A parálise de Navantia anticipa un 1º de maio quente en Ferrol

A acción 'Carga de dignidade', ante os guindastres de Navantia © Susete

O 1º de maio en Ferrol non é só un ritual. A dramática situación que vive a comarca, coas máis altas taxas de desemprego de toda Galicia e unha das taxas de actividade máis baixas de toda España anticipan unha xornada de mobilizacións intensas e cargadas de razóns. Sobre todo pola situación da industria do naval, na que segue habendo máis promesas que concrecións. Hai uns días Alberto Núñez Feijoo prometeu, por segunda vez en dúas semanas, que Navantia recibirá o encargo para construír "un buque gris", en referencia a unha embarcación para a Armada. Porén, o presidente da Xunta non explicou máis nada, nin prazos nin cantidades. En sede parlamentaria limitouse a lanzar unha promesa baleira, polo de agora, de contido.

De igual xeito, a pasada semana a maioría absoluta do Partido Popular votou en contra dunha proposta de AGE para relanzar o sector naval en Galicia, en Ferrol e Vigo, con medidas coma a "posta en valor" do novo sistema de bonificacións fiscais tax-lease, negociar co Executivo central a construción en Ferrol dunha sexta fragata, o levantamento ao veto para a construción civil en Navantia, un plan industrial para Ferrolterra ou a reclamación ao Goberno central que as bonificacións fiscais reintegradas ao Estado sexan transferidas ás Comunidades Autónomas con destino a medidas de apoio e fomento da competividade e promoción do sector naval e a proxectos de I+D+i.

Este domingo coñecemos ademais, que o Executivo de Rajoy se negou a ofrecer información pública sobre o Documento de Traballo para o futuro de Navantia 2014-2018, en resposta a unha petición do BNG formulada no Congreso. O Ministerio de Economía excusouse na natureza xurídica das sociedades mercantís estatais e no “carácter competitivo dos mercados nos que operan as sociedades mercantís” e sinalou que se trata de “documentos de traballo de carácter interno e non definitivo, nos que se recolle información estratéxica de Navantia que non debe ser coñecida polos seus competidores”.

Porén, a consecuencia foi que se mantén a opacidade e a falta de información sobre o futuro inmediato da empresa, os seus posibles encargos, e as xestións comerciais (polo de agora ineficaces) levadas a cabo nos últimos anos. A deputada Rosana Pérez subliñou que milleiros de traballadores “están inquedos e preocupados pola falla de expectativas sobre a carga de traballo, máis alá de pronunciamentos idílicos sobre un quinto gaseiro que non se confirma e que nin siquera sabemos si vai ter participación dos estaleiros da Ría de Ferrol”.

 

A resposta nas rúas

As Marchas da Dignidade convocan unha acción de protesta este martes. "Porque en Ferrolterra temos dignidade. Somos unha comarca loitadora, que se rebela contra as decisións políticas que a agreden"

O Primeiro de Maio están convocadas na cidade dúas manifestacións, unha delas convocada por CC.OO., UGT e USTG, que partirá da Praza do Inferniño ás 12 horas, e outra, convocada pola CIG, que comezará ás 12.30 horas no local deste sindicato. Pero non serán as únicas mobilizacións nesta semana. Xa este martes as Marchas da Dignidade formadas para a gran manifestación do pasado 22 de marzo en Madrid convocan unha acción de protesta ás 19 horas diante da antiga porta do estaleiro, fronte ao Campo de Ferrándiz, en Esteiro. "Porque en Ferrolterra temos dignidade. Somos unha comarca loitadora, que se rebela contra as decisións políticas que a agreden", sinalan os seus organizadores. "Porque queremos recoller o exemplo que as miles de prendas de roupa colgadas na rella da antiga Bazán simbolizan, se o pobo está unido si se pode", engaden en referencia á iniciativa Carga de Dignidade, realizada o pasado ano nese mesmo lugar. 

O manifesto continúa dicindo que "Non nos rendimos ante aqueles que teñen decidido condenarnos a pobreza e ao traballo sen dereitos, non nos rendimos ante aqueles que teñen decidido facer da nosa comarca un deserto en ruínas, non nos rendimos ante aqueles que teñen decidido facer dos nosos dereitos o seu negocio" e chama "unir todas as loitas", citando por exemplo "a loita das pensionistas; a loita das preferentistas; a loita polo dereito ao aborto e contra a violencia machista; a loita pola defensa da vida e da Ría fronte a ameaza de Reganosa; a loita contra os desafiuzamentos e pola vivenda digna; a loita pola defensa da sanidade, o ensino e os servizos públicos; a loita contra os recheos da Malata".

A convocatoria chama a concentrarse ante o edificio do Concello, na Praza de Armas, a partir do momento en que rematen as manifestacións convocadas polos sindicatos, para rodealo durante horas, até a noite

De igual xeito, o xoves 1º de maio un grupo de cidadáns e cidadás de Ferrolterra convocou unha acción para "rodear o Concello", semellante ás manifestacións que en Madrid instaban a rodear o Congreso ou en Barcelona a rodear el Parlament. "Na nosa comarca este 1º de maio ten que ser de loita e vixilia ante a emerxencia social que estamos a vivir", destacan os seus organizadores. A convocatoria chama a concentrarse ante o edificio do Concello, na Praza de Armas, a partir do momento en que rematen as manifestacións convocadas polos sindicatos, para rodealo durante horas, até a noite. De feito, recoméndase ao asistentes levar candeas, para iluminar a mobilización.

Reivindícase investimento público para a contratación de traballadores que realicen funcións de conservación e rehabilitación do patrimonio, limpeza do monte e da ría. Tamén a "paralización", ante situacións de desemprego, de desafiuzamentos e de cortes de auga e luz. Igualmente, "carga de traballo para os nosos estaleiros", incluíndo nesta demanda o dique flotante e o levantamento do veto á construción civil. Un plan de axuda para o pequeno e mediano comercio da comarca, coa concesión de creditos e a limitación da apertura de novas grandes superficies. Tamén a "recuperación da Ría a través dun saneamento integral", a paralización do recheo da Malata e da actividade de Reganosa, e a "defensa dos servizos públicos".

Carga de dignidade © Susete
A acción 'Carga de dignidade', ante os guindastres de Navantia © Susete
Cartaz de 'Rodea o Concello' Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.