A planta de Alu Ibérica na Coruña pecha 14 días por precaución trala morte por coronavirus dun ex-traballador

Manifestación do persoal de Alu Ibérica, o pasado 11 de marzo na Coruña © CC.OO.

A decisión foi adoptada tras coñecer o falecemento de José Luis Paz Pena, ex-presidente do comité de empresa, de 75 anos e xa xubilado, pero que nos días anteriores estivera en contacto con varios traballadores

A planta de Alu Ibérica na Coruña (a antiga Alcoa) permanecerá pechada durante 14 días, de forma preventiva, para tentar evitar o contaxio do coronavirus entre os seus traballadores. A decisión foi adoptada este venres pola empresa, despois de coñecer o falecemento polo Covid-19 de José Luis Paz Pena, ex-traballador da planta e ex-presidente do comité de empresa de Aluminios de Galicia (posteriormente Alcoa).

Paz Pena, que tamén foi secretario xeral de CC.OO. na comarca da Coruña, tiña 75 anos e varias patoloxías previas. Por suposto, non traballaba na factoría neste momento, pero si estivo en contacto cun gran número de traballadores nas semanas previas ao seu falecemento. Por exemplo, participou o pasado 11 de marzo na manifestación levada a cabo polo persoal na cidade herculina para esixir medidas máis ambiciosas en relación co Estatuto de Consumidores Electrointensivos.

Instalacións de Alu Ibérica na Coruña, cando era aínda Alcoa CC-BY-SA Praza Pública

Non hai aínda ningún positivo por coronavirus entre o persoal da planta, pero por precaución e para evitar contaxios decidiuse a parada total da actividade

Alu Ibérica subliña que de momento non está confirmada a existencia de ningún positivo por coronavirus entre o persoal da planta, pero por precaución e para evitar contaxios decidiuse a parada total da actividade durante un período de 14 días, suficiente para comprobar a aparición de síntomas. Aínda que a produción para, a compañía explica que o subministro aos seus clientes está garantido grazas ao stock dispoñible.

A empresa pediulles a todos os traballadores que tiveron contacto directo co falecido que se poñan en contacto de inmediato co Servizo de Saúde en aplicación do protocolo fronte ao coronavirus establecido na empresa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.