Os traballadores convocaran unha concentración ás once e media da noite diante do Concello. O obxectivo era ligar a súa protesta e as demandas de carga de traballo e de claridade sobre os contratos promrtidos por Feijoo ao inicio da campaña electoral. Á mesma hora os partidos realizaban os actos de pegada de carteis nas proximidades da Praza de Armas. En total concentráronse ao redor de 300 traballadores de Navantia e das súas empresas auxiliares, que realizaron unha sonora cazolada.
A protesta, que se dirixiu principalmente contra o Partido Popular, obrigou o PP a levar a súa pegada de carteis dende a praza de Amboaxe até o Hotel Almirante. No acto participaban o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; o secretario xeral do PP da Coruña, Diego Calvo; e o número catro da lista por esta provincia, Miguel Tellado
A protesta e a cazolada dirixiuse cara ali. Os populares denuncian que os manifestantes lanzaron ovos e algunha pedra contra os cristais do Hotel. Pasadas as doce da noite chegaron os antidisturbios, dos que un pequeno grupo chegou a entrar no hotel. Ás doce e media cargaron contra os 300 traballadores concentrados. O secretario comarcal da CIG, Xesús Anxo López Pintos, sufriu feridas na cabeza durante a carga policial e foi detido.
Finalmente, a policia escoltou os políticos populares para que abandonasen o hotel.