A situación económica e as elevadas taxas de desemprego forza os mozos e mozas galegas a seguir vivindo na casa familiar (ou a regresar a ela), ou a marchar a outras comunidades autónomas ou fóra de España na procura de oportunidades. A nova entrega do Observatorio de Emancipación do Consejo de la Juventud indican que os galegos e galegas de menos de 35 seguen estando entre os que máis dificultades atopan para emanciparse de toda España, cunha taxa de emancipación que só supera á de asturianos e canarios. En boa medida isto parece deberse a que os salarios que reciben os mozos e mozas galegas son os terceiros máis baixos de todo o Estado (só por riba dos de Canarias e Estremadura). Os datos tamén alertan dun incremento dos parados de longa duración entre a mocidade galega: a metade dos e das desempregadas de menos de 30 anos levan máis dun ano buscando emprego, e esa porcentaxe crece até o 55% nos que teñen entre 30 e 35 anos.
Un de cada tres mozos e mozas galegas de 30 a 35 anos (33,1%) segue vivindo cos pais e nais, só por riba de Asturias e Canarias
No ano 2009 case cen mil galegos de menos de 30 anos vivían fóra da casa de pais e nais; hoxe esa cifra é de menos de 79 mil, vinte mil menos, o que deixa a taxa de emancipación no 21,8%, fronte ao 39,7% anterior á crise. Esta taxa de emancipación dos galegos e galegas entre 16 e 29 anos (o 21,8%) é, mesmo así, lixeiramente superior á media española, pero este dato dá a volta por completo no seguinte treito de idade, entre 30 e 34 anos, momento no que antes da crise era habitual que os fillos e fillas abandonaran xa a casa familiar. Un de cada tres mozos e mozas galegas de 30 a 35 anos (33,1%) segue vivindo cos pais e nais, só por riba de Asturias e Canarias e a vinte puntos de Navarra, Baleares ou La Rioja.
O estudo do Observatorio de Emancipación tamén advirte dun incremento da emigración dos mozos e mozas galegas, tanto ao estranxeiro coma a outras comunidades autónomas, aínda que remite aos datos do INE, xa coñecidos, que amosan que dende o comezo da crise ao redor de 160 mil mozos e mozas galegas marcharon de Galicia.
Moi significativo é, igualmente, o dato de que a taxa de actividade da poboación moza en Galicia, o 55,5%, está por debaixo da media de España, sendo a cuarta máis baixa do Estado, só por riba de Navarra, Euskadi e Cantabria, que teñen, iso si, taxas de ocupación moi superiores ás galegas. Galicia presenta taxas de desemprego entre a mocidade lixeiramente por debaixo da media española, pero o Observatorio alerta de que a metade dos galegos e galegas de 16 a 29 anos que están no paro (un 49,8%) levan máis dun ano buscando emprego sen éxito. O desemprego de longa duración entre os parados e paradas de 30 a 34 anos chega até o 55,1%.
O Observatorio alerta de que a metade dos galegos e galegas de 16 a 29 anos que están no paro (un 49,8%) levan máis dun ano buscando emprego sen éxito
O salario medio dos menores de 30 anos en Galicia é o terceiro máis baixo de toda España e queda nos 11.784,88 euros, fronte aos 13.342,11 de media no conxunto do Estado. O nivel medio de ingresos dos fogares mozos, iso si, é superior ao da media de España.