A produción industrial en Galicia segue caendo e baixa máis do dobre da media estatal

Un traballador do naval en Vigo CC-BY-NC-ND Salvador Moreira

Galicia segue sufrindo a caída da súa produción industrial, rexistrando no mes de xaneiro a terceira peor taxa anual de todo o Estado. Así o indican os datos feitos públicos polo Instituto Nacional de Estatística (INE), nos que se aclara que tan só Andalucía e Navarra sufriron unha maior baixada deste índice con respecto ao mesmo mes do ano pasado. 

Xa que logo, a caída anual en Galicia do índice de produción industrial (IPI) foi do -4,9% fronte ao descenso medio no conxunto do Estado do -2%, menos da metade do rexistrado na comunidade autónoma. As cifras teiman nos malos datos que o sector industrial vén recollendo no país desde hai xa varios meses, sendo o terceiro peor territorio do Estado neste ámbito. 

A caída da produción industrial galega no último ano é de máis do dobre que no conxunto do Estado

Pola contra, oito comunidades rexistraron taxas positivas, dándose as maiores en Estremadura (12,2%), Asturias (8,1%) e Baleares (6,2), mentres que, do resto, as maiores baixadas foron en Navarra (-8,2%) e Andalucía (-7,0%), seguidas xa de Galicia. 

Co descenso interanual de xaneiro, a produción industrial no conxunto do Estado regresa a terreo negativo despois de aumentar un 3,1% en decembro. Este recorte da produción industrial en xaneiro foi consecuencia da caída experimentada por todos os sectores, con excepción da enerxía, que situou a súa taxa interanual no 3,2%. Os bens de consumo non duradeiro e os duradeiros mostraron diminucións interanuais do 6,7% e do 4,2%, respectivamente, mentres que os bens de equipo e os intermedios retrocederon un 1,7% e un 1,6%.

Galicia perdeu máis de 50.000 empregos na industria desde a chegada de Feijóo á Xunta

De eliminárense os efectos estacionais e de calendario, a produción industrial creceu un 0,4% respecto de xaneiro de 2014, en contraste co estancamento que rexistrou en decembro. En Galicia, pola contra, o estancamento -e mesmo empeoramento- é evidente. E as súas consecuencias, tamén. 

Tal e como lembraba o PSdeG hai pouco máis dun mes, Galicia perdeu máis de 50.000 empregos na industria desde a chegada de Feijóo ao goberno da Xunta. Desde 2009. O sector industrial galego conta, na actualidade, cuns 160.000 operarios no país, fronte aos máis de 210.000 de hai seis anos. 

Francisco Conde, conselleiro de Economía e Industria © Ana Varela
Un traballador do naval en Vigo CC-BY-NC-ND Salvador Moreira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.