A empresa que auditou a fusión das caixas controlará as contas da CRTVG

O director xeral da CRTVG, nun acto público © CRTVG

"É solvente, garante a galeguidade e está tecnicamente avalada" e ademais "dará beneficios dende o primeiro ano". En xaneiro de 2010 a daquela conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, resumía deste xeito o resultado da auditoría "independente" encargada pola Xunta á empresa KPMG para avalar a fusión de Caixanova e Caixa Galicia. Fora un traballo de menos dun mes encargado sen mediar concurso público e cun custo dun millón de euros para as arcas públicas que pintara un panorama case idílico para a entidade resultante da unión. Nada mencionaba -cando menos, segundo a Xunta, que nunca a fixo pública- de, por exemplo, os máis de 5.000 millóns de euros en ladrillo tóxico que lastraron a actual Novagalicia Banco, agora valorada en -3.091 millóns. A mesma empresa que avalou a solvencia daquela operación será agora a encargada de controlar as contas da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG).

O pasado 5 de decembro a CRTVG formalizou a adxudicación a KPMG do "servizo de auditoría financeira e verificación de existencias do ente público CRTVG e as súas sociedades dependentes, TVG S.A e RTG S.A. para os exercicios 2012 a 2014". A compañía revisará as contas do ente público -en pleno proceso de reestruturación conforme á nova Lei de Medios- por 105.000 euros máis IVE, isto é, por algo máis de 127.000 euros. Farao por ser a gañadora, neste caso si, dun concurso público no que foron admitidas outras seis empresas, a saber: JDA Audit, AT Consultores & Auditores, Auditores, Conslutores y Expertos Independientes, Ernst&Young, Servicios de Auditoría y Consulting de Empresas e BDO Auditores, S.L.

Segundo a documentación da adxudicación, KPMG faise co contrato por presentar a "oferta economicamente máis vantaxosa". Nesa oferta a auditora ofreceuse a realizar o traballo polos devanditos 105.000 euros máis IVE e con 2.670 horas de dedicación. Deste xeito, rebaixaba en 30.000 euros o importe de licitación presentado pola CRTVG, isto é, o prezo máximo que estaba disposta a pagar a compañía pública. Así e todo, KMPG non foi a empresa que máis puntuación obtivo na avaliación do "prezo" -a mesa de contratación outorgoulle 47,17 puntos sobre 55- pero si o fixo no epígrafe de "planificación, contido", na que a CRTVG lle deu 25 puntos sobre 25. O mesmo aconteceu no apartado "equipo de traballo", con 10 puntos de 10 posibles.

KPMG considerou, segundo a Xunta, que a unión de Caixanova e Caixa Galicia era "solvente" e ía ter "beneficios no primeiro ano"

Neste contexto, a empresa que avalou a fusión das caixas vai "comprobar" ata finais de 2014 "se as contas anuais" dos medios públicos de comunicación "ofrecen a imaxe fiel do patrimonio, da situación financeira e dos resultados da sociedade, así como, no seu caso, a concordancia do informe de xestión coas contas anuais do exercicio". Resta saber se, como no caso das caixas, o Goberno galego se resistirá a facer público o contido íntegro do documento, xa que tres anos despois a oposición aínda non conseguiu que Facenda remita ao Parlamento o contido íntegro do controvertido documento.

 

O director xeral da CRTVG, nun acto público © CRTVG
Puntuacións obtidas polas empresas © CRTVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.