A produción industrial continúa estancada en Galicia

Evolución do IPI en Galicia e España Dominio Público Praza Pública

A produción industrial continúa sen amosar signos de recuperación en Galicia. O Índice de Produción Industrial (IPI) creceu lixeiramente en novembro, ata os 91.427 puntos (con base 100 en 2010), situando a súa media no que vai de 2015 nos 90.186 puntos, o que representa un aumento do 3,7% con respecto a novembro de 2014. Porén, facendo unha lectura máis ampla pódese concluír que o Índice está estancado dende 2013, cando xa rexistraba valores semellantes. O IPI, ademais, sitúase moi por debaixo dos niveis previos á crise.

Galicia, ademais, crece de forma máis lenta que a media española (+5,7 puntos dende novembro de 2014), que sitúan o seu IPI nos 96.767 puntos. Aínda que no conxunto do Estado o índice segue igualmente lonxe dos valores anteriores a 2009, nos últimos dous anos si que estamos asistindo a unha recuperación máis nítida.

De feito, mentres Castela-León, Catalunya, La Rioja ou a Comunitat Valenciana xa se atopan por riba do nivel de 2010, e Euskadi, Navarra, Asturias ou Aragón achéganse a ese índice 100, Galicia aparece entre as comunidades cunha peor evolución do IPI, só mellorando os datos de Baleares, Madrid, Estremadura, Murcia e Andalucía.

Evolución do IPI en Galicia e España Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.