debaixo da media das autonomías que se situaba no 160% do PIB. Se ben isto non se manifesta de forma clara no comportamento do consumo e do investimento privado, o certo é que aquelas autonomías máis endebedadas son polo xeral as que rexistran tamén un maior  nivel de desemprego.

O segundo factor distintivo do caso galego vén da man dunha maior competitividade exterior que, como xa vimos, maniféstase nun superávit comercial en produtos industriais xa existente antes do estoupido da crise. A pesares destes elementos positivos, a evolución da nosa economía no medio e longo prazo vai depender doutros factores de carácter estrutural e que xa comentamos máis atrás, así como da propia actuación dos poderes públicos de Galicia. Nomeadamente as políticas destinadas á mellora da capacidade innovadora do noso tecido produtivo, que por certo sufriron un claro retroceso comparativo nos últimos cinco anos, semellan clave para a mellora da nosa economía e do noso benestar no futuro inmediato.

 

Innovar cos pés na terra, e pensármonos como centro económico

Neste traballo quixemos facer un breve repaso dos principais cambios económicos acontecidos en Galicia nos últimos trinta anos. Comezamos cuestionando algúns dos arquetipos preconcibidos sobre a nosa economía e do país en xeral. Galicia xa non é aquela sociedade rural e agraria de antano e a súa estrutura produtiva experimentou modificacións propias das economías avanzadas da nosa contorna. En todo este tempo e como vimos, fomos quen de mellorar claramente o noso benestar económico e social até o punto de reducir as diferenzas históricas, e nalgúns casos superalas, respecto aos nosos veciños españois e europeos. Do mesmo xeito a nosa industria amósase máis competitiva que a industria española e acadou niveis de diversificación máis elevados dos que comunmente se pensa. Todo isto aconteceu a medida que se producían dous procesos clave dende o punto de vista histórico e institucional e que son en primeiro lugar a chegada e consolidación das institucións propias e do autogoberno, asumindo boa parte da prestación dos servizos do estado do benestar, e en segundo lugar a entrada na actual Unión Europea.

Sen embargo, a pesares dos anteriores avances a economía galega segue ocupando unha posición secundaria no contexto español e europeo. Nos últimos trinta anos fomos perdendo peso demográfico e económico o cal ten evidentes consecuencias en moitos outros ámbitos. Deixamos de ser un país pobre e atrasado, pero mantermos trazos dunha economía da periferia europea contemporánea, moi diferentes aos dos anos 60 e 70, pero periferia ao fin e ao cabo.

O principal factor que explica esta situación é seguramente a escasa capacidade innovadora da nosa economía e que se manifesta, entre outras evidencias, nunha incapacidade por reter e atraer capital humano de alta cualificación e actividades vinculadas ao terciario moderno. Actividades vinculadas non só aos servizos a empresas máis directamente vinculados coa innovación, como son os os servizos de investigación e desenvolvemento ou os servizos de enxeñería, senón tamén actividades baseadas na creatividade como as propias da industria cultural e outras actividades profesionais.

Mais non sería de recibo rematar este traballo coa xa tradicional perspectiva pesimista da nosa economía pois do mesmo xeito que existen fraquezas, existen tamén fortalezas como as que posibilitaron a mellora nestes tres decenios así como oportunidades que debemos aproveitar nos vindeiros anos. Sen ánimo de ser exhaustivo e entendendo que un diagnóstico propositivo para a mellora da economía galega necesitaría un traballo máis profundo, indicaremos varios aspectos que consideramos clave a este respecto.

O primeiro refírese á necesidade de innovar a partir do que somos e do que posuímos, que non é pouco. A economía galega non pode competir en sectores de alta tecnoloxía mais si o pode facer en moitos outros nos que temos amosado o noso bo facer historicamente e nos últimos anos. Referímonos, só a modo de exemplo, ao sector da alimentación vinculado ao mar e ao agro, onde é conveniente focalizar unha parte destacada dos recursos de apoio á innovación.

A aposta pola diferenciación baseada na vinculación ao territorio e á cultura propia, pero achegando novos formatos de comercialización (mercados de proximidade) e estando atentos ás grandes tendencias do mercado (produtos funcionais, ecolóxicos, etc) debe ser unha estratexia a seguir. Para iso debemos poñer os nosos recursos científicos e humanos ao servizo do tecido produtivo, e moi particularmente ás universidades. É tan só un exemplo pero a estratexia, coas súas particularidades, non debería ser diferente noutros moitos sectores tales como industria da madeira e forestal, a de produtos metálico ou a enerxética, onde a nosa vantaxe competitiva non pode seguir sosténdose case unicamente na dotación de recursos naturais ou en menores custes laborais. Redunda dicir que a implicación das institucións do país, con competencias xa desenvolvidas no ámbito das políticas de innovación, é clave para poder artellar unha estratexia acaída á realidade do noso tecido económico. 

O segundo factor ten que ver co artellamento interno e coa comunicación do pais co exterior. Como xa vimos, outro dos grandes cambios acontecido en Galicia nos últimos decenios é o da conversión nun país máis urbano onde o dinamismo económico e demográfico se concentra no eixo atlántico. Trátase dunha nova realidade sustentada nun sistema poliurbano e que non parecemos ter ben en conta ao establecer as nosas prioridades en materia de infraestruturas. Neste sentido e a modo de exemplo, chama a atención como dende os instancias políticas, sociais e empresariais se lle presta máis atención á comunicación ferroviaria con Madrid, que non mellora substancialmente as alternativas que xa existen, que á propia estruturación interna. O resultado é que imos tardar practicamente o mesmo en ter unha comunicación de velocidade alta entre as principais cidades do eixo atlántico, no que diariamente se desprazan centos de miles de persoas, que entre algunhas destas e a capital do Reino. Un país onde non existe unha grande cidade, cun mercado de traballo amplo e diversificado que funcione como imán para atraer persoas e empresas asociadas á nova economía, ten que facer da necesidade virtude e converter o noso sistema de cidades pequenas nese polo de atracción. Por iso é esencial reducir os custes de mobilidade interna e racionalizar, dende unha perspectiva global, os de comunicación co exterior. Evidentemente isto atinxe mudanzas importantes na políticas aeroportuaria, onde as instancias políticas se amosan incapaces de artellar unha estratexia que sitúe a Galicia no mapa europeo, e tamén no eido portuario, onde Galicia ocupa unha excelente posición para atraer tráfico de todo tipo a nivel internacional.

Rematamos. E facémolo indicando que dende a nosa perspectiva dificilmente imos ser quen de mudar a posición que colectivamente ocupamos no contexto español e europeo se non existe a vontade para facelo. Pode semellar algo obvio pero quen coñeza a realidade política e social deste país sabe ben do que estamos a falar. Parécenos esencial avanzar no autogoberno pero co obxectivo de construír unhas institucións onde prime a transparencia e que sexan quen de garantir a igualdade de oportunidades, lonxe das vellas prácticas de ascenso social. Sabendo o lugar que ocupamos, cómpre reinventármonos a partir do que somos e sobre todo pensarmos Galicia como centro económico e tamén político, aberto ao mundo.

 

Notas:

1- Debido a problemas metodolóxicos, non podemos realizar unha comparanza directa entre o IDH galego, o español e o europeo. Os datos para Galicia proceden dun estudo realizado para o conxunto das CCAA españolas e no mesmo apréciase que Galicia pasa de ocupar o posto 14 no ranking do IDH Estatal en 1980 ao posto 10 en 2010. Por outra banda, os datos do PNUD amosan que España mellorou a súa posición relativa respecto á Unión Europea o cal nos permite afirmar que Galicia tamén o fixo, mesmo en maior medida.

2- A taxa de risco de pobreza é a porcentaxe de persoas que están por debaixo do limiar de pobreza, entendido como o 60% da mediana dos ingresos por persoa (realmente por unidade de consumo das persoas).

3- Non quere isto dicir que as industrias tradicionais non poidan ser innovadoras, se non todo o contrario, e é aí onde seguramente teñamos que poñer a atención nos vindeiros anos en Galicia, senón que a escasa capacidade innovadora maniféstase nunha menor presenza relativa de actividades de media e alta tecnoloxía/intensidade en coñecemento e que demandan man de obra de alta cualificación, necesarios para promover a innovación tamén nas actividades tradicionais.

4-  No mapa só se inclúen 4 categorías, se ben no informe estas categorías subdivídense noutras até chegar ás dez sinaladas.

5- González, F; Martín, F e Martín, F. (2013); “Deficiencias estruturais, emigración interrexional e fuga de cerebros: o caso de Galicia” Revista Galega de Economía, 22, 2, 9-30

6- Cómpre destacar o proceso puntual que se produciu na década dos 90 de emigración ás Illas Canarias dun volume nada desprezable e que afectou en particular a cohortes mozas. Dito proceso parou e mesmo chegou a reverterse claramente a partir do ano 2007.

 

Referencias:

Banco de España (2013); “Cuentas financeiras de la economía española” Estadísticas. Banco de España
Blanco, H. e Fernández, M. (2007); Migraciones y capital humano: el caso gallego. Comunicación presentada no Encuentro de Economía Laboral y de la Educación, 12-13 de Julio de 2007
Costas, A. e Arias, X.C. (2011); La torre de la arrogancia. Políticas y mercados después de la tormenta. Ariel: Barcelona
European Union (2012); Regional Innovation Scoreboard 2012. European Commission. DG Enterprise and Industry
Fernández Leiceaga, X. e López Iglesias, E. (2000); Estructura Económica de Galiza. Laiovento: Compostela
FMI (2013); “Toward a Fiscal Union for the Euro Area”, IMF Staff Discussion Note. SDN/13/08
González, F; Martín, F e Martín, F. (2013); “Deficiencias estruturais, emigración interrexional e fuga de cerebros: o caso de Galicia” Revista Galega de Economía, 22, 2, 9-30
González, M. (2009); “Regional differences in the Growth Patterns of Knowledge-Intensive Business Services: an Approach Based on the Spanish case” European Urban and Regional Studies, 16, 1: 101-106
Gradín, C. e Del Rio, C. (2003); “A distribución da renda en Galicia: Balance das tres últimas décadas” Revista Galega de Estudos Sociais, 1, 41-56
IGE (2012); “Marco input-output de Galicia 2008”; Sistema de Contas. IGE
INE (2012); “Encuesta de condiciones de vida. Año 2012”. Notas de Prensa del INE
IVIE (2013); Desarrollo humano en España. 1980-2011. Instituto Valenciano de Investigaciones Económicas
Vence, X. and González, M. (2009); “Regional Concentration of the Knowledge-based Economy in the EU: Towards a Renewed Oligocentric Model?” European Planning Studies. 16: 557-578.

Manuel González, profesor da Facultade de Económicas da USC Dominio Público Praza Pública
Guindastres do estaleiro Barreras, en Vigo CC-BY-NC-SA taburete

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.