O Congreso aprobou a semana pasada a Lei de cadea alimentaria que, malia as promesas do PPdeG e do propio Feijóo, seguirá permitindo vender leite por baixo dos custos de produción. Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias, amosa a súa "decepción" coa Xunta e co seu presidente e lamenta o "escaso peso" que ten no Goberno central un Executivo galego que non cumpriu coa palabra dada aos gandeiros tras as últimas mobilizacións. Perde o sector leiteiro e perde Galicia outra vez coa aplicación dunha norma que, segundo o sindicalista agrario, si beneficia a sectores clave en Estremadura ou Andalucía.
Que balance fai da aprobación da lei?
A lei é un paso adiante importante para a inmensa maioría dos sectores agrogandeiros, agás para o do leite. Se fago unha valoración da norma deixando á marxe o sector leiteiro, está claro que supón normalizar as relacións contractuais no sector primario. Que quen vende teña un contrato por escrito co prezo, unhas condicións de prazo de pago e unhas normas de funcionamento de aplicación das leis de comercio achéganos a outros sectores e colócanos nunha situación de normalidade. No entanto, se falamos do tema do leite...
"A lei si asumiu as especificidades do aceite de Andalucía ou do tabaco de Estremadura, pero o leite só importa en Galicia"
Non hai nada positivo na lei para o sector leiteiro?
O leiteiro é o único sector no que para determinadas circunstancias a UE exceptúa a aplicación da lei de competencia; cando o PP mete dentro da lei a todos no mesmo saco estalle quitando este privilexio que o leite ten e que outros países si aplican. Reduce de forma substancial a situación diferenciada que o produto tiña dentro do paquete lácteo ao estar exento da lei da competencia en determinadas circunstancias de negociación colectiva. Pero a lei supón unha posta en evidencia das miserias de Galicia e do seu goberno porque se demostra que o leite só preocupa en Galicia porque só aquí ten un peso específico na nosa gandeiría tan importante e porque a relación entre industria e gandeiro no resto de autonomías permitiu que, só pola vía simple do mercado, se estivesen cobrando dous ou tres céntimos máis por litro que no país. Eses tres céntimos son a diferenza para moitas explotacións entre ser viables ou ter que pechar. Non logramos que o leite tivese un protagonismo na lei que si tiveron produtos claves noutras autonomías, como o aceite en Andalucía ou o tabaco en Estremadura, que si gozaron de todo o privilexio para que se contemplasen as súas especificidades.
Galicia é a gran prexudicada desta lei?
Si, porque o leite ten un peso en Galicia que non ten no resto e porque o leite ten aquí un problema que non ten noutros lugares. O prezo está moi por debaixo do que se paga noutras comunidades autónomas e hai unha imposición da industria foránea que provocou que durante moito tempo se vendese por baixo do prezo de custo.
"A lei evidencia o escaso peso que ten Feijóo no PP e en Madrid, a diferenza do que se di nos medios"
E Galicia segue sen ter peso para mellorar a situación do sector leiteiro...
Esta lei pon en evidencia a escasa implicación do Goberno galego ou o escaso peso que, a diferenza do que se di nos medios, ten o presidente Feijóo no PP e en Madrid. Un PP con maioría no Congreso e no Senado, con voceiros galegos e responsables de negociar a lei que tamén son galegos... E foi incapaz de trasladar ao texto a emenda que abanderara Feijóo para poñerlle fin ás últimas mobilizacións dos gandeiros e que era que o prezo do leite non puidese estar por debaixo dos custos de produción. Por se todo isto fose pouco, chama moito a atención a pouca autocrítica que se fai desde Galicia. O que se fai é enlamar o campo da opinión pública dicíndolle á sociedade que unha das reivindicacións de Unións Agrarias, a introdución do mediador, si está incluída na lei. Pero iso é unha trampa.
Por que é unha trampa?
Porque o que contempla a lei é que o mediador só vale naqueles casos nos que a industria acepte a súa figura; polo tanto, é como non telo porque só se aceptará cando haxa acordo. Se hai discrepancia, a industria non o vai aceptar. Para lograr un mediador pactado, non fai falta lei ningunha, eu e máis vostede podemos pactar que as nosas diferenzas as resolva o arcebispo de Santiago... Isto é o que a lei pon malia a publicidade eufórica que a conselleira do Medio Rural e algún outro cargo intentaron difundir e vender como un éxito das exixencias de Galicia. Para nada foi así. Cando un gandeiro galego non se poña de acordo coa industria no prezo do leite, terá que seguir tirando o produto porque a industria sen contrato non lla pode recoller e o gandeiro non ten forza para impoñer o prezo a un produto perecedeiro.
"Non me sinto traizoado, estou decepcionado ao comprobar o pouco peso que Feijóo e Galicia teñen no Goberno central"
Diría que se sente traizoado pola Xunta?
Gustaríame sentirme traizoado porque iso implicaría que o que me traizoou fíxoo de forma consciente, pero o que me sinto é decepcionado ao comprobar que o meu presidente e a miña autonomía teñen tan pouco peso no Goberno central para impoñer algo tan prioritario para Galicia. Os andaluces resolveron o seu problema co aceite e os estremeños co tabaco, pero Galicia, que tiña como gran valedor a Feijóo pola súa teórica influencia en Madrid, non logrou nin un mínimo resultado. Reparemos en que esta lei, que ía resolver os grandes problemas do sector lácteo, non cita a palabra leite nin unha soa vez, mentres si se resolve o problema do aceite malia que ninguén fixera alardes sobre este tema. Ademais, evidénciase de novo a perda de poder do Ministerio de Agricultura fronte ao Ministerio de Economía. A lei é unha continua petición de desculpas á Dirección Xeral da Competencia, deixando a todos os sectores depender deste organismo. Foi Economía o que lle puxo veto a todas as nosas intencións.
Como queda a situación do sector leiteiro galego agora que hai unha pequena recuperación do prezo?
O futuro vai depender de que a situación do mercado siga sendo boa. O que vou dicir pode pasar desapercibido, pero é que se está dando unha recuperación de prezos produto dun aumento da demanda, xa que houbo antes unha caída da produción provocada polo peche de explotacións. Estamos nun país deficitario, non abastecemos o noso mercado, caeu a produción e isto leva a que haxa unha escaseza de produto e unhas tensións que provocaron o aumento dos prezos. Isto só é o anticipo de novos tempos que poden vir conflitivos. Agora que tiñamos a oportunidade de resolver eses conflitos a través dunha lei e da normalidade, a Xunta foi incapaz de nos incluír na norma e o PP considerou que o leite non tiña problemas e mirou para outro lado. Os que agora calan van ter problemas para pedir solucións dentro duns meses, cando pinten bastos.
"Feijóo debería explicar por que non nos podemos fiar da súa palabra nin da sinatura da conselleria; así a interlocución é moi complicada"
Teñen pensado os sindicatos reunirse co presidente ou coa conselleira?
Temos pensado reunirnos se nos reciben. As solicitudes están feitas por triplicado nos últimos dous meses. Se cadra o presidente está evitando comparecer porque tería que explicar por que non só non nos podemos fiar da súa palabra, senón por que tampouco nos podemos fiar da sinatura da súa conselleira. Esta proposta de emenda non é unha redacción dos sindicatos, senón unha proposta da Xunta asumida polo presidente Feijóo. Se o que se di e o que se firma non se cumpre, quédanos un camiño de interlocución moi complicado.