A produción industrial en Galicia segue sen levantar cabeza

Manifestación de parados do sector naval CC-BY-SA CIG

Galicia segue sen recuperar o seu pulso na industria e no pasado mes de abril rexistrou a quinta peor posición de entre todas as comunidades autónomas no Índice de Produción Industrial (IPI). Descendeu un 1,4% fronte ao ascenso do 2,7% que se deu no conxunto do Estado, segundo os datos que vén de facer públicos o Instituto Nacional de Estatística (INE). 

A produción industrial en Galicia caeu un 1,4% en abril e no que vai de ano continúa cinco veces por baixo da media española

No que vai de ano, Galicia continúa cinco veces por debaixo da media española de produción industrial, xa que conta cun descenso acumulado do -0,3%, mentres que o conxunto do Estado aumentouno nun 1,7%. No pasado mes de abril, o dato galego constata co de territorios veciños como o de Asturias, onde o IPI ascendeu un 8,3%. 

O índice de produción industrial galego ten a terceira peor evolución no que vai de ano e a quinta peor do mes de abril

Galicia forma parte así do grupo de cinco autonomías con dato negativo no que vai de ano, ao mesmo nivel que Navarra e Andalucía e tan só mellor que Cantabria (-1,6%) e Castela e León (-1,8%). No que se refire ao mes de abril, o descenso só é superado polo de Canarias (-3,4%), a comunidade navarra (-2,3%), Baleares (-2%) e o índice castelán-leonés (-1,6%).

A variación interanual negativa mantense logo da experimentada en abril de 2014 (-8,1%) e logo de que ese mesmo ano pechase cunha taxa negativa de -2,2%, un dato tamén moito máis negativo que o do conxunto do Estado (+2,1%).

O sector naval ferrolán é un dos máis damnificados nestes anos CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.