O grupo de gasto máis importante das familias galegas é o que inclúe os desembolsos realizados para o pagamento da vivenda e tamén as subministracións. O 21,5% de todo o que pagamos dedícase a isto
Os fogares galegos gastaron no ano 2024 -último exercicio con datos- 48.000 millóns de euros. Esta inxente cantidade distribúese entre moi diferentes capítulos de gasto -un total de 13 grupos-, que abranguen dende a alimentación ou o vestido e calzado, ata o ocio e a cultura, pasando polos pagamentos realizados en cafetarías e restaurantes. O grupo de gasto máis importante das familias galegas é o que inclúe os desembolsos realizados para o pagamento da vivenda -alugueiro, compra ou hipoteca- e tamén os subministros -luz, auga, gas- e combustibles. O 21,5% de todo o que gastamos dedícase a isto.
Non só é o meirande grupo de gasto, por diante dos realizados nos establecementos de hostalaría (16,4%) e en produtos de alimentación e bebidas non alcohólicas (14%), senón que ademais é un dos que máis se incrementou nos últimos anos. Tomando como referencia o ano 2017, momento en que os prezos do alugueiro comezaron a subir de maneira importante, as familias galegas elevaron o seu gasto neste capítulo nun 29,5%.
O peso do gasto en vivenda e subministración varía en función do tipo de fogar. Para os fogares cuxa principal fonte de ingresos son as rendas do traballo é do 18,5%, mentres que naqueles sostidos por pensións e prestacións é o 27%
Trátase do terceiro maior incremento, por detrás dos gastos realizados en bares, cafeterías, restaurantes e hoteis (+37% entre 2017 e 2024) e no capítulo de información e comunicación, que inclúe telefonía, internet ou televisión (+36%).
Entre 2017 e 2024 o gasto total elevouse de media un 26,9% en Galicia. Só descendeu no capítulo de mobiliario, artigos do fogar e artigos para o mantemento corrente do fogar (-13%) e medrou en todos os demais. Cómpre salientar tamén a suba do capítulo de actividades recreativas, deporte e cultura (+22%), en alimentación (+21%) e no transporte (+17%).
O que máis medrou foi o gasto en hostalaría (+37% en sete anos) e en información e comunicación (+36%)
Tamén en sanidade (+23%), a pesar de que (grazas ao carácter público do sistema sanitario) o gasto da poboación en servizos de saúde continúa a ser baixo e representa só o 5% do gasto total das familias.
Xunto co xa referido capítulo de mobiliario, no que descende o gasto, hai outros capítulos que practicamente non medraron entre os anos 2017 e 2024. Trátase de vestido e calzado, do ensino, do alcohol e tabaco e tamén dos restantes capítulos de servizos.
Outra diferenza importante atópase no grupo de gasto de restaurantes e servizos de aloxamento, cuxo gasto supuña no 2024 o 19,1% do gasto total dos fogares cuxas rendas proveñen principalmente do traballo e o 11,3% nos fogares con rendas que proceden maioritariamente de pensións e prestacións sociais
A porcentaxe do gasto en vivenda, auga, electricidade, gas e outros combustibles varía en función do tipo de fogar; así para os fogares cuxa principal fonte de ingresos son as rendas do traballo é do 18,5%, mentres que no caso de fogares cuxa principal fonte de ingresos son as pensións contributivas, non contributivas, subsidios e prestacións por desemprego e outros ingresos é o 27%.
Outra diferenza importante atópase no grupo de gasto de restaurantes e servizos de aloxamento, cuxo gasto supuña no 2024 o 19,1% do gasto total dos fogares cuxas rendas proveñen principalmente do traballo e o 11,3% nos fogares con rendas que proceden maioritariamente de pensións e prestacións sociais.
Nestes sete anos tamén se incrementaron de forma significativa os ingresos dos fogares galegos, nunha porcentaxe superior á dos gastos. Isto foi así tanto no conxunto dos soldos e salarios (+40,5% entre 2017 e 2024), das rendas mixtas xeradas polos traballadores e traballadoras por conta propia (+39,5%) e das cotizacións sociais (+41,8%).
A estimación do Produto interior bruto (PIB) pola vía das rendas permite coñecer a remuneración dos factores produtivos: traballo (remuneración de asalariados, 44,4% do PIB en 2024), capital (excedente de explotación bruto, 46,1%) e o pagamento de impostos (9,5%).