O sindicato independente CSI-F (Central Sindical Independente e de Funcionarios) anunciou o pasado venres que a súa organización non apoiará a convocatoria de folga xeral para o vindeiro 14 de novembro. Considera que o paro ten un claro "componente político" e rexeita secundalo "por responsabilidade" ante a grave situación que atravesa España e tamén "ante o eventual rescate". José Francisco Sánchez-Brunete, secretario de Acción Sindical de CSI-F Galicia, explica en Praza os motivos dunha negativa que, aclara, "non supón un aval ás políticas do Goberno", pero que responde "ao sentir maioritario" da súa central.
Por que CSI-F non apoia a folga xeral do 14 de novembro?
A negativa chegou logo dun longo debate tanto a nivel estatal, como nas executivas autonómicas e provinciais e tras a consulta coas bases. Acordouse que non era procedente agora unha folga xeral e, aínda que foi unha decisión difícil, actuamos en democracia e o acordo foi maioritario tanto nos órganos executivos como por parte dos afiliados.
Pero por que non é procedente agora unha folga xeral?
Hai tres razóns fundamentais. A primeira, a responsabilidade ante a situación económica e social de España; a segunda, porque cremos que a acción sindical levada a cabo nos últimos meses xa empezou a dar os seus froitos nalgúns ámbitos; a terceira, por razóns de carácter político. Nós somos un sindicato independente e queremos seguilo sendo. Estamos na situación máis crítica da nosa historia e xogándonos o futuro do país. Cremos que a folga xeral non é o instrumento máis útil e máis aínda cando se está dilucidando se acudir ou non a un rescate. O que fai esta folga xeral é incrementar a mala imaxe do Estado e xerar unha perda de confianza que en nada nos favorece.
"O que fai esta folga xeral é incrementar a mala imaxe do Estado e xerar unha perda de confianza que en nada nos favorece"
Houbo reproches á decisión dentro do propio sindicato?
Houbo un debate moi profundo, non conflitivo pero profundo. Hai que ter en conta que nós temos afiliados que son do PP, do PSOE, do BNG ou incluso de AGE. Non lle preguntamos ao 100% dos afiliados, pero si a un espectro bastante alto de xente, e o sentir maioritario foi o de non apoiar a folga xeral. Isto non quere dicir que esteamos de acordo coa política que está levando a cabo este Goberno, pero cremos que non podemos soportar un día de paro total.
E que pode cambiar apoiando ou non a folga?
Temos os exemplos de Grecia, Irlanda ou Portugal. Coa asunción do rescate houbo un ataque aos sectores máis débiles e os empregados públicos foron os máis afectados. En Grecia perderon un 20 ou 30% da súa capacidade adquisitiva, así que, unha vez que os mercados -o FMI, o BCE ou como se queira chamalos- decidan, para nós pode ser mortal de necesidade. A situación actual non permite unha folga xeral polas consecuencias que pode ter.
Pero vai cambiar algo dependendo do éxito ou non da folga?
Poden cambiar as condicións do rescate. Ao noso modo de ver, se tes un prestixio, aínda que sexa malo, as condicións son dun tipo, pero se o teu crédito e o teu prestixio é aínda menor, as condicións poden ser peores. Ademais, a maioría de empregados públicos non poden soportar un día de folga porque iso igual implica non poder pagar a hipoteca. Xa sufrimos un descenso no 30% na nosa capacidade adquisitiva e, ademais, nós non temos caixa de resistencia como teñen outros sindicatos porque tampouco somos beneficiarios de subvencións. Eu poderíalle dicir aos meus delegados que fosen á folga e que logo xa lle devolvería parte do soldo perdido, pero non o podemos facer.
"A maioría dos empregados públicos non poden soportar unha folga xeral porque iso igual implica non poder pagar a hipoteca"
Iso ocórrelle igual aos traballadores do sector privado.
Pero nós tomamos a decisión en base ao sector que representamos. Dubido que CCOO e UGT lle preguntasen aos seus afiliados se estaban a favor de secundar a folga xeral. O paro xeral aprobouse na Conferencia Europea de Sindicatos que, curiosamente preside agora Ignacio Fernández Toxo. De aí trasladouse ao Cumio Social, onde si estamos, pero a iniciativa non partiu de aí, senón dos sindicatos europeos.
Haberá moitos afiliados de CSI-F que decidan apoiar a convocatoria a pesar de todo?
O que faga cada un pola súa conta, é cousa del. A nivel particular, nós non podemos condicionar a ninguén porque temos afiliados de todas as vertentes políticas e uns irán á folga e outros non.
Cre que a acción sindical, á marxe da folga, está dando resultados?
Comeza a dar froitos os seus froitos a nivel estatal. O Consello de Ministros acordou crear unha comisión para acabar coas duplicidades nas administracións públicas e ten un compromiso para abrir as mesas de negociación dos empregados públicos, un compromiso que tamén foi asinado por CCOO, UGT, CIG e USO. Estamos a falar da avaliación da produtividade, dun plan de ordenación de recursos humanos... Así que si que creo que se empezan a ver avances.
"Non imos compartir pancarta con ningún representante político, sexa da cor que sexa; eles trouxéronnos a esta situación"
O CSI-F critica que sexa unha folga política...
Esta será a sétima folga xeral en España. As primeiras estiveron espaciadas no tempo, pero agora, no mesmo ano, convocamos dúas e a última delas porque pedimos un referendo para decidir se se aceptan ou non as políticas de recorte... Pero o certo é que este Goberno foi elixido democraticamente. É sintomático. Nós non temos vinculación con partido ningún e unha folga xeral é unha cousa moi seria para un país por toda a repercusión económica que ten. Ademais, coincide cunhas eleccións decisivas para o prestixio que pode ter España no exterior. Está todo calculado e nós non participamos nese calendario. Non imos compartir pancarta con ningún representante político, sexa da cor que sexa, porque eles foron os que nos trouxeron ata aquí.
Seguirán participando nas protestas contra os recortes?
Por suposto. Que nós non vaiamos á folga non quere dicir que avalemos o Goberno para facer seguindo recortes. Imos seguir defendendo os traballadores públicos, pero faremos as medidas de presión que consideremos máis oportunas. Seguiremos indo ás manifestacións e moi pendentes de todo o que aprobe o Executivo, ademais de mirar con lupa como se vai aplicar a reforma laboral ou o decreto que abre a vía a realizar ERE na administración pública, unha iniciativa uqe nos parece grave e perversa, pero unha cousa é saír á rúa e outra unha folga xeral, que é algo moi serio. Estamos e seguiremos estando no Cumio Social, pero nin CCOO, nin UGT nin a CIG nos van marcar a liña a seguir, ao igual que nós non llela imos marcar a eles.
"Nin CCOO, nin UGT, nin a CIG nos van marcar a liña a seguir, ao igual que nós non llela marcamos a eles"
Teme que esta negativa a apoiar a folga dane a imaxe dos empregados públicos?
Eu non podo estar na mente da xente. Cando nós saímos á rúa non defendemos o noso posto de taballao, senón que defendemos tambén o Estado de Benestar, os servizos públicos, as familias e o futuro dos seus fillos. Nós somos os garantes de que estes servizos públicos funcionen e tratamos de evitar que se destrúan, pero actuamos baixo o noso criterio e en base ás decisións que tomamos conxuntamente.