"A esquerda en Galicia debería tomar exemplo da unidade sindical"

Xosé Manuel Sánchez Aguión, secretario xeral de CCOO-Galicia © CCOO

Xosé Manuel Sánchez Aguión, secretario xeral de CCOO-Galicia, amósase convencido de que a folga xeral do vindeiro 14 de novembro terá aínda máis apoio que a última en Galicia e pide que a colaboración sindical se traslade tamén ao ámbito político progresista. Cualifica o paro como "inevitable" pola "desfeita" que está a provocar o PP e critica con dureza a negativa do CSI-F a secundalo.

Como afronta CCOO esta nova folga xeral?

Afróntase con moita enerxía porque é unha folga inevitable diante da auténtica desfeita que se está a facer cos dereitos laborais e sociais no noso país. Os últimos Orzamentos son máis do mesmo, máis recortes e máis axustes, polo que supoñen tamén máis paro. Non hai unha soa medida que vaia no camiño da reactivación económica e que permita albiscar unha recuperación económica nin de xeración de emprego ou polo menos que pare esta sangría. Os últimos datos de desemprego e de pobreza arrepían polo que esixen un cambio de rumbo deste Goberno e unha resposta da cidadanía.

"Esta lei electoral é unha barbaridade; con case 140.000 votos menos, o PP ten tres deputados máis"

Non cre que a vitoria por maioría absoluta do PP pode diminuír a participación na folga xeral?

Nós facemos unha lectura ben diferente. É incuestionable que coas actuais regras de xogo e con esta lei electoral, o PP revalida a súa maioría absoluta, pero queremos poñer en evidencia que o Partido Popular ten tres deputados máis con case 140.000 votos menos e cun apoio real da cidadanía do 24% da poboación. Ten lexitimidade, pero amosa tamén a absoluta barbaridade que supón esta lei electoral onde, ademais, sempre saen sobrerepresentadas as zonas rurais fronte ás zonas urbanas, onde están os núcleos fundamentais da poboación. A lei d'Hondt, que favorece as forzas maioritarias, e a división da esquerda favoreceron que o PP revalidase a maioría absoluta.

"Nas cidades, a contestación ás políticas do PP foi moi nítida porque gañou claramente a esquerda"

Os resultados nas cidades son unha esperanza para a esquerda?

Nas grandes cidades galegas, onde se concentra o 80 ou 90% da clase traballadora, a contestación a estas políticas do PP foi moi nítida. Nas urbes gañou a esquerda e gañou con moita claridade nas sete grandes cidades e nunha parte importante daquelas vilas onde se superan os 25.000  habitantes. Feijóo agochou a Rajoy durante a campaña porque non lle interesaba que se lle vinculase coa política de recortes que está a desenvolver o Goberno central. Ademais, é evidente que adiantou as eleccións para evitar que os efectos dun posible rescate que está a caer tivesen tamén efectos electorais negativos sobre el.

Xa que logo, prevé un grande apoio á folga xeral do 14N?

Vai haber unha resposta forte, masiva e contundente dos traballadores e da cidadanía en xeral porque estas medidas non afectan só á clase traballadora, senón ao conxunto da cidadanía. Aos traballadores aféctanlles dúas veces na súa dobre condición de traballadores e cidadáns. Se perde o seu posto de traballo e calquera tipo de complemento de retribución ou pensión, o encarecemento da vida aféctalle como cidadán. O que se trata é de ter unha vía de denuncia que se vai facer moi patente o vindeiro 14 de novembro.

Pero agora o Goberno do PP semella ter as mans libres para continuar cos recortes...

Este Goberno ten que empezar a tomar nota e respectar unha regra de xogo básico en democracia que é que non se pode mentir impunemente. Rajoy gañou as eleccións prometendo unhas politicas distitnas ás que está desenvolvendo. A democracia non empeza nin remata votando cada catro anos. Os sindicatos estamos lexitimados para opoñernos frontalmente ás políticas que son claramente lesivas para quen nos representamos. En democracia non se pode facer unha fraude á cidadanía como a que está a cometer o PP. O PP galego e español equivócanse se fan unha lectura equivocada de apoio a estas medidas. O día 14 vai quedar moi claro que isto non é así.

"Agardamos un apoio semellante ou incluso superior ao da última folga xeral; autónomos e pequenos empresarios tamén se van rebelar"

A mobilización e o apoio á última folga xeral en Galicia foi vangarda no conxunto do Estado, manterase ese nivel tras as eleccións?

Esperamos algo parecido e incluso superior. Vai haber un salto cualitativo importante porque os efectos da crise non afectan só aos traballadores senón a toda a cidadanía. Hai milleiros de pequenos empresarios e autónomos que están a sufrir os efectos da crise e que están vendo como se rescatan os bancos e o sector financeiro pero non ven que isto contribúa a reactivar a economía e as liñas de crédito. Moitas pequenas empresas, o 80% do emprego en España, están pechando porque os bancos afóganas. Os autónomos e pequenos e medianos comerciantes tamén se van rebelar e van supor un salto cualitativo con respecto doutras folgas anteriores.

A unidade de acción sindical é un factor clave para manter esta mobilización?

O movemento sindical en España, e de maneira especial en Galicia, demostra un grao de madurez e responsabilidade importante, sabendo afastar as diferenzas lexítimas que temos para sobrepoñer o que nos une, que é infinitamente superior ao que nos separa. Soubemos facelo e estamos facendo un esforzo por loitar en común desde as organizacións de clase. Isto debería ser un exemplo para a esquerda poítica neste país. Habería que acabar coas liortas e coas miserias internas porque iso beneficia a dereita política e ideolóxica que, como eu digo sempre , conforma gobernos que teñen un contido claramente ideolóxico. Danlle a volta como un calcetín a este país para derrubar aquilo polo que durante moitísimos anos loitaron milleiros de persoas e que se conseguiu incluso deixando a vida no intento: o Estado de Benester e Estado social que coloca as persoas e os intereses colectivos por riba dos particulares e que coloca a xustiza e equidade social nuns mínimos básicos. Hai que combater estas polítias e é importante que a esquerda se una e defina un proxecto claro fronte a esta dereita.

"Hai que acabar coas liortas internas na esquerda porque iso só beneficia a dereita"

Ve posible esa unión da esquerda en Galicia?

Digo que sería desexable, o de posible véxoo máis complicado. Se algo temos que aprender da dereita é que eles saben soldar e defender moi ben os seus intereses tapando as súas diferenzas. A defensa do Estado de Benestar e do papel que ten que xogar o Estado como elemento redistribuidor só o pode facer a esquerda, que é quen de poñerse de acordo niso aínda que haxa matices e diferenzas sans. Se nos metemos en liortas partidarias, o PP seguirá encantado e seguirá gobernando este país.

"A negativa a secundar a folga do CSI-F amosa a este sindicato como o que é: unha central corporativa e sectaria"

Que opinión lle merece a negativa do CSI-F a secundar a folga xeral?

A valoración é evidente. A CSI-F amósase como o que é: un sindicato corporativo e sectario que só defende os intereses dunha parte dos traballadores, obviando que a crise e a xestión dela afecta o conxunto da cidadanía. Os funcionarios non deixan de ser cidadáns ao marchar dos seus postos de traballo, senón que se converten en cidadáns aos que tamén lles están afectando estas políticas. Aprobouse o regulamento dos EREs na función publica e igual o CSI-F pensa que como os EREs só afectan o persoal laboral non lles debería importar ou preocupar unha regulación que é infumable. A súa postura parécenos lamentable. Se os empregados públicos tiñan razóns para ir á folga xeral, isto dálle máis razóns aínda, pero o CSIF saberá o que fai e os seus representados saberán por que toman este tipo de decisíóns. Non sei se defenden ben os intereses dos funcionarios, pero desde logo creo que non o dos conxuntos dos traballadores.

 

 

 

Xosé Manuel Sánchez Aguión, secretario xeral de CC.OO. en Galicia CC-BY-SA S.N. de CC.OO. en Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.