A 'peaxe' que nos cobran as tarxetas de crédito será menor

Tarxetas de crédito CC-BY Sean MacEntee

Cada vez que unha persoa realiza un pagamento cunha tarxeta de crédito nun establecemento comercial, ese comercio debe pagar unha pequena comisión, unha taxa interbancaria da que se benefician as entidades financeiras que emitiron a tarxeta coa que se pagou. Estas comisións fóronse incrementando nos últimos anos, até acadar na actualidade o 0,79% de media en España, e un total de máis de dez mil millóns de euros en toda a UE. É dicir, de cada cen euros que pagamos cunha tarxeta, case 1 vai directamente para o emisor.

Recentemente a UE ameazou Visa Europa con impoñerlle unha forte multa (de até o 10% da súa facturacións global) se non aceptaba reducir notablemente estas comisións. E Visa vén de aceptar un recorte que deixaría esta taxa no 0,3% do valor da transacción cando esta se paga con tarxeta de crédito e do 0,2% para as operacións a débito. En 2009 Mastercard aceptou un acordo semellante a proposta da Comisión europea, fixando igualmente unha comisión do 0,3%.

De cada 100 euros que pagamos cunha tarxeta, case 1 vai directamente para o emisor

O dano para o sector de distribución era tal (repercutido aos clientes nun consecuente aumento de prezos) que moitos comercios, incluída algunha importante cadea, comezaron a non aceptar pagamentos con tarxeta por debaixo dunha determinada cantidade. Foi o caso da cadea de supermercados portuguesa Pingo Doce, con máis de 370 tendas en todo o país. O pasado ano anunciou que non aceptaría pagamentos con cartão en compras inferiores a 20 euros e este xoves vén de presentar os seus resultados económicos correspondentes a 2013, destacando que a decisión lle permitiu aforrar máis de cinco millóns de euros. A empresa tamén anunciou que ao longo deste 2014 estenderá a posibilidade de pagar a través do teléfono móbil como alternativa ás tarxetas.

As asociacións que agrupan os distribuidores comerciais españois (CEC, ANGED, ASEDAS e ACES) veñen defendendo dende hai anos a necesidade de recortar estas taxas. Nestes momentos está en trámite lexislativo unha proposta da Comisión europea para establecer un límite ás comisiones interbancarias dos pagamentos con tarxeta. O límite proposto por Bruxelas situarase nos niveis acordados por Visa (o 0,3% para as tarxetas de crédito e o 0,2% nas de débito).

Tarxetas de crédito CC-BY Sean MacEntee
Un dos establecementos Pingo Doce CC-BY tawalker

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.