A ONU critica con dureza os recortes de Mariano Rajoy

Mariano Rajoy, nunha comparecencia ante a prensa © Goberno de España

A ONU tamén censura as políticas do Goberno do PP. Logo das críticas constantes de diferentes organismos, incluído o FMI, desta vez tocoulle á Organización das Nacións Unidas, que carga contra os recortes levados a cabo polo Executivo de Mariano Rajoy por levar a pobreza ao 21,8% dos españois e por prexudicar "de xeito desproporcionado" os máis desfavorecidos.

Así de contundente é o último informe do Comité de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais (Cdesc) da ONU, que non dubida e asegura que "Rajoy está a destruír o estado de benestar en España". Este estudo, que aínda por riba foi anterior ao último paquete de recortes aprobado polo Goberno, critica os axustes adoptados nos últimos meses porque reducen "os niveis de protección" da cidadanía.

As duras críticas da ONU producíronse antes da aprobación do último paquete de recortes

"As medidas de austeridade están prexudicando de forma desproporcionada os grupos desfavorecidos e marxinados, como mulleres, nenos, persoas con discapacidade e mesmo os adultos e os mozos desempregados, as persoas maiores, os xitanos, os inmigrantes e os solicitantes de asilo", asegura con contundencia un informe que calcula que os axustes están provocando un aumento "considerable" do número de persoas en risco de pobreza. Así, aclara que o 21,8% da poboación española xa vive por baixo desde limiar e que un de cada catro menores se inclúe nese grupo.

Un de cada catro menores vive por baixo do limiar da pobrezar, recorda a ONU

Do mesmo xeito, a ONU tamén amosa unha fonda preocupación polos datos do paro, ao cebarse cos sectores máis febles, e fai un chamamento ao Goberno para que "evite calquera retroceso" na "protección dos dereitos laborais dos traballadores". Ademais, tamén advirte de que as condicións dos que si teñen traballo son peores e que o salario mínimo interprofesional no Estado ten "un valor que non permite un nivel de vida digno". Así, reclama que se "axuste periodicamente ao custo da vida", ao igual que as pensións.

O Goberno non fixo público oficialmente este informe a pesar de que, segundo parece, a ONU, cando llo remitiu o pasado 6 de xuño, pediu que lle dese "ampla difusión ás observacións en todos os niveis da sociedade".

Rajoy diríxese á sesión de control © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.