A oposición intenta sen éxito que Feijóo explique a "estafa" das preferentes

Os deputados do BNG con camisetas dos preferentistas © BNG

A tensión polas preferentes volveu ao Parlamento galego. Os tres grupos da oposición intentaron introducir unha comparecencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na Cámara para que explicase "a súa responsabilidade na estafa das preferentes" e a situación do sector financeiro galego. No entanto, as dúas votacións feitas para alterar a orde do día da sesión foron rexeitadas pola maioría absoluta do PP.

A oposición xustificou a súa solicitude polo "feito inaudito" que supuxo a quita aos aforradores

Xa antes do comezo do pleno, os sete deputados do BNG luciron camisetas dos afectados polas preferentes para solicitar ao Goberno que "actúe" para defender os aforradores ou, de non facelo, que "dimita" o presidente Feijóo. Abel Losada, voceiro do PSdeG, defendeu o intento de cambio na orde do día polo "feito inaudito" que supón a quita imposta aos afectados e da que "responsabilizou" ao "goberno de Aznar" por "legalizar" estes produtos financeiros.

Mentres a presidenta do Parlamento chamaba á orde a Losada, o voceiro popular, Pedro Puy, censuraba que os grupos da oposición non levasen as iniciativas á Xunta de Portavoces, mentres o PSdeG lembrou que a aprobación da quita tivo lugar despois desta xuntanza.

Ademais, a vicevoceira de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Yolanda Díaz, cualificou "un feito de corrupción" o ocorrido coas participacións preferentes e sumouse á petición de PSOE e BNG, mentres Francisco Jorquera, voceiro do Bloque lamentou ante a prensa que "mileiros de compatriotas estean a ser vítimas dunha dobre estafa". Así, os deputados nacionalistas pediron a "dimisión" de Feijóo mediante carteis no que acusaron o presidente -que non estaba presenta na Cámara- de ser "cómplice" do calote.

O BNG luciu camisetas de apoio aos "estafados" e pediu a dimisión de Núñez Feijóo

Xa durante o pleno, e no debate sobre a Lei de Estradas, os tres grupos da oposición aproveitaron as súas intervencións para reclamar "unha solución política" para os afectados polas preferentes, malia que a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, advertiu en varias ocasións aos deputados de que se cinxisen á orde do día ou lles sería retirada a palabra. Así o fixo con Ana Pontón, deputada do Bloque, que pediu que Feijóo "dese a cara" e non seguise "agochado" e asegurou que a Cámara "non pode pecharlle as portas" aos "estafados".

Os tres grupos acusaron a Feijóo de permanecer "agochado" ante a "dobre estafa" que supuxo a quita

Tamén Antón Sánchez, deputado de AGE, lembrou que o caso das preferentes "é excepcional" o que xustificaría o cambio na orde do día. "Un país non pode permitir que os aforradores perdan os aforros e os corruptos estean libres. Seguimos pedindo solucións políticas para que a sociedade crea de verdade na política; non se pode manter eternamente tanta inxustiza", manifestou.

Raúl Fernández, parlamentario do PSdeG, aproveitou tamén a súa intervención para pedir "explicacións" ao PP logo de que o partido apoiase na Cámara galega o seu rexeitamento á quita para, "tan só uns días despois o Goberno do seu partido permitise" levala a cabo. "Queremos que lles devolvan os aforros e teñen que facelo. Dean a cara, miren aos ollos e non se agochen", dixo.

O popular Gómez Alonso cre "irresponsable" intentar debater sobre as preferentes e alude aos "mojitos" do bipartito

No entanto, o popular Gómez Alonso cualificou de "irresponsable" e de "falta de respecto" ao Parlamento que a oposición intentase un debate sobre as preferentes, logo de que non fose solicitado pola oposición antes. Ademais, asegurou que a PSdeG, BNG e AGE "tamén lles parecería irresponsable que para falar das preferentes este grupo fixese un debate sobre os mojitos ou os despachos de luxo do bipartito". "Faltar ao respecto é roubarlles os cartos aos aforradores ou votar aquí a favor de devolver o diñeiro e logo permitir que o PP leve adiante a quita", contestoulle Ana Pontón.

Os deputados do BNG con camisetas dos preferentistas no pleno © BNG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.