A OIT advirte da elevada tensión social e das grandes diferenzas norte-sur en España

Manifestantes durante a protesta do 15S CC-BY-NC María Navarro

Aumentan as tensións sociais e as diferenzas territoriais. Así o advirte a Organización Internacional do Traballo (OIT), que alerta que a grave crise económica que afecta a España "está a facer máis evidente a disparidade norte-sur" no Estado e "é posible que a estea agravando". Así, o Instituto Internacional de Estudos Laborais  (IIEL) da OIT destaca que o desemprego "aumenta con maior rapidez nas zonas rurais que nos centros urbanos e está a alimentar a tensión social", tal e como reflicten as estatísticas do informe, ademais de volver recomendar un cambio de modelo económico e criticar as medidas do actual Goberno.

Nas zonas rurais, o desemprego incrementouse dun 8,3% en 2007 a máis de 26% en 2012, mentres que nas zonas urbanas aumentou un pouco menos, dun 7,8% ao 24% durante o mesmo período. "A situación é especialmente difícil na rexión meridional de Andalucía, a cal rexistraba taxas de desemprego elevadas xa antes da crise. Por exemplo, nas provincias de Almería, Xaén e Granada, máis da terceira parte dos traballadores está desempregada", destaca Steve Tobin, economista do IIEL, que advirte de que as taxas de paro, aínda que grandes, son bastante menores en grandes urbes como Madrid e Barcelona.

A OIT advirte das enormes diferenzas entre o norte e o sur de España, que se agudizan coa crise

Pero a OIT lembra tamén que "a situación non é a mesma en todas as zonas rurais de España". "Hai rexións como Navarra e Cantabria, no norte onde o desemprego é moito menor que a media estatal", advirten, tras asegurar que os datos máis recentes da OIT mostran que o desemprego no sur de España alcanza o 32,8%, oito puntos porcentuais por riba da media estatal, mentres que os territorios setentrionais teñen unha taxa de desemprego no seu conxunto de 15,4%. En Euskadi, por exemplo, o desemprego é 40% inferior á media estatal.

"O segredo está no modelo de produción", afirmou Joaquín Nieto, director da Oficina da OIT en Madrid. "As rexións rurais máis afectadas son aquelas onde foi maior o auxe do sector inmobiliario e máis grande a burbulla especulativa", engadiu. "Antes da crise moitos traballadores estacionais adoitaban traballar nos campos no verán e no sector da construción durante o resto do ano. Con todo, debido ao colapso do sector da construción, que foi un dos máis afectados pola crise, na actualidade están desempregados durante a maior parte do ano", explicou Tobin.

Incremento do malestar social

Para a OIT, hai outro dato "especialmente preocupante", que non é outro que o aumento do descontento social en España. O feito de que en diversas zonas rurais, onde este malestar era menos importante, se estean a propagar protestas como as do 15M revela para a OIT "un crecente sentido de insatisfacción fronte as medidas adoptadas para abordar a crise". O IIEL incide no feito de que algunhas desas protestas implicasen ocupar terras e "organizar saqueos nos supermercados", mentres "os líderes destas accións declararon aos medios que estes actos non son roubos, senón accións lexítimas coa finalidade de distribuír alimentos aos necesitados".

"As medidas de austeridade non lograron estimular a economía e a creación de emprego; é necesaria unha estratexia de crecemento"

A multiplicación das protestas nas zonas rurais de España está en concordancia coa taxa de tensión social do IIEL para España, que mostra un incremento constante entre 2006 e 2011, cun pico en 2009 (ver gráfico adxunto). "Como destacamos nun recente informe sobre a crise do emprego na eurozona, as medidas de austeridade non lograron estimular a economía e a creación de emprego, e fixeron pouco para mellorar as finanzas públicas. O caso de España demostra que é necesaria unha estratexia de crecemento e de emprego", declarou o director do IIEL, Raymod Torres.

Para Torres, o desafío para España "consiste en cambiar cara a un novo modelo de crecemento económico, máis equilibrado, que dependa máis dun crecemento baseado nas exportacións e nos empregos de calidade". "Esta non é unha tarefa fácil e levará tempo. Pero a experiencia española de crises anteriores mostra que, con suficiente determinación política e coa participación dos interlocutores sociais, pode realizarse", rematou o director do IIEL.

Índice de tensión social en España © IIEL-Gallup
Manifestantes durante a protesta do 15S CC-BY-NC María Navarro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.