A OIT carga contra a austeridade fiscal por crear “consecuencias devastadoras” para o emprego

Manifestación en Ferrol CC-BY-NC Susete

A Organización Internacional do Traballo (OIT) censura as reformas económicas en España. A axencia especial das Nacións Unidas para o mercado laboral carga contra as receitas de moitos dos países desenvolvidos contra a crise por crear “consecuencias devastadoras” para a creación de emprego. No seu último Informe sobre o Traballo no Mundo 2012, o organismo advirte de que as economías avanzadas non crearán emprego a niveis anteriores á crise até finais de 2016 e critica con dureza as prioridades marcadas polos executivos.

“Seguen faltando 50 millóns de empregos a nivel mundial comparado coa época anterior á crise”, asegura o informe, que culpa desta situación a que “moitos gobernos, en particular nas economías avanzadas, déronlle prioridade á combinación de austeridade fiscal e drásticas reformas laborais”, o que provoca “consecuencias devastadoras” nos mercados laborais e na creación de emprego, ademais de “non lograr, en xeral, reducir o déficit fiscal”.

A OIT tíralle de orellas a España. Primeiro sen citala e logo argumentando con datos sobre o Estado polo que considera políticas erradas para a recuperación económica. “A austeridade fiscal combinada coa liberalización do mercado laboral non favorecerá as perspectivas de emprego a curto prazo”, si, insistindo en que “non hai unha relación evidente entre as reformas laborais e as taxas de emprego máis altas; é máis, algunhas reformas recentes, sobre todo en Europa, reduciron a estabilidade laboral, exacerbaron as desigualdades e fracasaron na creación de postos de traballo”, engade.

Os últimos datos económicos de España confirman as peores previsións da OIT, pero tampouco semella que o Goberno de Mariano Rajoy confíe en variar uns agoiros que coinciden en moitos casos cos da axencia das Nacións Unidas, que pide novas receitas que parecen agromar tamén na UE. “Os países que investiron en políticas de creación de emprego lograron mellores resultados; moitos destes países volvéronse máis competitivos e superaron a crise mellor que aqueles que seguiron o modelo de austeridade”, afirma Juan Somavia, un dos autores dun documento que pide “estudar detalladamente estes países e extraer leccións”.

A OIT pide "políticas favorables á creación de emprego, baseada en impostos e nos investimentos públicos"

Raymond Torres, director do Instituto Internacional de Estudos Laborais e principal autor do informe, incide no mesmo e censura “a excesiva importancia que moitos países da eurozona lle están dando á austeridade fiscal, o que profunda na crise de emprego e podería conducir a outra recesión en Europa”. A solución, segundo a OIT, estaría “na combinación de políticas favorables á creación de emprego, baseada en impostos e no aumento de investimentos públicos e beneficios sociais”. Xusto o contrario do que se aplica en España e noutros moitos estados da UE. Con esta receita, e segundo o informe, “poderían crearse aproximadamente dous millóns de emprego no vindeiro ano nas economías avanzadas”. Insuficiente, pero esperanzador.

A prioridade, tal e como insiste a OIT, debe ser “atacar o desemprego, en particular entre os mozos”, e estimular “a inversión privada, a través dos investimentos públicos en infraestruturas e do apoio ás pemes”. O informe considera que os recortes fiscais “son importantes para propiciar a estabilidade fiscal e estimular o emprego”, pero engade que este proceso de consolidación fiscal “debe ser socialmente responsable”.

"Non se recuperará emprego até finais de 2016 a non ser que as políticas cambien radicalmente"

A OIT conclúe a súa argumentación con datos e destaca que en máis do 90% dos países que aplicaron medidas de austeridade, as taxas de desemprego “superan os niveis de 2007”. Ademais, na metade deles, as porcentaxes de paro “aumentaron máis a finais de 2011”. “Nas economías avanzadas hai 43,5 millóns de desempregados”, conclúe.

Nestes países, en particular en Europa, a recuperación do emprego “non está prevista antes de finais de 2016, a non ser que as medidas políticas cambien radicalmente o seu curso”. Estímase que 196 millóns de persoas estaban desempregadas no mundo a finais de 2011 e prevese que esta cifra aumente aos 202 millóns en 2012, o que supón unha taxa do 6,1%.

Previsión de creación de emprego segundo a política económica Dominio Público OIT
A manifestación, en Vigo © CCOO Galicia

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.