Gandeiros e gandeiras denunciaron este luns ante a sede de Lactalis en Vilalba "as fortes baixadas no prezo do leite nas renovacións dos contratos" que están ofrecendo ás granxas
O sector lácteo galego está de novo en loita en demanda de prezos xustos. Gandeiros e gandeiras están afeitas a vivir sempre no gume da navalla, con marxes de beneficio moi estreitas, que sofren presións por abaixo (debido ao incremento dos custos de produción) e por arriba (pola resistencia da industria a elevar o pagamento por litro). A Guerra de Irán iniciada por Estados Unidos e Israel supón un novo golpe para o sector, que coincide ademais nun momento no que se está a negociar a renovación dos contratos de compra-venda de leite.
Dende o inicio da guerra, sobe o gasóleo agrícola (un encarecemento paliado polas medidas adoptadas polo Goberno do Estado), pero tamén os fertilizantes, de igual xeito que nos últimos anos aumentou o prezo dos pensos e medraron tamén outros custos fixos nas granxas. Neste contexto, denuncian sindicatos agrarios, algunhas empresas están a ofrecer novos contratos que non só non elevan o prezo pagado polo leite, senón que o reducen.
Estas reducións dos prezos ofrecidos coinciden cun aumento dos custos de produción derivado da guerra de Irán iniciada por Estados Unidos e Israel
Este luns gandeiros e gandeiras convocadas polo Sindicato Labrego Galego e por Elas Eles concentráronse ante a sede de Lactalis en Vilalba para esixir un aumento nos prezos de compra ofrecidos e denunciar "as fortes baixadas no prezo do leite nas renovacións dos contratos". Lactalis sitúase no albo das críticas do sector nos últimos días despois de que, segundo denuncia o SLG, a empresa estea a remitir ás granxas propostas de renovación de contratos para os vindeiros catro meses que inclúen "unha forte baixada que vai dende os 2,5 céntimos podendo chegar até os 6 céntimos en moitos casos".
Para o SLG, esta descenso "non ten sentido ningún". "Os datos indican unha suba de produción mínima nun contexto onde pechan moitas granxas, co cal non podemos falar de excedente de leite, só ten explicación se pensamos que pretenden traer leite de fóra ou que queren aumentar o seu beneficio a costa dos de sempre”, denunciou o Secretario de Acción Sindical, o apicultor Brais Álvarez.
Elas e Eles explica que o custo base nas granxas para a produción dun litro de leite, que se situaba nos 48,5 euros, aumentou en 7 céntimos nas últimas semanas, ata os 55,5 euros, que sería o novo prezo mínimo legal para non vender a perdas
Elas e Eles explica que o custo base nas granxas para a produción dun litro de leite se situaba nos 48,5 euros, apenas catro céntimos do prezo medio pagado pola industria (52,86 euros en xaneiro). Porén, dende o inicio da guerra o incremento do prezo do gasóleo, dos fertilizantes e doutros gastos elevou estes custos en sete céntimos por litro, ata os 55,5 euros, que sería o novo prezo mínimo legal para non vender a perdas. Isto debería levar a un aumento do prezo pagado en orixe.
Elas e Elas considera como "puntos de negociación irrenunciables" a prohibición de venda a perdas, incluír o salario do titular da explotación nese custo base que se toma como referencia e, ademais, que as medidas do Goberno central para o control de prezos do carburante non supoñan unha rebaixa no prezo pagado aos produtores. Reclaman, así mesmo, incorporar nos contratos "cláusulas de revisión", é dicir sistemas de actualización dos prezos "ante a volatilidade extrema" que está a sufrir o sector.
Unións Agrarias protestou nunha gran superficie tirando ao chan leite que se vende por debaixo do valor de mercado. O sindicato denuncia que varias empresas están a importar "a perdas" dende Portugal ou Francia para forzar unha redución no prezo pagado en Galicia aos produtores
Non foi a única protesta realizada nos últimos días. O pasado sábado Unións Agrarias levou a cabo unha acción en grandes superficies comerciais da cidade de Santiago (Cash Galicia e Cash Record), na que tiraron polo chan o leite da marca Xoia que -denuncia- se está a ofrecer por debaixo do valor de mercado e que foi adquirido a prezos por debaixo dos custos de produción. O sindicato denuncia que varias empresas están a importar "a perdas" dende Portugal ou Francia este leite, para forzar unha redución no prezo pagado en Galicia aos produtores.
Este luns Unións Agrarias interpuxo unha denuncia ante a Fiscalía instando a que se investigue a existencia de delicto "ante unha posible operación orquestrada polas industrias lácteas para forzar rebaixas no prezo do leite en orixe". O sindicato explica que entre outubro e decembro do ano pasado a entrada de leite foráneo se incrementou ata nun 150% e di que este aumento "non é un feito casual, senón que está servindo ás lácteas para distorsionar o mercado e forzar rebaixas no prezo que paga ás explotacións galegas".
A conselleira de Medio Rural, María José Gómez, confirmou este luns a "entrada en España de excedentes de leite da UE a baixo prezo", pero limitouse a pedir ao Goberno central "que faga cumprir a lei da cadea alimentaria"
A organización fixo un chamamento ás administracións "para que exerzan as súas competencias en materia de inspección" e comproben "canto antes tanto a trazabilidade como o prezo das cisternas de leite portugués e francés que están a entrar de xeito masivo nas plantas galegas".
De momento, a conselleira de Medio Rural, María José Gómez, confirmou este luns a "entrada en España de excedentes de leite da UE a baixo prezo", pero limitouse a pedir ao Goberno central "que faga cumprir a lei da cadea alimentaria" e que "actúe fronte á posible competencia desleal deses excedentes". Medio Rural asegura que está a intensificar "os controis para vixiar que o proceso de sinatura de novos contratos respecte escrupulosamente a lexislación vixente" e ademais "para verificar a trazabilidade do leite e detectar así posibles incumprimentos no etiquetado en relación coa súa orixe".
O Sindicato Labrego Galego alerta de que a suba dos custos de produción unida á redución do prezo pagado ás granxas "fai inviábel a continuidade de moitas granxas no medio prazo”
O Sindicato Labrego Galego alerta de que a suba dos custos de produción unida á redución do prezo pagado ás granxas "fai inviábel a continuidade de moitas granxas no medio prazo”. O SLG reclama a Goberno central e Xunta de Galicia que busquen "solucións" e adopten "medidas que defendan e salven o sector do leite”.
O sindicato interpuxo xa unha denuncia perante a Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA) para que tome medidas, afondando nos mecanismos de control e establecemento dos custos de produción. “A lei é tan flexíbel e pouco concreta que non serve para protexernos, e se a isto lle sumamos a pouca vontade política de poñer as ferramentas en marcha para o control dos custos e garantir que os contratos non estean por debaixo deles, todo fica en papel mollado”, sinalou o Secretario de Acción Sindical.
“Esta crise ten solución se quen nos goberna ten vontade real de solucionalo. As empresas non poden campar ás súas anchas. Non todo serve. A economía ten que estar ao servizo da sociedade non do peto ou interese de catro que, como agora, queren facer as empresas. Esta táctica totalmente interesada e comercial compromete o futuro da nosa sociedade, condénanos a desaparecer e á persoa consumidora a depender do que lle apeteza á multinacional de quenda”, conclúe Brais Álvarez.