A xornada de folga do comercio vario da provincia da Coruña transcorreu sen incidetentes. Os piquetes informativos percorreron as zonas comerciais das principais cidades logrando "baleirar os establecementos conseguindo que numerosas compañeiros do sector abandonasen os seus postos de traballo e se unisen á xornada de loita", segundo informa a CIG.
"Estamos en folga por un convenio digno" foi unha das consignas máis seguidas xa que a pesar de que o convenio neste sector expirou en 2011, a patronal non se mostra receptiva á negociación dun novo convenio alegando esixencias inasumíbeis para os sindicatos. O sector maniféstase por temor a quedar sen convenio pola limitación da ultra-actividade que impuxo a reforma laboral do goberno, queren un marco legal que non remate cos seus dereitos.
"A actitude da patronal supón unha burla aos traballadores e traballadoras do comercio"
Segundo o responsábel na CIG-Servizos, Roberto Pérez, esta falta de acordos supuxo "unha conxelación salarial no grupo Inditex, o máis importante do sector, apesar de contar con cuantiosos beneficios". Para Carme María Naveiro, da federación de servizos, a actitude da patronal "supón unha burla ás traballadoras e traballadores, xa que pretenden recortar o 100% a incapacidade temporal, chegando a descontar até un 40% do salario e ademáis suprimir a paga extraordinaria de marzo".
Entre outras das propostas da patroal encóntranse a da reducción do 10% dos salarios para os novos contratos durante os tres primeiros anos, diminución da porcentaxe obrigatoria de persoal indefinido, posibilidade de desprazamento obrigatorio até 50 km ou a desaparición dos calendarios de traballo anuais por outros de carácter mensual co establecemento dun mínimo de xornada irregular anual do 15%.
Segundo informan os sindicatos, "a folga só foi unha medida máis de presión, pero a loita continuará baixo outras fórmulas até que as demandas sexan atendidas".