Outra decepción para o agro galego. A Lei da Cadea Alimentaria foi aprobada este xoves polo Senado, cos votos favorables do PP e dos seus senadores galegos, malia que non inclúe a prohibición de vender leite a perdas ou por debaixo dos custos do produción. Con este visto e prace á nova normativa, as centrais agrarias acusan os populares e o presidente Núñez Feijóo de "incumprir as súas promesas". Hai tan só uns meses, e logo da exitosa folga de entregas de novembro, o xefe do Executivo galego prometera poñer todo para evitar que a futura lei -que agora deu o seu primeiro paso para ser ratificada- consentise vender baixo custos de produción. De nada valeu.
Os senadores galegos votaron a favor dunha lei que permite vender a perdas, malia as promesas de Feijóo
"De nada serviron as promesas de Feijóo nin as xuntanzas mantidas con deputados do PP de Galicia no Congreso, como Xaquín García Díez, ou co senador Xosé Manuel Barreiro", quéixase agora o Sindicato Labrego Galego, que cre que o Partido Popular "traizoa o sector lácteo galego e o medio rural". "Os votos favorables dos senadores do PP constatan os temores que tiñamos no sector produtor, ao que se deixa sen ferramentas eficades para se protexer dos abusos das industrias e da distribución", asegurou a secretaria xeral da organización, Isabel Vilalba.
Xa que logo, para os sindicatos do agro a nova Lei da Cadea Alimentaria "seguirá permitindo que industrias e distribución sigan a impoñer prezos por baixo dos custos de produción en orixe en todos os sectores agrarios e gandeiros, cuxo único recurso para oporse a esta situación de abuso descarado será a Lei de Competencia, que tipifica como delito a venda a perdas. "Iso si, se unha explotación quere denunciar, deberá meterse en longos e carísimos procesos xudiciais sen garantías de éxito, polo que as industrias e as distribuidoras poden estar tranquilas", asegura o SLG, que aclara que “o PP perdeu unha oportunidade histórica de crear mecanismos áxiles que senten as bases dunhas relacións comerciais xustas nos sectores agrogandeiros, garantindo a rendibilidade económica da profesión labrega”.
"Ou a Xunta non fixo as deberes ou non ten peso político en Madrid ou pecou de ambas as dúas cousas", di o SLG
"Por desgraza, os senadores e senadoras do PP de Galiza acataron puxeron a disciplina de partido por riba das súas promesas, traizoando e mentindo aos sectores agrarios e gandeiros da Galiza ao votar para que as industrias e a distribución sigan a pagar prezos ruinosos polo leite, a carne, as hortalizas ou as froitas", denunciou Isabel Vilalba, que di non saber se a Xunta "non fixo os deberes, se carece de peso político para defender o medio rural galego ou se pecou de ambas as dúas cousas".
"O que si sabemos é que o resultado das negociacións que fixeron posible a Lei da Cadea Alimentaria remataron no mesma calella sen saída de sempre: aquela na que seguen a gañar industrias e distribuidoras coas súas prácticas comerciais mafiosas e impunes; e volven perder os labregos e labregas", remata.