O IPC dispárase ao 5,5% en Galicia, a inflación máis alta do Estado

Evolución do IPC en setembro de 2026 © Montaxe: Praza.gal

En setembro a suba interanual do IPC situouse en Galicia seis décimas por riba do dato de agosto (4,9%). Os carburantes seguen a ser os principais responsables do incremento e acumulan un encarecemento do 30% nos últimos 12 meses que, iso si, permitirá que en novembro se manteña a axuda completa de 20 céntimos por litro aprobada polo Goberno do Estado

O bater das ás dunha bolboreta no Estreito de Ormuz fai que pagues moito máis pola túa compra no supermercado. A (nova) crise de prezos que estamos a vivir e que se engade á sufrida entre 2021 e 2023 e que foi agravada pola guerra en Ucraína ten varias causas pero entre elas destaca a escalada no custo do petróleo derivada da agresión estadounidense e israelí iniciada contra Irán o pasado mes de febreiro. A consecuencia é un incremento do prezo dos carburantes e, derivado disto, unha suba xeral dos prezos que xa elevou o IPC en Galicia a niveis non vistos dende febreiro de 2023.

En setembro a suba interanual do Índice de Prezos de Consumo (IPC) situouse en Galicia no 5,5%, seis décimas por riba do dato de agosto (4,9%), aínda que a suba mensual (+0,2%) foi máis contida que a do mes anterior (+0,9%). Dende o 1 de setembro comezaron a aplicarse novas axudas extraordinarias do Goberno do Estado ao gasóleo que contribuíron a moderar algo o seu custo. Porén, o encarcemento da electricidade -derivado en parte da suba do gas- mantivo a suba xeral dos prezos.

Galicia é, ademais, o territorio que rexistra unha inflación máis elevada en todo o Estado, cunha suba interanual do 5,5%, seis décimas por riba da media española e sete décimas por riba do dato de agosto

Os carburantes seguen a ser os principais responsables da suba do IPC e en setembro a súa suba interanual elevouse ao 30,6% en Galicia e ao 27,7% no conxunto do Estado. Isto significa -ao superar o 15%- que no mes de novembro se manterán por completo as axudas extraordinarias do Goberno central para o pagamento de gasolinas e gasóleo. Dende o 1 de outubro vén aplicándose esta bonificación nas gasolinas, o que podería axudar a conter a alza dos prezos nos novos datos que se coñecerán nunhas semanas.

Non se manterá, en cambio, a axuda para conter os prezos da electricidade, pois estes subiron un 11,4% interanual en setembro, por debaixo do 15% esixido. 

O dato galego só é igualado polo de Castela-A Mancha (5,5%) 

Galicia é, ademais, o territorio que rexistra unha inflación máis elevada en todo o Estado, cunha suba interanual do 5,5%, seis décimas por riba da media española e sete décimas por riba do dato de agosto. O dato galego só é igualado polo de Castela-A Mancha (5,5%) e sitúase por riba do de Castela e León e Cantabria (5,4%) e Navarra e Estremadura (5,3%), tamén amplamente por riba do dato global.

As únicas boas novas nesta crise de prezos son que, de momento, esta escalada nos combustibles aínda non se trasladou por completo a outros capítulos fundamentais do gasto da cidadanía, como os alimentos, que soben un 3% no último ano

O prezo do petróleo continúa en niveis moi altos (105,6 dólares por barril este mércores), o que anticipa que o custo dos carburantes se manterá en cifras elevadas nos vindeiros meses. Neste contexto as vendas de vehículos eléctricos están a dispararse en Galicia e xa superan as de turismos e todoterreos movidos con gasolina ou gasóleo.

As axudas aplicadas polo Goberno do Estado, de 20 céntimos por litro, buscan conter esa escalada e, de momento, a Gasolina 95 (1,81 euros por litro de media esta semana) e o Gasóleo A (1,91 euros) baixan un chisco dende os máximos acadados entre agosto e setembro.

O índice de inflación subxacente, que mide a evolución dos prezos sen ter en conta os produtos enerxéticos nin os alimentos non procesados, situouse en setembro no 3,4% en Galicia

As únicas boas novas nesta crise de prezos son que, de momento, esta escalada nos combustibles (+30% dende comezos de ano) e tamén na electricidade ou no gas aínda non se trasladou por completo a outros capítulos fundamentais do gasto da cidadanía, como os alimentos. O índice interanual de prezos dos alimentos, que chegou a superar o 16% a comezos de 2023, atópase no 3% en Galicia (2,7% no conxunto do Estado). O mesmo sucede con outros grupos de gasto, coma o vestido e calzado, sanidade ou o ensino, con aumentos contidos.  

Si aumenta máis a restauración e aloxamento (+4% en Galicia, +4,9% no Estado) e sobre todo soben con forza o transporte (+12,1% en relación a setembro de 2025), a calefacción, luz e auga (+15,3% en Galicia, 12,6% no Estado) e por suposto os carburantes.

O índice de inflación subxacente, que mide a evolución dos prezos sen ter en conta os produtos enerxéticos nin os alimentos non procesados, situouse en setembro no 3,4% en Galicia e no 3,1% no conxunto do Estado, apenas unhas décimas do nivel ao que chegou en marzo (3% en Galicia e 2,9% en España). Este índice considérase un indicador máis fiable sobre a evolución inmediata dos prezos, pola súa menos variabilidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.