"É urxente a remuda xeracional; por cada dez persoas que saen da actividade agraria só entran tres"

María Ferreiro, nova secretaria xeral do SLG CC-BY-NC-SA SLG

A pasada fin de semana, o Sindicato Labrego Galego (SLG) celebrou en Lalín o seu noveno congreso, coa presenza de case medio milleiro de persoas entre delegados e convidados. Logo de trece anos á fronte da organización, Isabel Vilalba —que continuará na executiva nacional— deixou a secretaría xeral, que pasa a ocupar María Ferreiro, ata agora responsable da Secretaría das Mulleres. Esta gandeira de vacún de Teixeiro (Curtis) asume o liderado dunha entidade que pon o foco, entre outras moitas cousas, na urxencia da remuda xeracional no agro. 

"Temos moitos retos e un deles é central; a urxencia de remuda xeracional no agro; por cada dez persoas que se xubile na próxima década, só entrarán tres"

Como asume a secretaría xeral do SLG?

É todo un reto e unha responsabilidade, máis tendo o aval dunha organización con máis de 50 anos de historia. É un reto para min e son moitos os retos por afrontar. 

Moitos e importantes.

Efectivamente, hai moitos e grandes retos, algúns deles que levan xa tempo e que non aparecen agora. Un deles é central e común para todo o agro e a gandería, que é a urxencia de remuda xeracional nos proxectos, nas explotacións, onde as taxas de envellecemento son importantes. A situación é a que é e só hai que ver os últimos datos, que indican que por primeira vez Galicia baixou das 5.000 explotacións de leite, algo que era impensable non hai tanto tempo. E a tendencia é a que sigan descendendo. 

María Ferreiro intervén no último congreso do SLG CC-BY-NC-SA SLG

As expectativas non son moi positivas, logo?

Se colles os datos das persoas titulares das granxas e das súas idades, o cálculo é que na seguinte década, de cada dez persoas que se xubilen ou saian da súa actividade agraria, só entran tres. Só tres de cada dez explotacións terían remuda, así que é evidente que ese é un dos grandísimos retos, e urxente, que temos que afrontar porque afecta a todo o sector. 

"Precisamos garantías nos prezos, é algo clave; a lei da cadea alimentaria ten que cumprirse"

Que é urxente para garantir esta remuda ou, cando menos, evitar que sexa tan escasa?

Precisamos garantías en canto aos prezos, iso é clave. Temos unha lei da cadea alimentaria e ten que cumprirse; establece claramente que non se pode vender a perdas, pero non temos ningún mecanismo de negociación e interlocución entre as partes para asegurar que iso se cumpra. No sector lácteo, onde hai tempo que hai un control e rexistro sobre os contratos, ao final ti como produtor ou produtora tes unha capacidade de negociación escasa, por non dicir nula. Podes negarte a asinar, claro, pero non é tan doado cando dependes doutra empresa que poida vir ou comprobas como ás veces as compañías se poñen de acordo para o que pagan. Queremos que haxa mecanismos de interlocución e mediación, algo que é básico. Para embarcarte nun proxecto no agro precisas ter un mínimo de garantías, de que se van cumprir determinados aspectos porque, senón, non é produtivo. 

"Necesitamos servizos públicos de calidade; é  unha cuestión de dereito e de dignidade, pero acaba sendo clave para manter vivo o rural"

E aí entra tamén a necesidade de asentar poboación no rural, de medidas públicas...

Esta é unha cuestión sobre a que se mostrou bastante preocupación no congreso do SLG. Claro que non é algo que teña que ver directamente co aspecto produtivo, pero afecta o rural, onde se asenta o sector, e a todos e a todas. Para atraer a xente ao rural ou lograr que tomen a remuda da explotación familiar precisamos servizos públicos de calidade. Non pode ser que penses en establecerte nunha zona para levar a cabo unha iniciativa e acabes desistindo porque non hai un colexio próximo para os teus pequenos ou porque hai problemas co centro de saúde. Incidimos moito nesta pata, a dos servizos públicos. É unha cuestión de dereito e de dignidade para todas as persoas pero, obviamente, acaba sendo clave para asentar os proxectos e manter vivo o rural. 

Que outros retos son urxentes para o sector?

Outro dos importantes é o das axudas da Política Agraria Común (PAC). Estamos ante unha nova negociación para o período 2028-2034 e a proposta feita pola Comisión Europea este pasado verán deixounos con certos medos. Redúcese bastante o orzamento, desaparecen liñas de axudas moi vinculadas a proxectos habituais en Galicia, baseados na produción na terra e no territorio. Esa é unha das primeiras cuestións que teremos que abordar, buscar todas as alianzas que sexan posibles para incidir nesta PAC e mellorala. 

Isabel Vilalba, antiga secretaria xeral do SLG, e María Ferreiro, a súa substituta no cargo CC-BY-NC-SA SLG

A falta de remuda xeracional é máis complexa pola dificultade para convencer a xente nova ou polas dificultades que supón impulsar ou manter un proxecto agrogandeiro no rural?

Hai as dúas casuísticas. Hai quen está convencido de enfocar a súa vida no agro, na gandaría, e outra que o ve como unha alternativa, unha aposta. Logo hai quen vai polo mundo adiante e volve porque comproba que o que lle ofrecen ou fai por aí non ten tan boas condicións nin calidade de vida. Claro que hai xente que decide voltar ao rural e iniciar un proxecto e si que hai moitas dificultades, non só coa iniciativa en si senón tamén noutros aspectos como a vivenda, por exemplo, sobre todo cando decides asentar nun sitio que non coñeces ou onde non tes relación. 

Hai nese aspecto axudas ou apoio dabondo por parte das administracións?

No congreso, o tema das axudas de incorporación que ofrece a Administración foi outra das problemáticas que máis se abordou. Nunca sabemos cando saen estas axudas e logo, cando o fan, tes un prazo escaso para tramitalas, de un ou dous meses. Ademais, os criterios de viabilidade que se exixen en poucos anos son moitas veces difíciles de cumprir cando empezas de novo. Cremos que estas axudas deberían estar abertas no tempo e que as condicións que se exixen aos proxectos novos deberían ser máis flexibles. Hai mozos e mozas que denuncian que, xa antes de poñer en marcha o proxecto, as trabas e dificultades que afrontan fan que haxa quen pense en deixalo. É unha cuestión que debemos afrontar porque é algo clave para a xente que se quere incorporar ao agro. 

De sempre, o SLG insiste na importancia de manter un rural vivo, unha Galicia que produza alimentos e non dependa tanto ou máis do exterior...

O SLG leva no ADN ese principio. Levamos advertindo, desde sempre, da importancia de decidir e producir dende aquí, algo que se cadra é aínda máis importante nestes tempos, coa crise climática e os recursos limitados e a esgotar. Se a produción de alimentos xira maioritariamente entorno á exportación, acabas sendo un máis —e pequeno— nun mercado global, en todo o mundo. Cando intentas producir para mercados máis directos e máis próximos, claro que podes ter máis dificultades nun inicio pero, co tempo, tes un mercado moito máis consolidado e menos dependente do exterior. Dependes máis da comercialización e da produción no teu círculo e non tanto doutros factores que como produtora nin controlas nin podes cambiar. Nada podo facer se hai incendios na Arxentina, arden plantacións de soia e se encarece o produto. O noso nivel de incidencia nesas circunstancias, como produtores e mesmo como organización, é practicamente nulo. 

"Producir para mercados máis próximos pode ter as súas dificultades iniciais, pero, co tempo, é algo máis consolidado e menos dependente do exterior"

Falta unha maior concienciación social?

Falta concienciación, pero tamén vemos como moitas veces as políticas públicas van destinadas a que a xente aumente as producións, meténdose nunha roda de importación e exportación, xogando nun mercado no que estás exposto a todas esas variabilidades que non controlas. Por iso cremos que se deberían potenciar máis os mercados directos, a venda directa dos pequenos ou non tan pequenos centros de transformación. Poño un exemplo: antigamente a xente acudía aos matadoiros comarcais e agora moitos deles están pechados; cremos que se deberían revitalizar e reabrir porque, ademais, consideramos que é unha demanda do sector, a de ir por este camiño. 

María Ferreiro, á dereita nun acto como responsable da Secretaría das Mulleres do SLG CC-BY-NC-SA SLG

A dermatose nodular contaxiosa no gando bovino, a gripe aviaria, a peste porcina... Como leva o sector toda esta proliferación de doenzas entre os animais?

A ameaza sempre está, máis nestes tempos onde se xuntan tantos problemas. No caso da dermatose nodular, se chegase a Galicia sería algo catastrófico pero, aínda non tendo afectación, a incerteza está aí. É como o da peste porcina: parece que está centrada nunha parte moi concreta de Catalunya, pero se chegou aló pode acabar chegando algún día a calquera outro lugar. E falamos dunha doenza que parecía xa extinguida!

"Hai que potenciar os mercados directos, a venda directa dos pequenos centros de transformación"

Hai temor?

Hai temor sempre pero logo está tamén o impacto que estas enfermidades poidan ter nos prezos. Cheguen ou non a Galicia os problemas, o influxo nos prezos existe e, como falabamos antes, estas son circunstancias nas que ti como produtor ou produtora non tes moita marxe para poder mudalas. A Xunta vénnos de convocar a unha xuntanza polo da peste porcina na que se nos explicou a situación pero non se nos expuxeron medidas. Cando foi o da dermatose, a Administración tardou moito tempo en reunirse con nós. Por iso sempre lle pedimos á Consellería do Medio Rural que é importante que o sector estea en todo momento informado para poder poñernos á fronte do problema axiña se é que chega. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.