A folga de entregas de leite convocada polos sindicatos maioritarios do sector en Galicia continuará durante este mércores, malia que os gandeiros están a recibir xa as primeiras “presións” por parte da industria e a pesar das elevadas perdas que cada día de paro provoca nas explotacións.
A xornada de folga convocada por UUAA, XXAA e SLG, e apoiada por outras organizacións como a Fruga, foi cualificada como “moi positiva” polos sindicatos xa que, segundo os seus datos, “ningún camión recolleu leite” nas 11.000 explotacións galegas durante un paro que transcorreu con “normalidade” nas súas primeiras 24 horas, agás algún incidente illado.
O paro continuará ata que as industrias se comprometan a subir o prezo, aínda que os sindicatos son conscientes do difícil que sería alongar o conflito
Así, o paro continuará ata que as industrias se comprometan a unha suba do prezo do produto en orixe, algo que non se produciu aínda, á espera dunha reunión entre Administración, empresas e gandeiros que non está fixada pero que podería celebrarse o mércores á tarde. Rosa Quintana, conselleira de Medio Rural, agarda concretar axiña un encontro co que pretende tamén acabar coa folga.
Malia o éxito desta primeira xornada, na que se visibilizou como poucas veces a grave situación pola que atravesa o sector leiteiro galego, os sindicatos son conscientes de que “os problemas comezarán a partir de agora”. “O leite empézase a acumular nos tanques e as industrias empezarán tamén as súas ameazas”, advirte Xabier Gómez Santiso, do SLG, que lembra que “unha cousa é tirar o leite dun día e outra moi distinta continuar durante varias xornadas e incrementar as perdas que xa teñen de por si as explotacións”. Segundo os cálculos das centrais, o paro supuxo que se deixasen de vender uns 6 millóns de litros de leite, así como perdas por cada explotación duns 250 euros de media.
Cada xornada de paro supón unha perda de 250 euros por explotación e 6 millóns de litros de leite sen vender
Pero ademais, a industria comeza tamén as súas “presións”, tal e como denuncia Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias, que denuncia movementos de empresas como Leite Río e Lactalis nas zonas de Silleda, Lalín, Santa Comba e algún punto da provincia de Lugo, aínda que “de momento non hai constancia de que houbese recollida ningunha”.
Os sindicatos denuncian as primeiras presións de empresas como Leito Río ou Lactalis
Porque os sindicatos son conscientes de que a presión exercida polas empresas, unida á presión económica que soportan as granxas, busca “a división” entre os gandeiros, unha situación que non se poden “permitir” nestes momentos de loita. Así, entre os sindicatos nótase xa un “certo nerviosismo” que coincide tamén co achegamento dalgún transportista a algunha explotación.
O feito é que a confianza dos gandeiros nas industrias segue a ser mínima. Incluso fontes sindicais aseguran que, xa ao remate da reunión do sector o pasado luns, representantes das empresas aseguraban que o final da folga era cuestión de tempo porque as explotacións acabarían por vender o leite ante a súa desesperada situación económica. “Non lles importa nada acabar co sector, pero se pechan as granxas galegas, a onde van ir mercar o produto despois?”, quéixanse as mesmas fontes.
Fontes sindicais aseguran que a industria intentará que a división entre os gandeiros acabe coa folga
Mentres, os gandeiros reciben o apoio de toda a oposición parlamentaria, que pediu ao Goberno de Núñez Feijóo que actúe para acabar coa grave crise do sector. Solicitoullo o PSdeG, AGE e o BNG, logo dun discurso de investidura do futuro presidente no que as alusións ao problema das explotacións foron mínimas e que foi interrumpido por varios produtores ao berro de “Feijóo escoita, os gandeiros están en loita”.
Logo de ser desaloxados da cámara, os manifestantes uníronse a unha concentración ás portas do Parlamento no que se volveron reclamar prezos xustos para o leite galego, que segue a ser o peor pagado do Estado e Europa, cunha media de 28 céntimos por litro, uns dez céntimos máis do que costa o penso. Ademais, en varias localidades, como A Coruña ou Arzúa, os gandeiros repartiron leite gratuitamente entre os veciños para concienciar a poboación da grave crise do sector e invitalos a apoiar as granxas galegas á hora de elixir o leite que mercan. Tamén houbo concentracións ante varias industrias, así como pequenas tratoradas noutras vilas.
Por outra banda, a COAG (Coordinadora de Organizaciones de Agricultores y Ganaderos) amosou este martes o seu completo apoio á folga dos gandeiros galegos e non descarta que as mobilizacións se xeneralicen ao conxunto do Estado.