A economía galega, entre as menos dinámicas do Estado: caen a creación e a disolución de empresas

Francisco Conde, conselleiro de Economía e Industria © Conchi Paz

O INE publicou este martes os datos actualizados da Estatística de Sociedades Mercantís. En febreiro creáronse en Galicia un 6% menos sociedades que no mesmo mes do ano pasado, un total de 363, o que representa apenas un 4% das creadas en toda España. Fronte ao descenso experimentado en Galicia, no conxunto do Estado creáronse un 3,7% máis empresas que hai doce meses. O número de sociedades creadas en Galicia supera en moi pouco ás constituídas en comunidades autónomas cunha poboación moi inferior, como Canarias (357), Euskadi (341) ou Murcia (286).

En Galicia tamén decreceu o número de sociedades disoltas, un total de 137, un 42% menos que en febreiro de 2013. Neste caso, esta cifra representa o 6,45% do total estatal e o número de disolucións en Galicia achégase aos de autonomías moito máis poboadas, como a Comunidade Valenciana (194) ou Catalunya (227).

As cifras dos últimos meses apuntan a un estancamento do ritmo de creación de empresas en Galicia. Nos anos 2010, 2011, 2012 e 2013 superáronse escasamente as catro mil sociedade constituídas en Galicia, moi lonxe das máis de seis mil que se creaban entre 2004 e 2007, e a tendencia nos dous primeiros meses de 2014 é mesmo descendente. Mentres, en 2013 superouse o récord de empresas disoltas, acadando a cifra de 1.928, ao redor do dobre que cinco anos antes. A tendencia nos primeiros meses de 2014 é, iso si, descendente tamén neste campo. Unha mostra do escaso dinamismo da economía galega.

En Galicia destruíronse en 2013 uns 40 mil postos de traballo e o número de persoas sen emprego, unhas 275 mil na actualidade, é superior en 110 mil persoas ao número de parados e paradas que se rexistraba en 2009. Este descenso na actividade afectou sobre todo aos máis novos e novas. En 2009 había 216.200 menores de 25 anos ocupados, case o dobre que neste momento.

  00 01 02 03 04 05 06 07 08 09 10 11 12 13
Sociedades constituídas 5.183 4.788 4.997 5.485 6.040 6.457 6.998 6.678 5.425 3.836 4.040 4.086 4.143 4.285
Sociedades disoltas 378 385 428 558 651 747 756 1.007 1.022 1.134 1.342 1.466 1.715 1.928

Sociedades mercantís constituídas e disoltas anualmente en Galicia entre 2000 e 2013. Fonte: INE

Francisco Conde, conselleiro de Economía e Industria © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.