Nin a regularización extraordinaria de persoas migrantes, que impulsara o emprego desde o pasado mes de abril, puido frear o impacto do final do verán no mercado laboral galego. Mentres no conxunto de España os datos deixaron o mellor setembro da historia, con un aumento de 92.300 traballadores e traballadoras, Galicia destruíu máis de 6.500 postos de traballo.
A regularización de persoas migrantes deixou o mellor setembro da historia en España, con 92.300 empregos máis; Galicia destruíu máis de 6.500
Son 6.516 afiliacións medias menos á Seguridade Social con respecto ao mes de agosto, quedando a cifra total en 1.127.967 persoas traballando en Galicia que son, no entanto, case 24.000 máis que hai un ano.
A destrución habitual no emprego que se produce no mes de setembro —ligada á fin da campaña de verán e ao final de moitas contratacións no sector da hostalaría— non puido ser paliada desta vez pola achega das persoas migrantes, que ocupan arredor de tres de cada catro empregos. Tampouco polo influxo do proceso de regularización extraordinaria levada a cabo polo Goberno de España entre abril e xuño.
A 30 de setembro, o 40% das persoas que en Galicia solicitaron a regularización extraordinaria (arredor de 39.000) estaban traballando xa legalmente. Máis de 15.000 dadas de alta na Seguridade Social e cotizando, que supoñen o 3,6% do total de persoas acollidas a este proceso e xa con contrato laboral en España: 421.306.
O 40% (máis de 15.000) das persoas regularizadas no proceso extraordinario en Galicia están xa dadas de alta na Seguridade Social
Tendo en conta que moitas das persoas que se acolleron a esta regularización son maiores que xa non están en idade de traballar ou menores, a proporción de migrantes que entrou no mercado laboral en Galicia é elevada, ao que hai que engadir aquelas que intentan acceder a el a través das oficinas de emprego.
Con todo, o aumento do paro foi mesmo menor ao que se deu nos últimos meses de setembro, cun incremento de 2.746 persoas rexistradas nos servizos de colocación ata un total de 112.437 persoas, que son 648 menos que hai un ano. No conxunto do Estado, a suba foi de 23.500 no pasado mes.
O desemprego rexistrado en Galicia sobe en todos os sectores agás na construción, onde se mantén practicamente igual, pero é de novo o sector servizos o que carga con case todo o incremento (+1.574).
O paro aumentou en máis de 2.700 persoas en setembro, sobre todo no sector servizos e no colectivo sen emprego anterior
Nesta ocasión, o aumento é tamén moi importante no colectivo sen emprego anterior, con 817 persoas máis apuntadas nas oficinas de emprego, unha suba que si se explica pola inclusión de migrantes regularizados que están a procurar traballo tras conseguir os papeis.
Precisamente, a mediados do pasado mes de setembro, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou a posta en marcha dun plan dotado con máis de 2,6 millóns para facilitar a integración laboral das persoas acollidas á regularización extraordinaria de migrantes.
Rueda xustificara a posta en marcha deste programa, en parte, polo "impacto" que esta regularización está a ter xa nas cifras de paro rexistrado no país, e cifraba en "máis de 2.100 persoas" as "inscritas nas oficinas de emprego da comunidade como consecuencia deste proceso”. Son datos a peche do mes de agosto, segundo aclara a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Só o 31% de contratos indefinidos
O número de migrantes regularizados no proceso extraordinario en Galicia que se atopaban no paro no último día de agosto supoñían menos do 2% do total de persoas paradas na comunidade autónoma e arredor do 5% do total de migrantes que se acolleron a ese proceso e solicitaron os papeis.
Por outra banda, e en canto aos contratos, asináronse en Galicia 76.930 no pasado mes de setembro, dos que tan só 23.785 foron indefinidos, o 31%, unha porcentaxe moito máis ampla que antes da aplicación da reforma laboral pero moito menor á que se dá no conxunto do Estado, onde supera o 44%.