A oposición denuncia o "ERE encuberto" na Xunta como "símbolo do fracaso de Feijoo"

Mato, nun recente acto público da Xunta con Feijóo © Xunta

PSdeG, AGE e BNG cargaron este venres con dureza contra o despedimento de 40 traballadores laborais e a amortización de 120 prazas na Consellaría de Traballo anunciado pola Xunta. Os tres partidos da oposición consideran que a medida constitúe un "ERE encuberto" e un "símbolo do fracaso de Feijoo". Ademais, sinalan que revela "as mentiras" do presidente da Xunta, que afirmara que non lles pediría "máis esforzos" aos empregados públicos e que reducía salarios "para non despedir".

Para o PSdeG-PSOE a medida é “un claro punto de partida para os EREs na administración autonómica”

A portavoz de Políticas Sociais do Grupo Socialista, Carmen Gallego, dixo que o ERE anunciado pola Consellería de Traballo constitúe “o paradigma do fracaso estrepitoso da política de emprego aplicada polo goberno galego" e que a medida é “un claro punto de partida para os EREs na administración autonómica”. Para o PSdeG-PSOE o ERE “exemplifica con claridade meridiana que renuncia a calquera tipo de política de creación de emprego” e lembra que a Xunta vén de recortar 7,9 millóns de euros correspondentes a gastos de persoal, que se suman ao recorte dos 223 promotores e orientadores de emprego que operaban en Galicia, cos que a Xunta “deixa meridianamente claro que a área de emprego non lle é prioritaria”.

Os socialistas denuncian que a Consellería “agrupa claramente as tres características do goberno galego dende a chegada de Feijóo, como son engano, paro e corrupción”. A este respecto Gallego afirmou que mentres aplican o primeiro ERE da administración autonómica, “Feijóo blinda e favorece unha vez mais á súa familia, creando unha praza para unha curmá do presidente da Xunta como educadora na Casa da Xuventude de Ourense diante da cercanía do concurso de traslados”.

 

Para AGE, Feijoo "mentiu" ao dicir que estaba obrigado a reducir salarios para non despedir

AGE denuncia que o ano pasado só se executou o 15 por cento do orzamento para programas de promoción de emprego

Pola súa banda AGE fixo fincapé en que a medida revela que Feijoo "mentiu" ao dicir que estaba obrigado a reducir salarios para non despedir: "agora non só lles baixa o soldo senón que anuncia que si haberá despedimentos na consellería de Traballo", afirmou Juan Fajardo. AGE denuncia que o ano pasado só se executou o 15 por cento do orzamento para programas de promoción de emprego, o que implica que este ano a importante redución económica se traducirá na desaparición deste tipo de programas.

A formación denuncia que o PP "non só é incapaz de xestionar o problema do desemprego no noso país senón que toman decisións directas que a agravan aínda máis a situación" e engadiu que “para saír da crise actual o único camiño é aumentar a capacidade económica dos galegos e galegas, xusto o contrario do que está a facer o PP”.

 

Tereixa Paz pide a dimisión da conselleira de Traballo, Beatriz Mato

Tereixa Paz pediu a dimisión da conselleira de Traballo, Beatriz Mato, pola súa “nefasta e ausente xestión en políticas de emprego como evidencian os últimos datos de ocupación en Galicia"

Pola súa banda, a portavoz de Administración pública do BNG, Tereixa Paz presentou unha batería de iniciativas parlamentarias destinadas a “parar o ERE encuberto” impulsado pola Consellería de Traballo. A parlamentaria nacionalista afirmou que, para o Presidente da Xunta “ o fraude e a  mentira son o seu maior capital político” porque durante a campaña anunciou que o Partido popular non pediría más “ esforzos e sacrificios aos empregados públicos” e transcorridos dous meses, someteunos a “chantaxe” de escoller entre unha nova rebaixa salarial para o ano 2013 ou despedimentos na Administración galega.

Tereixa Paz pediu a dimisión da conselleira de Traballo, Beatriz Mato, pola súa “nefasta e ausente xestión en políticas de emprego como evidencian os últimos datos de ocupación en Galicia" e engadiu que “a conselleira non cumpre coa súa función de velar pola legalidade en materia laboral porque para tramitar un ERE, explicou, este debe ser anunciado e negociado cos representantes dos traballadores”. Tamén lle esixiu a Feijoo que dea "explicacións públicas" pola adopción desta medida.

Mato, nun recente acto público da Xunta con Feijóo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.