A fenda entre créditos e depósitos bancarios en Galicia bate o seu récord

Billetes de euro Dominio Público Petr Kratochvil

A necesidade de desatoar a famosa "billa do crédito" foi a xustificación de moitas decisións políticas e financeiras dos últimos anos. En Galicia, o paradigma desta ladaíña foi o proceso de xestación e culminación da fracasada fusión das atribuladas Caixa Galicia e Caixanova, a mesma que agora vive o seu prólogo nos tribunais de Xustiza mentres o comprador dos seus restos, Banesco, destaca o crecemento, tamén deste ano, dos beneficios de Abanca -266 millóns de euros netos ata setembro-. A volta do crédito foi destacada en datas recentes en discursos de banqueiros e políticos pero, no entanto, os datos acreditan que ese cambio de ciclo non pasa por Galicia, onde a fenda entre os cartos que a poboación deposita nos bancos e os que estes lle prestan está en máximos históricos.

A necesidade de desatoar a "billa do crédito" marcou decisións como a fusión das caixas

Os datos máis recentes do Banco de España, correspondentes ao segundo trimestre deste ano, indican que os bancos manexan en Galicia 57.749 millóns de euros en depósitos, unha cifra récord que se incrementou en máis de 100 millóns de euros en só un ano e en case 10.000 dende o inicio da crise. Mentres, o crédito bancario no país está en 44.059 millóns de euros. Esta cifra sitúa o diñeiro prestado polos bancos en Galicia en niveis de hai dez anos pero cunha diferenza substancial: daquela as entidades prestaban un chisco máis do que tiñan depositado e agora, teñen depositado moito máis do que prestan.

Os bancos manexan en Galicia 57.700 millóns en depósitos e prestan uns 44.000

O cruzamento dos datos de préstamos e depósitos permite coñecer que a mediados deste 2015 esa fenda entre créditos e depósitos superou en Galicia os 13.600 millóns de euros, 3.300 millóns máis que hai tan só un ano e 11.000 máis que en marzo de 2013, cando a diferenza comezou a ser negativa. A fenda só foi positiva entre 2004 e finais de 2012, se ben a maior expansión chegou nos anos das meirandes alegrías crediticias da banca. Así, no segundo trimestre de 2008 os bancos prestaban en Galicia 20.800 millóns máis dos que tiñan depositados. Dende o estourido da crise coa caída de Lehman Brothers comezou a senda descendente, que no caso galego se agudizou coa fusión e posterior desaparición das dúas grandes caixas de aforros.

A abrupta caída do crédito a partir de mediados de 2008 cadrou, agás no período entre 2010 e 2010, cun incremento dos fondos depositados pola poboación nas entidades bancarias. Isto provocou que dende 2013 o sistema financeiro galego volvese á súa situación habitual, con máis depósitos que crédito, pero cunha correlación ben diferente entre ambos e con importes notablemente dispares.

Galicia consolídase como fornecedora neta de crédito para outros territorios do Estado

Así, antes dos anos da burbulla a diferenza entre ambos indicadores permanecía máis ou menos estancada en torno aos 5.000 millóns de euros. Xusto antes de que ambas variables se cruzasen, os depósitos roldaban os 31.000 millóns e os créditos, os 30.000. Unha década despois os bancos prestan practicamente o mesmo que antes do inicio da gran eclosión, pero manexan 24.000 millóns máis en depósitos, o que consolida a Galicia como fornecedora neta de crédito para outros territorios do Estado.

d

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.