A 'recuperación económica' non chega aos fogares das sete cidades

Poboación en risco de pobreza ou exclusión social nas sete cidades Dominio Público Praza Pública

Para milleiros de familias galegas as apelacións á recuperación ou a saída da crise pertencen aínda ao campo da retórica. Moi especialmente nas zonas urbanas, que sufriron especialmente os golpes do desemprego. O IGE publicou o pasado venres os datos desagregados da Enquisa estrutural a fogares, que permiten realizar unha análise panorámica da saúde económica e social das sete cidades do país. As cifras, actualizadas ao 31 de decembro de 2013, amosan un incremento continuado do número de persoas en risco de pobreza e exclusión social, que en Ferrol acadan o 25,78% da poboación, superando as cifras de Vigo (24%), Pontevedra (23%) e A Coruña (22,39%). Nestas catro urbes a poboación pobre, con carencias materiais severas ou que vive en fogares sen ingresos incrementouse ao redor de tres puntos dende o 2012. Ourense (20,4%) e Compostela (18,02%) presentan cifras moi negativas, igualmente, e só Lugo (14,5%) ofrece un panorama algo máis positivo. 

A loita contra a pobreza e a desigualdade converteuse nun dos asuntos máis importantes na última campaña electoral nalgunhas cidades, e a maior parte das candidaturas que chegaron á alcaldía das urbes galegas fixeron da política social un dos núcleos centrais dos seus programas e da súa acción de goberno para os vindeiros catro anos. De igual xeito, a propia Xunta de Galicia sorprendía a todos a pasada semana ao anunciar unha batería de medidas destinadas a aliviar a difícil situación pola que atravesan moitas persoas, unhas medidas que chegan despois de dous anos e medio de lexislatura e que, á vista de todos os indicadores, parecían moi necesarias xa en 2012 e 2013.

  2011 2012 2013
Ferrol 22,13 22,97 25,78
A Coruña 17,62 19,09 22,39
Compostela 16,15 18,70 18,02
Lugo 13,92 17,71 14,50
Ourense 17,85  23,24 20,40
Pontevedra 24,58 20,62 23
Vigo 22,06 21,21 24,19
Galicia 22,05 23,58 22,83

Taxa de risco da pobreza ou exclusión social. Fonte: IGE

Outros indicadores, máis subxectivos, amosan igualmente o empeoramento da situación nas sete cidades galegas. Preguntados os entrevistados polo grao de dificultade para chegar a fin de mes, atopamos que en Compostela o 65% declara ter "dificultades" ou "moitas dificultades" económicas, unha porcentaxe que en Vigo é do 62% e en Pontevedra é do 58%. Nas restantes urbes as proporcións son igualmente elevadas: 50% en Lugo, 48% en Ferrol, 46% na Coruña ou 41% en Ourense. O número de familias con problemas económicos creceu nos últimos dous anos en Ferrol (do 42 ao 48 por cento), en Compostela (do 51 ao 65 por cento) e en Pontevedra (do 54 ao 62 por cento), mantívose no mesmo nivel en Lugo e Vigo e descendeu lixeiramente na Coruña e Ourense.

Ingresos á baixa

A media de ingresos por fogar acadou o seu máximo entre 2007 e 2009 e descendeu con forza nos últimos catro anos, situándose por debaixo dos datos de hai seis anos en todas as cidades. A redución vai dende os 50 euros por mes e familia en Ourense, os 100 de Lugo, os 200 de Vigo, Pontevedra, A Coruña ou Ferrol, ata os case 350 euros de caída en Compostela.

Descende o ingreso medio, e increméntanse ademais as desigualdades, recaendo nas rendas máis baixas os maiores sufrimentos. A porcentaxe de fogares que ingresan cada mes menos de mil euros rolda o 25 por cento en Ferrol (24,72%), A Coruña (24,87%) e Vigo (24,04%) e sitúase ao redor do vinte por cento no resto: Lugo (22,3%), Pontevedra (20,97%), Ourense (19,49%) e Compostela (18,42%). Dende o 2009 a súa porcentaxe incrementouse notablemente en case todas elas: en Ferrol pasou do 15,24% ao 24,72%, na Coruña do 17,41% ao 24,87%, en Compostela do 15,82% ao 18,42%, en Lugo do 15,31% ao 22,3%, en Pontevedra do 17,11% ao 20,97% e en Vigo do 16,97% ao 24,04%. Tan só en Ourense baixaron dende un 24,41% ao 19,49%.

A enquisa estrutural a fogares elaborada polo IGE (con datos actualizados a 31 de decembro de 2013) ofrece tamén datos sobre a maior ou menos dependencia das familias das prestacións (sexa pensión de xubilación ou doutros tipo, sexa seguro de desemprego, RISGA ou outras axudas). A enquisa indica que o número de familias cuxo sustento depende destes pagamentos non deixa de crecer, e sitúase en niveis moi elevados en todas as urbes, e moi especialmente en Ferrol. Na cidade departamental o 42,65% dos fogares non recibe outros ingresos que os procedentes das prestacións, unha porcentaxe que se incrementou notablemente nos últimos dous anos (era do 38% en 2012 e do 31% en 2011). Tan só en Ourense a proporción de familias cuxos ingresos dependen totalmente das prestacións supera o trinta por cento (31,5%), aínda que en todas as urbes, sen excepción, estas porcentaxes se foron incrementando ao longo da crise.

  2007 2009 2011 2013
Ferrol 2.044 2.250 1.940 1.878
A Coruña 2.377 2.271 2.142 2.139
Compostela 2.528 2.446 2.378 2.184
Lugo 2.196 2.381 2.132 2.112
Ourense 2.068 2.019 1.982 2.019
Pontevedra 2.260 2.425 2.071 2.046
Vigo 2.197 2.246 2.071 2.016
Galicia 2.026 2.010 1.908 1.910

Ingresos medios mensuais por fogar: Fonte: IGE

Poboación en risco de pobreza ou exclusión social nas sete cidades Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.