Galicia crea 21.300 empregos no verán pero o paro crece en 19.400 persoas

Persoal dun local de hostalaría en Galicia CC-BY-NC-SA CIG

Sobe o emprego pero aumenta tamén o paro. Os datos da última Enquisa de Poboación Activa (EPA), publicados este martes polo Instituto Nacional de Estatística (INE) amosan á vez a fortaleza dun mercado laboral galego que segue atraendo persoas ocupadas, tras crearse 21.300 empregos no pasado trimestre, pero tamén un incremento do paro en 19.400 persoas (+19,2%) que eleva a taxa ata o 9,17%, logo de que no anterior baixase do 8%, porcentaxe a partir do cal se considera que se acadou o pleno emprego. 

Galicia creou 21.300 empregos en Galicia pero o paro subiu en 19.400 persoas, un crecemento simultáneo debido ao forte aumento da poboación activa, en máis de 40.000 persoas

Este aumento simultáneo de emprego e paro débese fundamentalmente ao forte incremento da poboación activa en Galicia, medrando en case 41.000 persoas nos pasados meses de xullo, agosto e setembro e alcanzando máis de 1,31 millóns. Supón unha das mellores cifras nos últimos anos, impulsada tamén pola chegada de poboación migrante e o proceso de regularización. 

En comparanza con hai un ano, o mercado laboral galego sumou 13.900 empregos máis pero tamén aumentou en case 18.000 o número de persoas desempregadas, cunha poboación activa que sumou 31.800 mulleres e homes en condicións de traballar. 

Por outra banda, a taxa de paro dos homes en Galicia é do 9,11 % e a das mulleres, do 9,24 %, mentres que a taxa de actividade  canto á taxa de actividade sitúase no 54,6%, case cinco puntos por baixo da media do conxunto do Estado: 58,05 % nos homes e 51,36 % nas mulleres.

Novo récord no Estado

No conxunto do Estado, o paro marcou un novo récord ao alcanzarse os 22,8 millóns de traballadores, aínda que o paro subiu en 95.900 persoas en verán, aínda que en termos interanuais descendeu en 21.900 persoas, un dato que contrasta co de Galicia, onde o desemprego subiu tamén con respecto a hai un ano. 

O mercado laboral sumou en España 73.600 persoas ocupadas no terceiro trimestre, un dato algo menos bo do habitual, ao tempo que, co proceso de regularización impulsado polo Goberno de España a pasada primavera, continúan agromando milleiros de traballadores migrantes que permanecían na economía ilegal. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.