En Teixeiro (Curtis) gandeiros interceptaron un camión cisterna procedente de Portugal e que supostamente se dirixía á planta de Inleit e deixaron saír o seu contido, uns 15.000 litros de leite, que ficou deitado na estrada. Unións Agrarias denuncia "a continua entrada de cisternas de leite nas industrias galegas"
O sector do leite en Galicia vive unha semana de protestas ante a renovación, á baixa, dos contratos de venda á industria nun contexto, ademais, de suba dos custos de produción. Gandeiros denuncian, ademais, a entrada en Galicia de leite procedente de excedentes de produción que estaría contribuíndo a esa redución dos prezos ofrecidos pola industria ás granxas galegas.
Este venres varias plantas foron escenario de concentracións convocadas por sindicatos e organizacións gandeiras nas que se denunciou esta situación e se demandaron "prezos xustos", en protestas nas que de xeito simbólico se tirou leite polo chan.
De igual xeito, en Teixeiro (Curtis) gandeiros interceptaron un camión cisterna procedente de Portugal e que supostamente se dirixía á planta de Inleit e deixaron saír o seu contido, uns 15.000 litros de leite, que ficou deitado na estrada. Unións Agrarias denuncia "a continua entrada de cisternas de leite nas industrias galegas", práctica "que as lácteas están a empregar como elemento de distorsión para forzar unha rebaixa masiva no prezo que pagan ás explotacións galegas".
Unións Agrarias critica que a Xunta "deixe pasar as semanas sen actuar e mesmo pretenda enmarcar a actividade das industrias dentro da normalidade", unha postura "coa que a administración toma parte e deixa aos produtores e produtoras galegos desprotexidos e a expensas das imposicións das lácteas"
O sindicato critica que a Xunta "deixe pasar as semanas sen actuar e mesmo pretenda enmarcar a actividade das industrias dentro da normalidade", unha postura "coa que a administración toma parte e deixa aos produtores e produtoras galegos desprotexidos e a expensas das imposicións das lácteas".
As organizacións agrarias denuncian reducións de ata 8 céntimos por litro nos novos contratos ofrecidos e Unións Agrarias considera "inaceptable" unha rebaixa "que ignora a forte suba de custos que as granxas están a padecer a consecuencia do encarecemento de combustibles, fertilizantes, enerxía e plásticos provocado pola guerra en Irán". O sindicado reclama que se "paralice toda axuda pública ás lácteas mentres estas continúen ignorando o marco legal vixente e dinamitando o sector produtor". E insta á Xunta e ao Ministerio "a actuar con contundencia a través das AICAs galega e estatal".
Agromuralla concentrouse en Lugo. "Levan 50 anos poñéndolle prezos ao que nós facemos, iso rematou. Aquí hai uns contratos que hai que negociar e que hai que loitar", dixo Pablo González, que engadiu: "Temos que dicirlle á industria que o leite é noso e o que nos custa producilo sabémolo nós, non nolo marcan eles"
En termos semellantes exprésase tamén Agromuralla, entidade que este venres convocou unha protesta en Lugo, e que chama á "organización" dos gandeiros ante a "chantaxe" da industria. Agromuralla reclama "prezos xustos que cubran os custos de produción". "Levan 50 anos poñéndolle prezos ao que nós facemos, iso rematou. Aquí hai uns contratos que hai que negociar e que hai que loitar", dixo Pablo González, un dos representantes da organización.
Agromuralla pide aos gandeiros que "ninguén firme contratos ata o último minuto, ata que sexa imprescindible" e reclama mobilización: "teñen que vernos detrás das pancartas, non somos ovellas". "Temos que dicirlle á industria que o leite é noso e o que nos custa producilo sabémolo nós, non nolo marcan eles", di González. "Hai que aguantar, a industria ten que sentar a negociar con nós. Porque ao gandeiro galego non o vence ninguén, o gandeiro é loitador, é sufridor. Polo sector, polo futuro, por favor, saíde á rúa", conclúe.
Este venres celebrouse ademais o Congreso do Sector Lácteo do Sindicato Labrego Galego, que alertou dun "momento difícil para o sector no que as industrias, unha vez máis, están a xogar co futuro das nosas granxas"
Este venres celebrouse ademais o Congreso do Sector Lácteo do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas na Casa Habanera, en Guitiriz, unha cita na que o gandeiro de Forcarei Manolo Villaverde, foi reelixido responsable do Sector do Leite do SLG e a gandeira de Cesuras Eva Rodríguez Rodríguez, nova vicerresponsable. O Congreso centrou o seu contido no conflito aberto pola renovación dos contratos do leite e na problemática da falta de relevo ante o "alarmante" peche de granxas, "un momento difícil para o sector no que as industrias, unha vez máis, están a xogar co futuro das nosas granxas", di o SLG.
“Estamos nun momento de alza de custos no que parece que temos que pedir perdón polo que cobramos até agora. Nestes catro anos vimos como chegaron enfermidades novas que deixaron e están deixando moito dano nas nosas granxas. Vimos como Bruxelas quere recortar a PAC. Estas últimas semanas confírmanse as ofertas con baixadas de prezos, nun contexto dunha guerra que nos están subindo os custos. O alimento con máis marca de Galiza é o leite e iso non temos que esquecelo nunca”, destacou Manolo Villaverde.
"O camiño é construír unha cadea de valor e cubrir sempre os nosos custos de produción. A día de hoxe seguimos sometidos á práctica unilateral das industrias. Hai un sistema imposto que non nos defende”, dixo Isabel Vilalba
A tamén gandeira e integrante da Executiva Nacional, Isabel Vilalba, presentou a primeira parte do relatorio sindical. “Temos unhas ofertas orquestradas á baixa, cando os nosos custos de produción están a subir. Seguimos tendo os prezos máis baixos do Estado e incluso aumentando a diferenza entre as granxas máis pequenas e as máis grandes. O camiño é construír unha cadea de valor e cubrir sempre os nosos custos de produción. A día de hoxe seguimos sometidos á práctica unilateral das industrias. Temos un mecanismo de inflación e de especulación. Hai un sistema imposto que non nos defende”, dixo.
No Congreso tamén se debateu a nova PAC europea para o período 2028-2034. A proposta da Comisión Europea "tradúcese en menos presuposto (20% de recorte sen ter en conta a inflación), ningunha ferramenta para a regulación dos mercados que permita subir prezos agrarios nin reducir a dependencia das axudas ás granxas", di o SLG.
"O alimento con máis marca de Galiza é o leite e iso non temos que esquecelo nunca”, destacou Manolo Villaverde
“As axudas seguen orientadas á terra e ao capital non ás persoas labregas e mantense un enfoque produtivista e exportador, en detrimento da resiliencia e soberanía alimentaria, ao tempo que desmantela a política agraria común da UE coa supresión dos dous piares e a inclusión da PAC nun fondo multisectorial que fará que se compita con outros sectores por recursos económicos. Ademais, o risco á renacionalización da PAC traerá unha competencia á baixa entre os Estados membros, aumentando as desigualdades entre as persoas labregas segundo o país onde viva”, explicou Ana Rodríguez, gandeira e até o de agora vicerresponsable do Sector Lácteo do SLG.