A pobreza e a desigualdade, en aumento malia a recuperación do crecemento económico

Dominio Público Praza Pública

A economía galega creceu un 3,2% en 2015, despois de facelo un 0,4% o ano anterior, e a taxa de crecemento (á falta dos datos do derradeiro trimestre do ano) manterase en 2016 ao redor do 3%. Porén, cando menos en 2015, esta mellora dos datos macroeconómicos non tivo efectos na redución das taxas de pobreza e exclusión social e dos niveis de desigualdade. Ademais, a pesar dunha certa recuperación no emprego, o pasado mes de outubro o Foro Económico de Galicia alertou das dificultades de Galicia para crear postos de traballo: dende 2008 Galicia só recuperou 1,6 dos 18,5 puntos de emprego perdido.

En 2015 a taxa de pobreza seguiu en aumento, pasando do 16,41% ao 16,95% e situándose tres puntos por riba do nivel de 2008 (13,88%)

A Enquisa Estrutural a Fogares, feita pública o pasado venres polo IGE, revelou que en 2015 a taxa de pobreza seguiu en aumento, pasando do 16,41% ao 16,95% e situándose tres puntos por riba do nivel de 2008 (13,88%). Tamén a taxa de pobreza e exclusión social creceu unhas décimas, ata chegar ao 22,55%. 

A pobreza afecta máis a determinados colectivos e grupos de idade, especialmente aos mozos e mozas entre 16 e 24 anos (32%), movéndose entre o 24% e o 26% no resto dos grupos, agás os e as maiores de 65, con datos inferiores grazas á barreira contra a pobreza que constitúen as pensións de xubilación (para este grupo e os seus familiares).

Case catro de cada dez familias monoparentais (o 38,59%) viven en risco de pobreza ou exclusión social. Sete de cada dez destas familias dependen de mulleres

De igual xeito, cómpre salientar a situación das familias monoparentais: case catro de cada dez (o 38,59%) viven en risco de pobreza ou exclusión social. En Galicia hai un total de 103.712 fogares nos que unha persoa soa está a cargo dos fillos e fillas e, entre eles, 37.417 nos que os mozos e mozas teñen menos de 25 anos. Son, ademais, maioritariamente mulleres, no 70% das ocasións. Tamén as persoas que viven soas sofren a pobreza por riba da media (no 26,62% dos casos). 

En Galicia hai ao redor de 375 mil fogares (ao redor do 35% do total) nos que os ingresos mensuais non chegan aos 600 euros por persoa

En Galicia hai ao redor de 375 mil fogares (ao redor do 35% do total) nos que os ingresos mensuais non chegan aos 600 euros por persoa. Case medio millón de galegos e galegas (489.680, o 18% do total) declaran que non se poden permitir "manter as súas vivendas a unha temperatura adecuada". De igual xeito, o 35% dos galegos e galegas (case un millón) non se pode permitir "facer fronte a gastos imprevistos" ou que o 56% (un millón e medio) non se pode permitir "ir de vacacións unha semana ao ano". Ademais, 41 mil persoas afirman non poder permitirse "unha comida de carne, polo ou pescado cando menos cada dous días", un número afortunadamente moi inferior ao que se rexistraba en 2011 (140 mil).

O Índice de Gini, utilizado para medir a desigualdade nos ingresos, acadou en 2015 o seu valor máis alto nos últimos cinco anos (0,287), crecendo catro milésimas con respecto ao 2014 e quince centésimas en relación ao 2008

Os datos da Enquisa Estrutural a Fogares tamén revelan que a desigualdade económica continúa a crecer en Galicia. O Índice de Gini, utilizado para medir a desigualdade nos ingresos, acadou en 2015 o seu valor máis alto nos últimos cinco anos (0,287), crecendo catro milésimas con respecto a 2014 e quince centésimas en relación ao 2008. O crecemento pode parecer pequeno, pero calcúlase que unha variación de dúas céntesimas equivale a unha distribución dun 7% de riqueza do sector más pobre da poboación (por debaixo da mediana) ao máis rico (por riba da mediana).

Este incremento da desigualdade pódese aprezar tamén no indicador da distribución da renda S80/S20, o cociente entre o total do ingreso equivalente do quintil máis rico da poboación e o total do ingreso equivalente do quintil máis pobre. O resultado pasou de ser 4 en 2008, antes da crise económica a ser de 4,5 no 2015. É dicir, que o 20% da poboación máis rico ten catro veces e media máis renda que o 20% máis pobre.

Finalmente, a Enquisa Estrutural a Fogares recolle tamén información desagregada por comarcas e para as sete cidades. Aínda que neste caso deben ser tomados con máis cautela, por tratarse de mostras máis pequenas, os datos amosan que Vigo e Pontevedra serían as urbes nas que máis persoas sofren situacións de pobreza e exclusión social e Lugo, Compostela e A Coruña as que presentan mellores indicadores.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.