"A integración no mundo cooperativo é cada vez máis necesaria; é preciso un tamaño maior"

Celso Gándara, no medio, xunto ao resto do consello reitor de Espazo Coop © Espazo Coop

O pasado sábado 5 de novembro Ugacota, Ucetag e Sinerxia decidiron en asemblea por unanimidade a fusión das tres cooperativas para conformar unha nova entidade, Unión de Cooperativas Espazo Coop., que agrupa un total de 181 cooperativas (de traballo asociado e ensino principalmente), 1.690 traballadores e traballadoras e 45 millóns de euros de facturación anual. Converterase así na maior unión de cooperativas galega en canto ao número de entidades asociadas e será presentada oficialmente no primeiro trimestre de 2017, ano no que botará a andar tamén a gran cooperativa láctea galega.

"Estamos asistindo a procesos de integración no mundo cooperativo, tamén no sector agrario, porque cada vez máis é preciso un tamaño superior para poder afrontar con garantías unha boa posición no mercado", di nesta entrevista Celso Gándara -de Algalia Sociedade Cooperativa-, novo presidente de Espazo Coop. 

Como xurdiu a fusión? Levou moito tempo?

Hai ano e medio, nun consello reitor nunha das organizacións que agora se integran, preguntámonos que sentido tiña manter as infraestruturas das tres entidades cando levabamos anos de estreita colaboración e compartindo moitos servizos. Máis adiante, os conselleiros de Sinerxia xa adoptan con claridade a hipótese de integración e a proposta foi collendo pulo ata que, a principios deste ano, xa o incorporamos ás planificacións. E ata aquí chegamos. 

"Pasando a ser unha soa organización, haberá aforro e os asociados verán incrementados os seus servizos"

Que gañan coa fusión? Cales son as vantaxes principais?

Basicamente, manter unha organización sempre ten uns custos asociados. Hai un motivo tan básico como que manter as tres supoñia ter tres locais, tres xerentes, tres asesorías e a realización de tres auditorías de cadansúas contas. Xa que logo, o primeiro argumento é o de eficiencia e optimización de recursos porque pasando a ser unha única organización produciranse unha serie de aforros que notarán os asociados ao poderse incrementar os servizos. Outro motivo é que queremos dar un sinal aos nosos asociados, abordar unha reflexión sobre a organización e o tamaño e o sentido que tería que iniciativas así se fixesen noutras cooperativas. Estamos asistindo a procesos de integración no mundo cooperativo, tamén no sector agrario, porque cada vez máis é preciso un tamaño superior para poder afrontar con garantías unha boa posición no mercado.

Nun mundo tan interconectado, tan global... Están condenadas as cooperativas a unirse en entidades máis amplas?

Coido que si que é o futuro. Atopámonos nun momento no que calquera organización, para poder ser sostible a longo prazo, ten que investir en innovación, márketing, formación de persoal... Como criterio xeral, para ter capacidade de abordar todas estas cousas, é preciso aumentar o tamaño. Vémolo entre os nosos asociados e a escalas moi diferentes. Temos a Maier Ferroplast, que pertence ao grupo Mondragón, e tamén moitas cooperativas de 3-4 socios que traballan nun mercado local. Para estas últimas, transcender o mercado local para saltar ao autonómico é importante, e para aquelas que están centradas no ámbito galego, poder comercializar os seus produtos máis aló de Galicia ou a nivel internacional, tamén é fundamental. Este é un dos claros retos que nos marcamos con esta unión e traballo común. 

"Podemos ser a entidade de referencia para moitas cooperativas de moito tipo; en 2017 incrementaremos a nosa base social"

Espazo Coop está aberto a máis cooperativas, espera que se integren moitas?

Detrás do propio proceso de integración hai varios elementos significativos. Un deles é que é posible porque houbo unha modificación na lexislación que permite que as asociacións de cooperativas poidan ser multiclase. Agora nós podemos integrar na nosa unión calquera cooperativa, independentemente do seu tipo. Temos de traballo asociado e de ensino, pero isto abre a porta ás de consumo, de servizos sociais ou moitas máis que até o de agora non tiñan unha asociación de referencia. Nós podemos ser agora esa entidade e confío en que durante 2017 vaiamos incrementando a nosa base social. 

"Está demostrado que a economía social, en momentos de crise, destrúe moito menos emprego que a economía capitalista"

Espazo Coop inclúese no ámbito da ecoomía social e solidaria. Que supón iso?

O feito de que e aprobase este ano a Lei de Economía Social vai dar máis claridade a todo o que hai dentro deste paraugas que se denomina economía social. O cooperativismo, por historia e por tradición, é un dos axentes principais da economía social, pero esta non está só formada por cooperativas, senón que tamén se inclúen centros especiais de emprego, empresas de inserción, asociacións, fundacións ou entidades de economía alternativa. Hai moitos máis colectivos cun peso específico e que aos poucos están a ser recoñecidos polo seu peso económico. Ademais, temos demostrado, segundo todos os estudos serios, que somos sectores que, nos momentos de crise, destruímos moito menos empregos que a economía ordinaria ou capitalista. Estamos falando de oito puntos menos de descenso da ocupación. 

Inflúe a crise á hora de recoñecer máis o labor das cooperativas ou de que se impulsen máis?

Nos últimos catro anos de crise en Galicia creáronse arredor de 200 cooperativas. Estamos falando de 50 ao ano, que non é pouca cousa. É certo que hai moitos emprendedores que están escollendo o cooperativismo para botar a andar e iso tamén ten que ver con esa vinculación coa propiedade da compañía, cun proxecto propio que fai fronte mellor á crise e a situacións onde a capacidade para saír adiante increméntase. 

"Calquera tipo de actividade se pode emprender desde a cooperativa"

É o cooperativismo o futuro? É válido en calquera ámbito empresarial?

Calquera tipo de actividade se pode emprender desde a cooperativa. As persoas que escollemos esta fórmula sabemos que é un proxecto colectivo, de como mínimo tres socios, e no que o grupo ten que estar de acordo nunha maneira de organizarse, nuns principios cooperativos onde prima a persoa sobre o capital e onde se ten en conta a decisión dos socios. Tamén é certo que hai vantaxes fiscais e económicas e que os apoios son superiores aos doutras fórmulas xurídicas. En todo caso, pola nosa experiencia, por moitas axudas que teñas, se a base de negocio non está clar e non se comparte este modelo societario, estas axudas que son unha vantaxe a curto prazo acabaranche vindo en contra. 

Entre os seus valores, Espazo Coop aposta pola "defensa da cultura e lingua galega"... Non é iso moi habitual no ámbito económico...

Os principios cooperativos apostan pola participación natural coa túa contorna máis achegada, pero ao final a implicación ou non nestes temas é decisión de cada empresa. Hainas con sensibilidade polo idioma propio e hainas que non e son igual de cooperativas. O que si é certo é que entre os principios do cooperativismo adoita garantirse un funcionamento democrático, máis democrático que noutras fórmulas xurídicas, no que priman máis as persoas có capital e que vai conormando un sentido de facer empresa. Todo inflúe. Logo, vemos grandes compañías que aplican iniciativas impulsadas pola responsabilidade corporativa e comprobamos que nós xa temos eses aspectos integrados no noso xeito de funcionar por principios. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.