A economía galega medra tanto como antes da crise con 150.000 persoas menos a traballar

Movemento de contedores no porto de Vigo, un dos focos de exportacións en Galicia © marportactivities.com

A economía galega medrou en 2016 a bo ritmo, cun crecemento do Produto Interior Bruto (PIB) do 3,1%. A boa marcha case acada os niveis previos ao inicio da crise económica, convencionalmente fixada no ano 2008 e mesmo superou as previsións da propia Xunta, que as fixara nun 2,5% para despois elevalas ao 2,8%, o que implica que o gabinete de Alberto Núñez Feijóo atinou por segundo ano consecutivo tras varios exercicios a errar nas súas estimacións. No entanto, o rebordante optimismo que a propia Xunta manifesta ao abeiro destes datos non é aplicable a outros indicadores da economía real, a comezar polo emprego. Non en van, tras varios anos de redución do mercado laboral hai no país unhas 150.000 persoas menos a traballar que antes do inicio da crise.

O PIB galego rematou 2016 cun crecemento do 3,1%

A orixe dos bos resultados macroeconómicos está sobre todo nas exportacións, que remataron o 2016 cun avance de case o 7%, e tamén nos gastos dos fogares, que medraron por riba do 2%. Neste contexto, a economía do país regresa a niveis non rexistrados dende 2008 e o PIB acada practicamente o crecemento medio do Estado, se ben a explicación é que a economía española amosa síntomas de estancamento, segundo os datos que veñen de publicar o Instituto Galego de Estatística e mais o INE.

As contas económicas divulgadas divulgadas pola oficina estatística do goberno galego amosan, non obstante, tamén a outra cara da moeda que vén retratando dende hai tempo a Enquisa de Poboación Activa. Os postos de traballo medraron en Galicia durante 2016 moito menos que o PIB, un 1,9% fronte ao 3,1% xeral, e os postos equivalentes a tempo completo avanzaron un 2,3%. Isto supón que a economía galega rematou 2008 con 1,3 millóns de postos de traballo, case 190.000 menos que no rexistro final do ano 2008, cando a crise xa estourara.

As contas trimestrais reflicten que o emprego medra practicamente a metade que o produto interior bruto

Os síntomas que ofrecen as contas económicas trimestrais correspóndense, a grandes trazos, cos da EPA. Na segunda metade de 2008 este indicador, o homologado a nivel internacional para medir o mercado laboral, rexistraba máis de 1,2 millóns de persoas ocupadas, o máximo da serie histórica. Dende aquel punto iniciou un descenso continuado ata finais de 2014, cando o paro tocou teito. Nos seguintes dous anos a ocupación en Galicia ascendeu levemente e pechou o pasado ano un chisco por riba do millón de persoas ocupadas. A diferenza é, daquela, dunhas 150.000 persoas con traballo.

É neste contexto no que a Xunta amosa o seu optimismo cara ao futuro. A economía galega está "nunha deriva de éxito" asentada nas exportacións, afirmou Feijóo este xoves e por iso confía en que as previsións de crecemento, fixadas nos Orzamentos Xerais de 2017 na contorna do 2,4%, poidan cumprirse de xeito folgado. Case ao mesmo tempo o PPdeG volve ligar, por boca do seu secretario xeral, Miguel Tellado, a redución do paro coa xestión da Xunta, contradicindo así a versión ofrecida polo presidente no máis profundo da crise, cando chegou a afirmar que o Executivo galego non ten "practicamente ningunha competencia" en materia laboral.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.