A lea entre Repsol e Pemex pon aínda en máis risco os floteis para Galicia

Instalacións de Pemex © Iberorusa.com

Nin os contratos parecen seguros nin Pemex asegura os contratos. A confusión creada polo ministro de Industria, José Manuel Soria, ao asegurar esta semana que en Galicia tan só se construiría parte dun flotel dos dous prometidos por Feijóo en plena precampaña electoral volveu sementar dúbidas sobre un encargo que acumula. Rectificou máis tarde, pero a adxudicación dos buques foi atrasada xa en varias ocasións. O que ía ser en setembro, pasou a novembro, logo a principios de decembro e agora para fin de ano. Polo medio -e malia que a Xunta nada di do tema- o conflito entre Repsol e a empresa azteca e que podería acabar coas xa diminuídas esperanzas dos estaleiros de Navantia e Barreras.

Son varios os medios que se fan eco nos últimos días dos cambios que Pemex exixe en Repsol -onde ten unha participación do 9,34% do capital social- para non tirar pola borda os seus proxectos en España, incluída a construción dos dous floteis en Galicia, baza electoral de Feijóo e promesa pola que se ve obrigado a poñer escusas mes si e mes tamén. Vai ano e medio de atraso.

Pemex condiciona os seus proxectos en España, incluídos os floteis, a cambios en Repsol aos que a compañía se resiste

Porque a relación coa petroleira española e a resolución do concurso dos dous buques hotel que serían construídos en Ferrol e Vigo están vencelladas para a petroleira mexicana. Nin a intermediación do Estado logrou que ambas as dúas operacións fosen separadas. Ou hai cambios en Repsol ou os proxectos na península serán cancelados. Así de simple. José Manuel Carrera Panizzo, executivo de Pemex que asinara o acordo con Feijóo na Xunta, é precisamente o principal responsable deste asalto que a compañía azteca pretende sobre Repsol.

E as condicións tamén son claras. Pemex pretende a saída do presidente de Repsol, Antonio Brufau, así como o cambio de estratexia contra a nacionalización de YPF en Arxentina. A petroleira entende que levar aos tribunais o caso provocará que se perda a oportunidade de explotar os grandes xacementos das augas arxeninas e onde Pemex aspira a ser socio. Quere cambios, pero a firma española non cede e os floteis e a carga de traballo para centos de operarios segue en perigo. A ameaza da compañía azteca inclúe a desinversión en Repsol, cos problemas que isto provocaría, e as queixas pola falta de dividendos nos últimos tempos.

A petroleira mexicana pide a saída de Brufau e o cambio de estratexia no conflito con YPF

O presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, di non estar "especialmente preocupado", mentres Feijóo, desde a Xunta, insiste en que Galicia construirá os floteis aínda que a oferta non sexa a elixida por PMI, que os encargaría para logo vendelos. Ao tempo, os sindicatos seguen a mobilizarse e ameazan con aumentar a intensidade das súas reivindicacións logo de que, en Ferrol, Navantia perdese tamén os contratos dos gaseiros de Repsol e Gas Natural.

Pero Feijóo sempre ten escusa para o atraso dos floteis e da falta de carga de traballo nas rías galegas. Cargou contra Navantia, botou balóns fóra e engadiu un pretexto máis aos múltiples utilizados para explicar o adiamento na construción dos buques hotel de Pemex. Non hai moito, a dilación na chegada dos buques era debida ás "dificultades" derivadas das recentes reformas educativa e enerxética acometidas en México e que provocaron unha importante tensión social.

Feijóo atribuíu o atraso dos floteis ao cambio de goberno en México, á reforma enerxética no país, ao 'tax lease' ou á falta de avais; agora o problema é Repsol

Antes, no mes de xullo, Feijóo atribuía os atrancos ao tax lease. "Agora acreditamos que os problemas dos contratos de Pemex eran do tax lease desde o punto de vista do inicio de corte e chapa; a empresa díxonos que empezaba a avaliar a resolución para tomar a decisión definitiva", asegurou o presidente, que advertira tamén de que se lle "botara a culpa a Xunta" cando o problema (disque) viña de Europa.

Uns meses antes, os problemas que sempre xustificaban o atraso no inicio da construción dos floteis eran os avais que Barreras tiña que conseguir. Mesmo Feijóo se encargara en febreiro de pedirlle á petroleira mexicana máis tempo para que o estaleiro vigués acadese eses avais que lle permitisen asumir o contrato dos buques. Pouco despois, o presidente da Xunta viaxou a México, volveu prometer a licitación dos barcos -desta vez para xullo- e advertía das bondades do Pacto por México, un plan que contemplaba "40.000 millóns de dólares en investimentos anuais" dos que, afirmaba, Galicia se podería beneficiar en ámbitos diversos. Co paso do tempo, un escándalo electoral sacudía este plan ao fiaba os investimentos Feijóo, que tamén escusou a demora na formación do novo executivo azteca. Á volta, Pemex anunciaba o acordo para facerse co control de Barreras. Pero nada se confirmou aínda, como no caso dos buques hotel.

Feijóo, co conselleiro delegado de Pemex en España © Xunta
Instalacións de Pemex © Iberorusa.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.