As negociacións das cotas de pesca sempre son maratonianas en Bruxelas. A deste ano empezou o luns ás 10 da mañá e reamatou este mércores de madrugada, case ás tres. Este ano, ademais, as negociacións facíanse máis complexas, porque ademais de abordar as cotas de cada país para cada especie, 2019 será o primeiro ano no que está prohibido tirar ou devolver ao mar aquelas especies que levan as redes ao pescar unha especie concreta.
É dicir, que cando un barco pesca pescada, tamén capturaba outras especies -especies de estrangulamento- que estaban xunto a esa pescada. Até agora, guindábanse ao mar; a partir de 2019, é obrigatorio desembarcalas ni porto. Pero, que pasa se non tiñas cota desas especies en concreto? Pois que Bruxelas habilitou unha bolsa extra para cotas de desembarque deses anteriores descartes, e para esas cotas tamén houbo pugna entre países. No caso de España, con aqueles que pescan no Gran Sol, como Bélxica, Reino Unido, Irlanda, Holanda e Francia.
Ao final das negociacións, este mércores pola madrugada, a delegación do ministro de Agricultura e Pesca, Luis Planas, mostraba a súa satisfacción por superar a ameaza dun quinto ano consecutivo de recortes para a pescada sur, aquela que se pesca no Gran Sol, onde o 81% das embarcacións que faenan son galegas; o 15%, vascas; e o resto, asturianas. Planas manifestou que España conseguiu un "moi bo resultado" con este pacto, que os ministros pecharon de madrugada, tras máis de dous días de negociacións, "complexas" e singulares.
Co acordo, o Goberno español obtén cotas de pesca por un valor de 503,8 millóns de euros para 2019, o que supón un incremento de 26 millóns de euros ou do a 5% respecto das cotas de 2018, segundo os cálculos do propio ministerio tendo en conta o prezo do peixe en primeira venda en lonxas.
A pesca da pescada no Cantábrico e en augas de Galicia, portuguesas e do Golfo de Cádiz poderá manterse en 9.257 toneladas
Na negociación España logrou manter o nivel de capturas de pescada do sur (Golfo de Cádiz, Galicia e Cantábrico), de gran valor comercial, e frear a proposta inicial da Comisión Europea, que propuña un recorte do 14% e interromper a tendencia dos útimos catro anos, nos que a UE baixou o Total Admisible de Capturas (TAC). Isto supón que a pesca da pescada no Cantábrico e en augas de Galicia, portuguesas e do Golfo de Cádiz poderá manterse en 9.257 toneladas -5.923 para España- en 2019, segundo afirmou o ministro Planas tras 16 horas de negociacións cos seus homólogos europeos.
O xurelo aumenta o 69,2% en augas de Galicia e do Golfo de Cádiz
España, doutra banda, logra un incremento de cota de pescada en augas do norte: sobe un 22,7% en augas non españolas do Golfo de Biscaia e un 27,5% noutros caladoiros de Irlanda e Escocia, como o Gran Sol. Tamén soben os totais admisibles de rapante en augas do norte (47,3% no Gran Sol e 39,9% en augas non españolas do Golfo de Biscaia), e de rapante de augas do sur ou augas ibéricas (35% no Golfo de Cádiz, Galicia e Cantábrico).
O xurelo aumenta o 69,2% en augas de Galicia e do Golfo de Cádiz, o 18,1% en augas do oeste e o 17,9% en augas do Cantábrico. Ademais, España mantén a súa cota de bocarte no Golfo de Biscaia. O rape increméntase un 5% en augas ibéricas -tres puntos máis do proposto por Bruxelas-, mentres que se reduce un 7% en augas francesas do Golfo de Biscaia e baixa un 2% en augas irlandesas.
Os descartes
Un dos aspectos máis complexos da negociación foi a da nova normativa para os descartes
O ministro subliñou que na negociación un dos puntos máis difíciles foi a procura de solucións á aplicación plena da obriga de desembarque nos portos, que se aplica en 2019, dentro das medidas do PPC para acabar cos descartes. O acordo inclúe medidas para evitar o problema das especies de estrangulamento, aquelas para cuxa captura un barco (dedicado a outra pescaría), ten moi pouca cota ou cota cero e cuxa carencia de cota pode ameazar o normal desenvolvemento da actividade do barco: sen un acordo, había frota ameazada con non poder saír traballar a partir do 1 de xaneiro.
No caso de cinco pescarías (sobre todo bacallau), establécese un mecanismo polo que os Estados membros con cota poñen á disposición obrigatoriamente un 6% das súas cotas para os países sen cota, como é o caso de España.
En canto a sete pescarías para as que o Estado español ten cota cero (como o linguado ou o bacallau en determinados caladoiros), acordouse a negociación bilateral con outros Estados membros intercambios -swaps- para asegurar a dispoñibilidade de cantidades que barcos como os galegos precisan para seguir a súa actividade habitual durante 2019.