A reforma laboral, publicada hai case unha semana no Boletín Oficial do Estado (BOE), é un regulamento denso e complexo. Por iso seguen aparecendo detalles na letra pequena dunha norma que provocou xa a convocatoria, por parte de UGT e CCOO, de mobilizacións para o día 19. A CIG non agardou a coñecer o documento e, como explicou a Praza o seu secretario xeral, Suso Seixo, xa convocaron unha folga xeral por "responsabilidade". A patronal CEOE xa bendeciu esta reforma, malia que apuntou que deberá ser modificada no futuro. O presidente dos empresarios, Joan Rosell, non especifiou que puntos queren modificar dunha norma que aínda acaba de entrar en vigor. O que si reclamou xa é a modificación da Lei de Folga, de 1979.
Precisamente a central nacionalista vén de elaborar un completo documento comparativo entre a nova reforma laboral e o marco normativo anterior, no que se aprecia os grandes cambios aprobados polo Executivo de Mariano Rajoy, ademais dos xa recollidos por Praza Pública durante os últimos días.
Formación profesional para o emprego
O límite destes contratos de formación eran, até o de agora, os 25 anos. Mais, tal e como apunta o estudo da CIG, persoas de ata 30 anos (inclusive) poderán traballar baixo estas condicións ata que o desemprego non baixe ata o 15%. Isto é, oito puntos por debaixo da taxa actual. Este tipo de contratos poderán ter unha duración de tres anos (un ano máis que coa pasada lexislación) e poderán encadearse un tras outro. Agora só se podía asinar un contrato deste tipo por parte do mesmo traballador.
Para o sindicato nacionalista un dos feitos máis graves é que a formación poderá impartirse na propia empresa, o que provocará unha "falta de control". "No segundo e terceiro ano de contrato, a xornada máxima de traballo efectivo poderá chegar até o 85%", polo 75% estipulado anteriormente.
Privatización da formación
Ao entender da CIG, outro dos aspectos que se modificaron substancialmente coa nova reforma é o relativo aos plans de formación. "Mantense a exclusión a sindicatos cuxo ámbito de actuación se circunscribe a unha comunidade autónoma, e porén, permítese que entidades privadas dedicadas á formación si accedan a ditos convenios estatais de formación de traballadores". Ata en dous artigos da reforma se indica que "centros e entidades de formación debidamente acreditados e inscritos no Rexistro Estatal de Centros e entidades de Formación" poden acceder a estes plans.
Por obriga
"Prevese a posibilidade de contratación de traballadores desempregados para substituír a traballadores en accións de formación". Este aspecto xa estaba no anterior regulamento, pero esta participación era voluntaria. Coa nova lei é obrigatoria. Os desempregados percibirán, neses casos, "o 50% da prestación por desemprego e a empresa abonará o resto até o salario que corresponda".