A loita contra as hipotecas IRPH: "Chega un momento en que a unha se lle acaba o medo"

Concentración ante os xulgados antes da vista previa do caso de Marcos Guerreiro © PAH Ferrol e Comarca

Preferentes, cláusulas solo, subordinadas, IRPH. O modus operandi foi en todos os casos moi semellante: Unha entidade bancaria ou financeira ofreceulles aos seus clientes un determinado produto ou condicións, ben para colocar os seus aforros, ben para pedir un préstamo hipotecario. Con pouca información e moita confianza. Unhas operacións que acabaron por ser moi gravosas para os seus asinantes. No que tamén coinciden todas estas situacións é en que durante moito tempo foron ignoradas pola opinión pública e mesmo polos propios afectados e afectadas. Ata que se comezaron a coñecer os primeiros casos, os primeiros xuízos, e visibilizouse a verdadeira dimensión -persoal e social- do problema. 

A plataforma IRPH Stop Gipuzkoa calcula que en toda España ata 1,3 millóns de familias poden estar afectadas polas hipotecas que toman como referencia o índice IRPH. En Galicia poderían ser ao redor de 27 mil, sendo unha das comunidades cunha menor incidencia. Este luns o ferrolán Marcos Guerreiro iniciou o proceso xudicial para que se declare "abusiva" a aplicación deste índice no seu contrato. O IRPH é produto da media aritmética simple dos tipos de interese dos préstamos hipotecarios das entidades bancarias españolas e o propio Banco de España recoñeceu que se trata dun índice "manipulable" e opaco. A realidade é que se sitúa moi por riba do Euríbor (o IRPH sitúase nestes momentos no 2,132%, mentres que o Euríbor rolda o 0,054%), o que fai que os afectados por estas hipotecas estean pagando moitos máis intereses que os asinantes doutros préstamos que se moven en función da evolución do Euríbor ou outras referencias. Entre 100 e 300 euros máis ao mes, en función da contía total da hipoteca. 

En marzo o Xulgado do Mercantil nº 7 de Barcelona obrigou a UCI a declarar nula a referencia ao IRPH e a devolverlle a Silvia Herrera os intereses cobrados de máis durante anos

De saber isto, os e as clientas das entidades financeiras que asinaron estes contratos de seguro que non terían aceptado o que o banco lles ofrecía. Pero nas entidades aseguráronlles que a referencia do IRPH ía ser para eles máis favorable que o Euríbor e, sobre todo, máis estable. Nos últimos anos foron bastantes os e as afectadas que levaron a xuízo aos seus bancos para esixir a anulación destas cláusulas nas súas hipotecas. Obtiveron máis de 30 sentenzas favorables, pero as vitorias (obtidas en xulgados do mercantil) tornaron en derrotas unha vez que os ditames foron recurridos noutras instancias. Estase agora á espera de que o Tribunal Supremo decida sobre os recursos presentados. Foi en 2014 e en Guipúscoa onde se gañaron os primeiros xuízos, que marcaron o camiño, e con sentenzas que se converteron, pola súa contundencia, no exemplo a seguir por todos aqueles que teñen causas abertas ou que están comezando a demandar ás súas entidades financeiras.

A sentenza sinalou que houbera falta de transparencia e de información aos clientes, sobre todo tendo en conta que "a aplicación do índice IRPH resulta máis gravosa para o consumidor ou cliente que a aplicación dun tipo coma o Euribor”

Unha das máis importantes foi a vitoria obtida por Silvia Herrera, barcelonesa de 40 anos, limpadora, nai dun fillo pequeno, que chegou a pagar 1.440 euros mensuais de intereses, 400 máis dos que lle correspondían. En marzo de 2015 o Xulgado do Mercantil nº 7 de Barcelona obrigou a Unión Crédito Inmobiliario (filial do Banco Santander) a declarar nula a referencia ao IRPH e a devolverlle os intereses cobrados de máis durante anos. Silvia Herrera aboara 110 mil euros, pero só reducira en 20 mil a súa débeda. A entidade financeira recorreu a sentenza, un proceso aínda aberto, pero o ditame do xuíz Manuel Ruiz de Lara converteuse nun símbolo para milleiros de persoas. A sentenza sinalou que a entidade financeira “inflúe no importe do índice que se utiliza”, que houbera falta de transparencia e de información aos clientes, sobre todo tendo en conta que "a aplicación do índice IRPH resulta máis gravosa para o consumidor ou cliente que a aplicación dun tipo coma o Euribor”, pois “o IRPH Caixas situouse sempre por riba do Euribor”.

"Nós non estamos pedindo caridade, nós estamos pedindo xustiza", destaca Silvia Herrera, que hoxe participará con Marcos Guerreiro nun acto informativo en Cataluña sobre as hipotecas IRPH. Denuncia as dificultades que están atopando os afectados e afectadas nas instancias xudiciais: "os xuíces están adoptando unha posición de parte, en defensa das entidades bancarias". 

"Eu atopo todos os días persoas que se dirixen a min pedindo información, porque acaban de se decatar de que teñen este tipo de hipotecas"

"Eu non teño nada do que avergoñarme. A min enganáronme, ao igual que enganaron a Marcos. O modus operandi foi semellante con todo o mundo, a todos nos venderon un índice que era mellor que o Euríbor, porque o Euríbor flutuaba moitísimo", lembra. "Eu saín da notaría mesmo contenta, pensando: 'vaia, pensaron en min, pensaron en ofrecerme un índice que me vai protexer'. En absoluto", engade. "Isto obrigoume a pedir axuda aos meus país, a ter que traballar moitísimo, non pode ser que na nosa casa esteamos dúas persoas traballando e que non non chegue para pagar a hipoteca", explica.

Silvia Herrera sinala ademais a súa sorpresa pola falta de información existente sobre un asunto que afecta a tantas persoas en todo o Estado. "Eu atopo todos os días persoas que se dirixen a min pedindo información, porque acaban de se decatar de que teñen este tipo de hipotecas, de que aos seus amigos lles está baixando o interese que pagan e que a eles non, e de que están pagando máis do que deberían", di. "Este é un tipo que hipoteca que nos ofreceron aos traballadores, aos pobres e, moi probablemente, buscando quedar con estas propiedades e tamén coas que funcionaron con aval", denuncia. "Eu sufrín un ERE na empresa na que traballaba e ese foi o peor ano da miña vida", engade. 

"Os meus pais puxeron a súa vivenda como aval para a miña hipoteca, e négome a que lles quiten unha casa que lles levou toda a vida conseguir"

"Os meus pais puxeron a súa vivenda como aval para a miña hipoteca, e négome a que lles quiten unha casa que lles levou toda a vida conseguir. Chega un momento en que a unha se lle acaba o medo e non che queda outra que demandar", destaca. "Dentro do que cabe eu fun das afortunadas, porque conseguín ir pagando os intereses, pero hai xente que non chega, que non pode", di. "O único que podemos facer é seguir pelexando", conclúe.

Concentración ante os xulgados antes da vista previa do caso de Marcos Guerreiro © PAH Ferrol e Comarca
Campaña contra o IRPH a cargo dunha entidade vasca © Angula Berria

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.