A recuperación económica, a senda da recuperación, a luz ao final do túnel. Son algúns dos clixés que, durante os últimos anos, acompañaron a poboación dende os gobernos con independencia das súas circunstancias económicas persoais e que se intensifican na actualidade, coa mellora dalgúns dos indicadores macroeconómicos como o crecemento do produto interior bruto. Este discurso chegou a Galicia un chisco antes que ao resto do Estado. Foi, concretamente, en xuño de 2010, cando Alberto Núñez Feijóo presentou, nun acto solemne, o seu Plan Estratéxico 2010-2014: Horizonte 2020, un proxecto inzado de obxectivos económicos que, á luz dos datos oficiais, está notablemente afastado da realidade unha vez rematado o seu primeiro período de referencia, isto é, o ano 2014.
Mentres, por encomenda dos votos do PP no debate de política xeral, o Goberno xa tería que estar traballando na revisión do plan, unha ollada aos seus principais indicadores permite concluír que o Goberno galego errou nas súas previsións e que, polo tanto, a fotografía trazada polo presidente da Xunta naquel multitudinario acto de 2010 no Palacio de Congresos de Galicia ten pouco que ver co país real. O plan, proclamara Feijóo naquel evento, "convócanos en 2010, cítanos continuamente para avialiarnos, examínanos en 2014 e emprázanos ata 2020". Aínda que non todos os datos dispoñibles están actualizados no ano que vén de rematar a súa evolución indica que o definido polo presidente como "segunda modernización de Galicia" non se produciu como previra.
A primeira distorsión entre previsións e realidade ten que ver con un dos lugares comúns máis reiterados na política económica dos sucesivos gobernos autonómicos: a converxencia coa Unión Europea. No seu plan o Goberno prevía que o país continuase progresando para acadar en 2014 o 100% da riqueza per cápita dos membros da UE. O punto de partida era o 90% e, segundo Eurostat, a oficina comunitaria de estatística, un ano despois -último dato dispoñible- o indicador non só non avanzara, senón que retrocedera tres puntos, ata o 87%.
Dous dos indicadores protagonistas do plan, a ciencia e o emprego, están por baixo do obxectivo marcado e tamén das cifras de 2010
Máis actualizados están dous dos datos que foron protagonistas daquel acto de 2010: a ciencia e o emprego. Catro anos despois de que o presidente formulase o obxectivo dun "crecemento intelixente" baseado no "coñecemento" o investimento en I+D+i pasou do 1% do PIB, referencia durante a elaboración do plan, ao 0,88%, todo isto nun contexto no que a previsión para 2014 era superar o 1,5% entre o sector público e mais o privado. Ademais, segundo vén de acreditar o IGE, oito dos doce indicadores da innovación retrocederon durante os últimos anos en Galicia.
No que atinxe ao emprego o resultado é, se cabe, aínda máis desalentador. O plan prevía que máis do 65% da poboación de entre 20 e 64 anos tivese traballo no remate do pasado ano. Facíao partindo dun 63% e, no momento do "exame" ao que aludía Feijóo, o indicador retrocedeu ao 58,18%, segundo a Enquisa de Poboación Activa do terceiro trimestre do ano -a do cuarto coñecerase durante este mes-. Asemade, os datos do paro rexistrado, que o Goberno galego adoita preferir, indican que Galicia liderou o medre do paro en decembro aínda que o reduciu lixeiramente en termos interanuais.
Neste contexto, tamén existen algúns indicadores do plan que melloraron durante os últimos anos, aínda que sen acadar completamente os obxectivos previstos. O que máis se aproximou á meta fixada foi o abandono escolar temperán, que a Xunta prevía ter en 2014 por baixo do 20% e que, segundo o IGE, está xa no 20,1%. Tamén houbo progresión no número de patentes rexistradas e no consumo e na produción enerxética procedente de fontes renovables, se ben os resultados están moi por baixo do previsto.