A economía galega en 2014: radiografía dunha chaira

A caída na recadación por IVE amosa a falta de vigor no consumo CC-BY-NC-SA CIG

"O que non son contas, son contos". Esta escasamente científica sentenza serviu en máis dunha ocasión para, dende diversas latitudes ideolóxicas e partidarias, ilustrar a necesidade de que as grandes proclamas políticas a respecto da xestión pública estean sustentadas en números, que en última instancia implican cartos. Dende a chegada ao poder do actual Goberno galego as cifras foron parte esencial dos argumentarios políticos do gabinete que dirixe Alberto Núñez Feíjoo. A "austeridade", primeiro, a "anticipación" ás medidas de recorte, despois, e, por último, a aseveración de que "Galicia está en mellores condicións para ser das primeiras en saír da crise", pronunciada no seu discurso de investidura de 2012, marcaron o ritmo dunha política económica que se revelou efectiva para cumprir os dous primeiros obxectivos, pero non así o terceiro, o da saída da crise e a recuperación.

Os datos oficiais coñecidos nas últimas semanas debuxan un escenario no que a maioría dos indicadores apuntan a unha timidísima recuperación no conxunto do Estado. Ademais de leve e afastada, en xeral, da economía real, a dos petos da cidadanía, esta recuperación ten unha segunda característica: é notablemente desigual entre territorios. E nesa desigualdade Galicia non está, como se augurou, nos postos de cabeza. Ben ao contrario, ocupa os últimos postos nun contexto no que as frechas non tenden a ascender, senon á mantérense planas. Ao estancamento, á chaira económica.

A Xunta chegou a prever que Galicia medraría un 1,2% en 2014 e o dato quedou no 0,4%, segundo o IGE, e no 0,5%, segundo o INE

Unha das mellores mostras desta planicie son os datos de crecemento do produto interior bruto (PIB), isto é, da riqueza do país. O avance ofrecido polo IGE a finais de febreiro amosou un raquítico crecemento do 0,4%, a metade do previsto pola Xunta nos Orzamentos para 2014 e un terzo do que chegou a prever na primavera dese ano, cando augurou unha expansión do 1,2%. Menos dun mes despois o INE ofreceu os seus datos e o prognóstico apenas variou. Galicia medrou ao 0,5%, o peor dato de todo as as autonomías e menos da metade das medias estatal e europea. A Xunta deu en admitir que o dato "non é bo" e atribuíuno, esencialmente, aos problemas nos sectores naval e automobilístico, dous dos emblemas da política industrial do Goberno galego.

A situación de Galicia nos postos de cola do crecemento contrasta co balance nun dos indicadores preferidos do actual Goberno, o do déficit. Case ao mesmo tempo en que se facían públicos os datos de evolución do PIB o Ministerio de Facenda confirmaba que Galicia pechou o 2014 cun déficit do 1,02%, o que tecnicamente supón entrar no club das únicas catro autonomías que cumpren; ademais de Galicia foron Navarra, Canarias e Euskadi. Este cumprimento do déficit deriva da aplicación de medidas de disciplina fiscal e orzamentaria, consagradas por lei, e polo tanto tamén de recortes.

A recadación tributaria testemuña a parálise

A maior soltura gobernamental coa tesoira que coas ferramentas dispoñibles para dinamizar a economía obsérvase, se cadra con aínda máis precisión que nos datos de crecemento, nunha das fontes de información máis útiles para coñecer o dinamismo dunha economía: a recadación de impostos. A Axencia Tributaria deu conta o pasado martes do balance do 2014 e a foto de Galicia é, tameń neste ámbito, practicamente plana. Entre os principais impostos só aumenta a recadación dos directos como o IRPF ou o de Sociedades, cuxas recadacións medraron en cadanseus 80 millóns de euros a respecto de 2013. 

A única recadación tributaria que aumenta é a dos impostos directos, mentres que a caída dos indirectos amosa a atonía do consumo

Mentres a recadación dos impostos directos sobe a dos indirectos segue a baixar. A mostra máis relevante de atonía económica é a que resulta da baixada, como doce meses antes, na recadación do IVE, que perde uns 50 millóns de euros e amosa ás claras que o consumo no país está lonxe de recuperarse e, polo tanto, lonxe tamén de impulsar a economía. Igualmente, recadáronse menos fondos en Galicia a través dos impostos especiais, os que gravan o alcol, os hidrocarburos, o tabaco e as matriculacións de vehículos, que pecharon 2014 con 14 millóns menos.

Se a foto individualizada da recadación tributaria de Galicia é preocupante a comparativa con outras comunidades autónomas non o é menos. Deixando á marxe Euskadi e Navarra, cuxa xestión tributaria é dificilmente comparable ao resto polo seu réxime foral, todas as autonomías agás unha aumentaron a súa recadación por impostos e só unha, Cantabria, a viu reducida. De todas as que medran Galicia é a que o fai a menor ritmo, cun 2,1% que está lonxe das máis dinámicas, como Balears, La Rioja, Canarias ou Aragón.

No principal imposto sobre o consumo, o IVE, Galicia tamén é segunda comezando polo final. O incremento dun 3% na recadación por IVE a respecto de 2013 deixa a economía galega só por diante de Murcia, que ficou no 2, e moi por tras do 29,4% de Valencia, do 27,3% de Canarias ou do 24% de Cantabria. La Rioja, Aragón e Balears tamén pecharon o exercicio económico aumentanto a recadación por este imposto en máis dun 20%.

Segue a destrución de emprego

A recuperación significativa non chegou en 2014 ás grandes magnitudes económicas galegas nin ao consumo e tampouco o fixo nunha das principais manifestacións de todos estes números: o emprego. Como xa relatou este diario o mercado laboral galego seguiu destruíndo emprego o pasado ano, no que continuou a minguar. As cifras oficiais da Enquisa de Poboación Activa, das inscricións nas oficinas de emprego e das afiliacións á Seguridade Social indican que, en síntese, seguen a entrar no desemprego máis persoas das que conseguen saír del e abandonan a ocupación, deixan de ter traballo, máis persoas das que se incorporan a ela. Esta radiografía resumiuna recentemente o IGE no seu traballo sobre os fluxos de poboación activa.

Neste escenario, a EPA amosa ás claras que en decembro de 2014 había 19.200 persoas menos que un ano antes que estivesen a traballar ou en condicións de facelo, isto é, formando parte da poboación activa. Asemade, caeu tamén a pobación ocupada, a que ten traballo, en 2.200 persoas a respecto do peche do ano anterior. Ningunha destas cifras se ve compensada pola diminución do paro nunhas 17.000 persoas, o que dá conta da continuidade na destrución de emprego.

No medio do panorama chairego só hai un dato que adquire perfil montañoso: o da débeda. Atendendo aos datos do Banco de España o 2014 foi o ano no que a Xunta bateu o seu propio récord de endebedamento, chegando a superar os 10.000 millóns de euros e pechando o ano en 9.961, un 8% máis que un ano antes e un 152% máis que en 2008, último ano completo antes da chegada a San Caetano do actual Goberno. 

Aínda que o peso da débeda sobre o total do PIB galego segue por baixo da media estatal se mantén catro puntos por baixo da media estatal a súa evolución nos últimos anos fixo que pasase do 6,7% en 2008 ao 18% en 2014. Ademais, como aconteceu cos datos de crecemento, a Consellería de Facenda errou nas súas previsións de peso da débeda sobre o total da riqueza galega. A luz ao final do túnel semella que está aínda lonxe.

Feijóo e o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.